efffecto faltriqueira
A formación de orixe eumesa Faltriqueira encarna a corrente máis fresca do panorama xurdido das fontes da música tradicional. Fusionando a polifonía coas percusións e os instrumentos acústicos, Faltriqueira son un proxecto vocal autónomo que foxe da ríxida tradición e dota de nova vida a cancións recollidas en diversas latitudes, non só no noso país.
Iniciadas en Orballo, grupo folclórico da súa vila, Ana, María, Carolina e Teresa recollen a herdanza tradicional das cantantes pandereteiras enchoupándoa da súa xuventude, naturalidade, gusto e achegamento a diferentes estilos musicais próximos e lonxanos xeograficamente.
Colaboraron en gravacións e acompañaron en concertos a Luar na Lubre, Mike Oldfield, Oskorri, Kepa Junkera, Víctor Manuel, antes e despois do seu debut discográfico. Editado a finais do 2002 e distribuído por medio mundo, Faltriqueira (Resistencia, 2002) levounas á portada da revista Folk Roots, referente da música con raíces e otorgoulles unha gran aceptación da crítica especializada, pois foi escollido entre os 10 mellores álbumes do 2003 na World Music Charts Europe (lista europea de músicas do mundo). Do mesmo xeito, varias interpretacións súas foron escollidas para recopilatorios coma “Women´s World Voices”, “Femmes Celtes” ou “Oriental Garden”.
Tras ofreceren concertos pola Península Ibérica, Bermudas ou Namibia e gañar tamén o recoñecemento do público en festivais coma o Etnofestival 2005 de San Marino, o Rock in Rio en Lisboa, o Fórum das Culturas en Barcelona, o Festival do Mundo Celta de Ortigueira, Parapanda Folk ou Plasencia Folk... chega o momento da agardada continuación discográfica: o “Efffecto Faltriqueira” (2006).
Andante, tranquilo pero sen lentitude, como fixeron co primeiro disco, Faltriqueira foron alternando eses concertos e xiras cos ensaios onde seleccionaron e prepararon o repertorio deste álbum confirmación. Na procura da variedade, alternan as recreacións de temas tradicionais como “Vén bailar”, “Canteiros de Pontevedra”, “Dama de papel”, “Queridiño”, ou esas “Copras á Patroa” nas que nos invitan as festas da súa vila, Pontedeume, a cantiga medieval “Trobadores”, e incluso os ritmos do leste europeo asoman en “Adios”. Tamén lucen as súas voces nunha canción para crianzas de orixe senegalesa “Fatou yo”, exemplo da consecuencia das viaxes, os contactos e os intercambios de material, ou nun tema tradicional estadounidense que rexistraran Emmylou Harris, Linda Ronstadt e Dolly Parton no álbum “Trio” adaptándoo coma “Caixa de roseiras”.
Tampouco falla a reivindicación neste álbum, pois ademais do compromiso das letras co “Canto libre” de Víctor Jara., recrean dúas cancións representativas daquel período de reapertura para as gravacións en galego coincidindo co fin da dictadura en España: o “Meu amor mariñeiro” de Fuxan Os Ventos e “Corpiño xeitoso” de Andrés do Barro, ámbalas dúas revitalizadas con este novo tratamento, aínda que moito máis afortunadamente a do seu paisano.
Agardamos que ofrezan máis actuacións no país, pois a complicidade co público está asegurada grazas á sinxeleza e a naturalidade que acompañan as súas voces frescas arroupadas sobre as táboas por Jorge Juncal no acordeón, Roi Adro nas percusións e o “Faltriqueiro maior” (productor musical) Pascal Gaigne ás cordas.
1 Comments:
Parece que as orellas do mundo se abren de novo para Faltriqueira, aparecen outra vez na "WORLD MUSIC CHARTS EUROPE-Charts January 2007" e subindo...
Enviar um comentário
<< Home