Quinta-feira, Outubro 15, 2009
Terça-feira, Outubro 06, 2009
Mélissa Laveaux confortounos no Jofre. Sábado 3 de outubro de 2009
A proposta de Melissa Laveaux é un reflexo dela mesma. Esta canadiana de orixe haitiano e 24 anos é unha mente aberta e curiosa, maduramente inxenua ou inxenuamente madura. As súas cancións cheiran a inquedanzas vitais mesturadas con diversas influencias culturais. Disque aprendeu a tocar e compoñer case autodidactamente mentres escoitaba moitas músicas: folk independente canadiano (Joni Mitchell, Feist), trip-hop británico (Massive Attack, Portishead), música brasileña alternativa (Adriana Calcanhotto, Os Mutantes), hip-hop e nu-soul (Erikah Badu, The Roots…), grandes voces da tradición afro-americana (Billie Holiday, Nina Simone, Aretha Franklin) e artistas doutros continentes (Oumou Sangare). Se a iso engadimos un xeito percusivo de tocar a guitarra e o selo persoal dunha voz intimista, confidencial, lixeiramente áspera e profunda, seductora e atractiva, temos ante nós unha prometedora cantautora de corte universal.
Para deleite de quen amamos as linguas e a comunicación, exprésase en francés, inglés e creoulo, ademais de chapurrear con éxito o castelán, como amosou en Ferrol. A ver se aprenden moitos que falan de liberdade cando en verdade agochan incultura ou falla de sensibilidade ante outras realidades moito menos alonxadas.
O Jofre rendiuse aos seus encantos nun concerto que gardar na memoria, coma ese par de versiones fantásticas incluídas no seu álbum debut Camphor & Copper (“Needle In The Hay” de Elliott Smith e “I Wanna Be Evil” de Eartha Kitt), a canción de berce … Os arranxos e a formación minimalista de trío, baixo e guitarra completaron unha hora e media de música chea de enerxía e impacto.
Sen dúbida, un agasallo e unha recompensa para uns centos de persoas que apostamos por achegármonos a ver e escoitar o que nos cantaría unha marabillosa descoñecida. Polo momento.
Etiquetas: abretedeorellas, jofre, melissa laveaux, pepe cunha
Quinta-feira, Outubro 01, 2009
Albert Plá en Lugo. La diferencia. 28-outubro-2009

O espectáculo de “La diferencia” é unha mestura de monólogos, contos, desbarres e delirios onde conviven os formatos falado, recitado e cantado. Agachándose na imaxe dun neno entertainer, bota man da “improvisación” que só un tipo con imaxinación, descaro e falla de prexuízos domina.
Entre a inocencia e a lucidez dos cativos, e sempre con referencia ao mundo que nos rodea, decote non sabemos de certo se Albert Plá está máis no sen-sentido da nosa sociedade e as súas paranoias ou do lado do sen-sentido do surrealismo. Seica aí radica gran parte da diferencia precisamente.
Aínda que o seu espectáculo comezou con moita forza, foi perdendo algo de atención ao enfrontármonos a delirios menos lúcidos, como “La colilla”, canción que xa coñeciamos da anterior xira, onde o apoio de imaxes acaíalle ben. Mais cómpre destacar a facilidade coa que enganchou co público -maioritariamente cómplice, todo sexa dito- para o que a novidade da ampla maioría de temas non foi impedimento para o gozo. Coido que repasou enteiro o último álbumLa diferencia (Hongos, Buscando, Ciego, Corazón, Malos pensamientos, Fantasma, La colilla, Juerga catalana...) e apenas recuperou clásicos, como “El bar de la esquina” do seu emblemático “No sólo de rumba vive el hombre” no primeiro bis ou “Lola”.
Porén, nin lle fixo falta para convencer. Quen gusta deste artista único fai por velo xira a xira, pois sabe que se coidará de non caer nin no abuso da repetición de material nin na perda dos seus sinais de identidade. Mentres outros apostan polo seguro, Plá tenta de renovarse. “La diferencia” é que Albert Plá é de verdade diferente.
Pepe Cunha 1-outubro-09
Segunda-feira, Julho 13, 2009
moito Obradoiro para Laurie Anderson e Lou Reed

Recoñezo que até ben entrada a tarde tiña as miñas dúbidas sobre viaxar a Compostela. O tempo estaba horrible, de chuvia constante, e non descartaba unha cancelación ou, como pouco, un boa molladura. Comezaba ás dez da noite e ao día seguinte tocábanos currar aos que desafortunadamente non estabamos de vacacións ou, afortunadamente, tampouco no paro. Ademais, a proposta musical apuntaba a un concerto experimental. Non teriamos un grandes éxitos de ámbas as traxectorias de Laurie Anderson e Lou Reed. Non soarían uns “O Superman” ou “Walk on the Wild Side”, e se outras pezas recoñecibles o facían, sería nun formato reinventado ou deconstruído. Coido que a maioría tiñamos claro, agás esa xente despistada ou demasiado esperanzada, que o que presentaría a parella neoiorquina apuntaba máis ao vangardismo de ela que ao rock de el. Porén, tomeino coma unha desas probas da melomanía dun servidor, unha desas citas referenciais no país ás que nos obrigamos os que adicamos boa parte do noso tempo a vivir máis intensamente a música popular ou mesmo a escribir sobre ela.
Seica non fun, nin moito menos, o único con dúbidas, pois entre os 40 € máis desprazamento, o imprevisible repertorio e o mal tempo que non animaba a apuntarse a última hora (a pesar de que ben se sabía que quedaban entradas), non chegariamos á metade dese aforo de 4000 cadeiras. Así, a primeira impresión foi a de que o Obradoiro acaíalle excesivamente grande á cita. No meteorolóxico, a pesar do ceo a chuvia respetou o noso esforzo. No musical, si se confirmou que o proxecto “Yellow Pony” poderíase presentar perfectamente como unha actuación de Laurie Anderson acompañada do seu marido Lou Reed, pois é ela a que leva o peso. As palabras eran as grandes protagonistas, agás neses momentos musicais mellor recibidos. O escenario era sobrio, con ela á esquerda ao violín e os efectos de voz, el á dereita sentado coa guitarra, por momentos estridente e pesada, e no centro o teclista Louis Suddarth Calhoun. Ao fondo no alto, os subtítulos das letras nunha pequena pantalla. Nos lados do escenario, cadansúa pantalla só para ver aos músicos de cerca, pois non ofrecían proxección ningunha.
A intro do álbum “Magic and Loss” de Lou pronto deixou paso ás pezas, recitados e contos de Laurie, aínda que pronto soou “Pale Blue Eyes”. Até o bo final con “I´ll Be Your Mirror”, durante algo máis de hora e media de actuación foron intercalando pezas de Reed como “Halloween Parade”, “Who Am I”, “Romeo Had Juliette” e partes do “Mystic Child”, que foron do mellor recibido canda algúns spoken word da carismáticamente relaxada Anderson, como “Only An Expert” ou o dúo "The Lost Art of Conversation". Estaba claro que a maioría estaba máis cómoda e receptiva cando os músicos se achegaban ao terreo de Reed.

Gardarei unha sensación agridoce. Estiven alí e gustei dalgúns momentos, os menos, pero o que se di desfrutar dunha grande proposta … máis ben non. Se cadra o Obradoiro necesita de máis melodía que a que ofrece un concerto vangardista ou experimental, no que quen mellor se entretiveron foron os músicos. Sinceramente, non buscaba un “grandes éxitos”, son máis dos que van ver o que lles presta aos músicos, pero agardaba algo máis deles sen caer en concesións de músicos máis acomodados, que temos claro que non son. Sen ir máis lonxe, e por citar unha artista tamén relacionada coa vangarda, a actuación de Anne Clark hai unhas semanas no Auditorio engaioloume
Pepe Cunha 13-xullo-09
Quinta-feira, Julho 02, 2009
Xullo 2009 en Galicia: póker de citas fóra dos festivais
Como primeiro prato, YANN TIERSEN o venres 3 nas instalacións de ExpoCoruña. O compositor e multi-instrumentista nado en Brest é recoñecible inmediatamente para o gran público pola súa contribución ás bandas sonoras de "Amelie" ou "Good Bye, Lenin". Porén, cómpre telo en conta tamén, por mor dos seus achegamentos ao pop, coma un dos máis destacados nomes da nova chansón francesa das últimas décadas canda Benjamin Biolay, Dominique A (que tamén posou hai case un par de anos por estes lares grazas ao ciclo Sons da Diversidade) ou Françoiz Breut (aquí hai que reivindicar o festival SinSal por traernos cousas deste nivel).
Tamén na Coruña e desde Francia, mais desta vez no Teatro Colón Caixa Galicia, un dos grandes harmonicistas a nivel mundial, J.J. MILTEAU. Un tipo interesante polo seu virtuosismo e polo seu carácter multidisciplinar, pois compón tamén bandas sonoras de todo tipo (anuncios, películas, programas de televisión), é enxeñeiro de son, fotógrafo ou editor. Xa que logo, presumimos un concerto variado, máis aló do blues, aínda que virá en formación de sexteto para presentar principalmente o seu "Soul Conversation". Entre os músicos, o guitarrista e home de confianza Manu Galvin, co que leva máis de vinte anos
A parella artística, e tamén sentimental, LOU REED & LAURIE ANDERSON actuarán o domingo 12 na Praza do Obradorio. Disque será un concerto de carácter solidario, por mor da celebración do trasplante número 5000 que se realiza en Galicia. Por isto, haberá unha fila cero con prezos por riba dos 40 € que custa cada unha das 4000 cadeiras habilitadas. A denominación do concerto é "The Yellow Pony and other Songs and Stories", unha colección de contos, cancións e poemas, mais de seguro caerán improvisacións e interpretaciones en solitario e a dúo de temas nos que o amor é protagonista. Da última visita de Reed a Galicia (festival do Monte do Gozo) poucos gardan bo sabor de boca e esta ocasión semella axeitada para arrincar esa espiña.
O venres 17 JOHN MAYALL no Multiusos do Sar, en Compostela. Ai, cantos tópicos, comezando polo de "pai do blues branco", se poderían mencionar ao falar dun nome referente desde os 60. Todo influencia e mestría -con el nos Bluesbreakers aprenderon moitos, comezando co Eric Clapton, Peter Green ou Mick Taylor. Con xa 76 anos, e unha formación de seguro á súa altura, dará outra lección de entrega e profesionalidade alonxada de divismos, porque el é un currante do blues, e da súa fusión con outros xéneros. Un servidor, con 21 anos, quedou abraiado coa actuación que deu baixo a chuvia en Riazor, dentro daquel Festival dos Mil Anos. Ademais, abrirán, presentado novo álbum, os pontevedreses SUGAR MOUNTAIN, grandes expoñentes do mellor rock de corte americano feito no país.
E estean atentos ás citas en agosto, o festival Vibrasons en Pontevedra (31 de xullo-1 de agosto), o Paredes de Coura (aquí o lado, en Portugal), Bruce Springsteen no Monte do Gozo(2), o Felipop en Limodre (7, 8, 9), Leonard Cohen en Vigo (13), o Lolapop en Pontecaldelas (28) ...
Segunda-feira, Junho 22, 2009
KONONO Nº1 no ciclo SinSal
Tras a cancelación in extremis do concerto de Wavves había unhas semanas, o sábado en Vigo volviamos estar citados co festival SinSal. Mais non só o público atento ao máis ou menos moderno ou último nas tendencias de vangarda, como corresponde aos parámetros da programación, senón tamén esoutro ávido de sensacións Ethno Beats -World Music ou calquera outra denominación-. Tratábase dunha conta pendente da organización, pois esta o ano pasado vía suspendida a visita dos congoleños KONONO Nº1 por un problema de visados.
Ademais dos tres especialistas no instrumento protagonista, e tamén cunha posta en escea tan humilde como a orquestración, a formación completábase cun cantante principal, unha vocalista-bailarina e tres percusionistas. A máis de hora e cuarto de actuación amosou que o destes congoleños é unha viaxe natural e en precaria electrificación desde o artesanal (instrumentos de ferralla ou tecnoloxía dos tempos das colonias) até o vangardismo dun son distorsionado e saturado que incita o baile, como deseguido observamos na reacción de boa parte do público. E sen esquecer sumarlle a naturalidade que estes músicos transmiten e a continua procura da complicidade do público. En resumo, unha festa musical para unha familia supernumerosa.
Así, logo nos rendimos á sonoridade dos likembés, eses pianos de polgar que marcan unha liña repetitiva e bailable que, non é de estrañar, chamou a atención das propostas electrónicas e experimentais occidentais. Enténdese xa que logo por que o combo congoleño KONONO Nº1 gravaron para a islandesa Björk un tema en 2008 e mesmo que a acompañaron en concerto. Esperemos que na oitava edición os organizadores poidan e continúen levando algún dos seus concertos a outras sedes, como A Coruña ou Santiago.

http://www.fotolog.com/sinsalaudio
http://www.myspace.com/sinsalaudio
Quinta-feira, Junho 04, 2009
Xurxo Souto, seguiremos na loita contra a repugnancia
Independentemente de que o estilo de Xurxo Souto me poda parecer excesivo, é un salientable comunicador e o seu labor está aí. El adicou o seu programa “Aberto por reformas” a presentar a música que se está a expresar na lingua PROPIA de Galicia e a fornada actual de artistas do país. Como director de programación asumía un traballo difícil e saiu ben parado, conxugando diversas inquedanzas. Axudou, e moito, a quentar o forno. Con “Aberto por reformas”, “Extrarradio”, “Máis berberechos”..., as bandas galegas tiñan unha canle, uns altofalantes PÚBLICOS desde o que soar. Porque unha das función primordias destes medios PÚBLICOS é a de informar da realidade emerxente, do que se coce no país.http://www.vieiros.com/nova/74534/a-musica-galega-pechada-por-reformas
Como menciono no fotolog de /quant, as primeiras decisións "culturais" do novo goberno chéiranme a que podemos voltar a tempos anteriores de tristes lembranzas, cando a radio e a televisión PÚBLICAS de Galicia ignoraban certas franxas de idades ou de pensamento “non populista” que nos caracterizabamos principalmente por NON VOTARMOS ao partido no goberno. O bipartito tivo os seus fallos, iso é obvio, pero no tema da pluralidade, diversidade e atención ao maior espectro posible de público, procuraban non caer no mesmo erro. Os fieis radioouvintes e televidentes non desapareceron, senón que incrementaron o seu número. Foron uns anos de melloras nos contidos: Extrarradio, Cazador de palabras, Padre Casares, documentais, Banda Curta, Air Galicia, Historias de Galicia, O país dos pequenos, Doa a Doa, Imos aló?, Cifras e letras, Alalá ... Os salientables Lume na palleira ou o Diario Cultural seguiron aí.
O señor Feijóo prometera un director da CRTVG (Compañía de Radio e Televisión de Galicia) escollido por consenso. Polo menos falara de propoñer unha serie de candidatos e chegar a un acordo cos outros 2 partidos con representación parlamentaria. Seica o BNG non recibiu ningunha invitación ou proposta e ao PSdG foille directamente comunicado o nome escollido. Ambos os grupos marcharon da mesa de reunión para amosar o seu desacordo con este incumplimento da promesa electoral. Porén, o noso Alberto (como di Antón Losada) comenta que ao PSdG lle parecera ben a elección. Alguén mente. Seica algunha das novas directoras da Radio Galega e a Televisión de Galicia ocupaban cargos na CRTVG nos tempos do Prestige, vergoñento exemplo de manipulación informativa. Volven episodios de censura?
- “Retirada do documento sobre as vacas tolas. Traballadores da TVG ven un episodio de "censura" O sindicato Xóvenes Agricultores (XXAA) nega ter pedido a retirada do programa, xustificación exposta polo presidente da Xunta.” http://www.vieiros.com/nova/74539/traballadores-da-tvg-ven-un-episodio-de-censura
- Nova política cultural da Xunta: Primeiras actividades canceladas do CDG. Os novos xestores suprimiron dous eventos previstos para as vindeiras semanas: Acción ST e a 'Noite Branca' que celebraría o 25 aniversario do centro. http://www.vieiros.com/nova/74529/e-agora-o-teatro-primeiras-actividades-canceladas-do-cdg
Por resumir moito, o que máis me preocupa é esta obsesión no rexeitamento ou actitude defensiva contra todo o que poida cheirar a divulgación dos nosos valores (máis aló das comelladas e as orquestras). Noto nos (ir)responsables do PP, e non poucos do PSdG, unha autodefensa ante calquera agromo de identidade, orgullo ou cohesión coma pobo.
Teño algún exemplo moi cercano de persoa da chamada mediana idade, criada en contorna urbana, capada ou aillada do sentimento galeguista e castelán falante, que se enganchou nestes anos aos contidos da TVG. Podo decir, sen esaxerar, que descubriu outro mundo, unha Galicia diversa e rica que algúns combaten. Esta persoa dubido moito que vaia votar a quen se opoñen ou non defenden esta riqueza. Nisto, non debemos dar nin un paso atrás.
Agora volvemos necesitar apoiármonos e transmitírmonos información e pulos sen os medios PÚBLICOS. Por aportaren nesta loita que se fai día a día, quero mencionar A Regueifa, Komunikando, Clubtura, A Retranca, Foro Social Galego, Galicia non se vende, os editores galegos, A Nosa Terra, Vieiros, Ghastas pista, Kalandraka, Falcatruada, Xornal, o Colectivo Opaíí!! …e os que me esquezo neste momento e que saberán desculparme.
Agora máis ca nunca, todos sumamos.
Etiquetas: radio galega xurxo souto aberto por reformas censura









