segunda-feira, março 26, 2007

KHALED no Auditorio de Galicia. Expectativas cumpridas


Como era doado supór, a visita de Khaled a Compostela non ía deixar entradas na billeteira. Con esta expectación e un público entregado, tampouco faltou unha nutrida presenza da colonia norteafricana e francesa residente en Galiza. Pouco disposta, por certo, a permanecer sentada nas cadeiras do Auditorio de Galicia. E máis aínda: para rachar coa predisposición á formalidade nestes concertos, había fans a pé de escenario e nos laterais bailabando, aplaudindo, coreaando, tirando fotos e mesmo aproveitando a accesibilidade ás táboas para subir e bicaren ao ídolo. A cor púñana unhas bandeiras de Alxeria e Marrocos que provocarían un dos detalles de seguro máis lembrados da noite. Khaled botouse enriba todas estas telas que subiron a lle entregar e seguiu a se mover ata que no medio dunha canción terminou por pisalas e bater aparatosamente contra o chan. Mais a amabilidade e o sorriso permanente de Khaled non foron crebados polos numerosos asaltos de compatriotas ao escenario nas case 2 horas de actuación. No musical non defraudaron nin a impresionante voz desta figura da chamada "world music" nin a banda que o acompaña. As pegas, aplicables a varios concertos deste tipo, serían o volume excesivamente alto dos primeiros temas e o abusivo emprego que con frecuencia fan os executantes de estilos como o raï dos sintetizadores. Si, ben empregados dan corpo á música, mais bordean perigosamente a estridencia. Persoalmente disfrutei máis da atinada mestura con outros estilos como o reggae (pronunciado "regue" ou "regué", por favor), o flamenco, e ritmos caribeños. Finalmente, e como era tamén previsible, as magníficas "Didi" e "Aicha" puxeron todo o recinto en pé pouco antes de que o protagonista saíse apresuradamente na procura do coche que, por motivos de seguridade, na mesma porta o agardaba. Alí estrechei a súa man pois eu tamén saía con présa. O meu coche agardábame, sen chófer nin gardacostas, para viaxar a Coruña e ver a ELVEZ.
pepe cunha 26/03/07

1 Comments:

Anonymous Anónimo said...

Nuevo blo de la historia de La Coruña
http://anorocoruna.blogspot.com/

3:40 da tarde  

Enviar um comentário

<< Home