sábado, dezembro 30, 2006

2006. Novos folgos na música en galego

(encargado para o vindeiro DeTroula, xaneiro 07)

Tras a sona e recoñecemento de traballos que seguiron a funcionar desde o ano anterior, coma os da Nova Escola Galega de Danza (“Alento”), Lamatumbá (“Lume”), Espido ou Xabier Díaz (“Músicas de salitre”), en 2006 fomos confirmando unha sa variedade estilística na música feita en galego. Ás correntes ata o de agora predominantes do folk e a festa mestiza, engadimos xa hip-hop, power-pop, ska tradicional, electrónica, rock, jazz vocal, canción de autor, ritmos do mundo, relectura das músicas populares do século pasado...(que ben telo difícil para etiquetar certas propostas!) e, o que cómpre nestes casos, medios para a súa difusión.

Xa non contamos só coa internet (A Regueifa.net, Komunikando.net, Álbum-gz.com, a revista recén estreada Sono-tone.net...) ou con pequenos recunchos radiofónicos para escoitar bandas galegas. Neste ano fóronse consolidando unhas renovadas radio e televisión públicas, onde programas coma Extrarradio, Aberto por reformas, As quimbambas, Mundo verbena, Alalá ou Miraxes procuraron cumprir parte do seu cometido ao emitiren e falaren da música feita no país. Apostouse incluso, coa colaboración do veterano portal Vieiros.com, por atopar a canción galega do verán no proxecto “A polo ghit”. Cunha grande aceptación, en parte incrementada pola súa incursión nun programa televisivo de tanta audiencia como o Luar, esta iniciativa animou á participación dos músicos e ao descubrimento por gran parte do público dunha viva escena musical.

Xa era hora de que entrase aire fresco nos medios públicos, pois a ninguén medianamente informado escapa que contamos con bos e creativos artistas (con tan bos traballos coma o do Conservatorio de Música Folque e Tradicional de Lalín). Ademais, e xa ía sendo tempo, as reticencias para se expresar en galego nos textos vaise esvaecendo. Se cadra estamos xa no camiño da normalización do emprego do galego nuns textos que o público acepta cada vez con menos prexuízos. Coma mostras, o triunfo de Marful no seu concerto do Auditorio de Galicia, a estupenda actuación de GalegoZ no festival Reperkusión de Allariz ou a aceptación da verbena de Lamatumbá pola Península adiante.

Velaquí vai a miña escolma de 10 álbumes e unha compilación “en galego”

Marful “Marful” (Producciones Efímeras)

Emilio Rúa “Vida miña” (Do Fol- BOA)

Nordestin@s “Nordestin@s” (Falcatruada)

Dios Ke Te Crew “Xénese” (Falcatruada)

Fanny + Alexander “Lusco e fusco” (A Regueifa)

Faltriqueira “Efecto Faltriqueira” (Resistencia)

The Homens “#2” (thehomens.com)

Zenzar “Sigue…e dalle” (Autoedita-Falcatruada)

GalegoZ "Galician Chimpanzee"(Ouvirmos)

Projecto Mourente “Baixo os eucaliptos” (A Regueifa)

Varios artistas “A Per Loca Musical” (Komunikando.net) (con Safari orquestra, A matraca perversa, Os tres trebóns, Cuchufellos, Presencia Zero, Skarnio, A compañía do ruído, Soak...)

Seica comeza ben o 2007 co primeiro longa duración dos negroides Loretta Martín, a presentación en directo de Bonovo (Óscar Fernández, Pulpiño Viascón e Roberto Grandal), o seguimento de propostas coma o rap “do país” d´Os Trasnos de Moscoso, a fusión de Som do Galpom, a consolidación do ska da vella escola de Dandy Fever, un disco homenaxe a Andrés Do Barro...

Que non decaia e nin un paso atrás, nin para tomar impulso, que cantaban Os Resentidos. (Reedición xa!)

2 Comments:

Anonymous Anónimo said...

Impresionante o que non coñecíamos moitos.

8:17 da tarde  
Anonymous Anónimo said...

MESSAGE

10:29 da tarde  

Enviar um comentário

<< Home