quarta-feira, dezembro 27, 2006

álbumes ao vivo

(publicado na revista De Troula a principios de 2006)

Tras recibir “El regreso”de Andrés Calamaro, saber da inminente edición de “Seis dementes contra el mundo” de Def Con Dos e da recente gravación dunha actuación de Quique González para abandonar a autoproducción (esperemos que non a independencia), decidín vos propoñer
unha reflexión sobre os álbumes ao vivo. ¿Aportan algo máis aló do meramente mercantil? Nun principio penso que non, porque, á hora de xustificalos, os argumentos que me veñen á mente son os de editar doutro xeito un “grandes éxitos” e pechar unha etapa, cumprir cunha discográfica, encomezar relación con outra, gañar tempo ante un baleiro creativo, aproveitar un momento de atención masiva do gran público, revitalizar unha carreira, despedirse dos siareiros….Porque, sexamos realistas, son os menos, e con diferencia, os que artisticamente aportan algo, os que ofrecen material novo, coma o incendiario debut de MC5 “Kick Out the Jams”(´69) ou o excelente “Rust Never Sleeps”(´79) de Neil Young e Crazy Horse, ou reinventan o xa dispoñible coma o “Arabesque”(´02) de Jane Birkin reinterpretando cancións do seu ex Gainsbourg, ou a fusión de copla e jazz do “Acoplados”(´04) de Martiro e Chano Domínguez. Mais tentarei de deixar a un lado os aproveitables só polos completistas dos artistas en cuestión e repasar algúns dos máis destacables. Coa aparición das reedicións en compacto, houbo álbumes xa clásicos de por si que incrementaron o seu repertorio. A gravación da actuación no Festival de Jazz de Newport en 1956 de Duke Ellington é referencia obrigada do jazz orquestral, as big bands ou o swing; dentro do country, o gran Johnny Cash en “At Folsom Prison”(´68) enxalzou as súas cancións sobre o cárcere, o delito, o asasinato, o lamento, a perda, a nai, Deus, a soidade e repetiu un ano despois noutra prisión “At San Quentin”; o “Live at Leeds”(´70) fai máis xustiza á contundencia de The Who enriba das táboas; o “Rock of Ages”(´72) é toda unha festa con repertorio propio, e algunha versión, de The Band acompañados coa sección de vento argallada por Allen Toussaint; o “Rock´N´Roll Animal” (´74) de Lou Reed comprace á gran audiencia, e máis despois dun interesante, intenso, pero comercialmente arriscado “Berlin”; o “Live!”(´75) contén magníficas interpretacións de oito cancións de Bob Marley and The Wailers; o “Stop Making Sense”(´84) soa moi ben e cumpre para iniciarse na carreira duns Talking Heads, pero mellor ver a estupenda gravación cinematográfica de Jonathan Demme.
A raíz do merecido éxito obtido polo “Unplugged”(´92) dun moi irregular Eric Clapton, as discográficas abusaron das gravación acústicas, en teoría espidas pero a cotío moi recargadas. Coa calma que vai dando o paso do tempo, un rescataría ben poucos, entre eles o “Acoustic” dun Gilberto Gil, ao que é que lle fallen precisamente álbumes ao vivo. No “Unplugged in New York”(´94), os Nirvana de Kurt Cobain saíron ben airosos da falla de electricidade. En España, “Sin enchufe”(´00) amosou que os M Clan non vendían fume nin ían desperdiciar a repercusión acadada a nivel de vendas e a conseguinte condescendencia da discográfica.

Unha liña editorial que deu moi bos froitos foi a orixinada polos arquivos da BBC, con magníficas gravacións de músicos británicos principalmente coma The Who, The Kinks, The Beatles, Small Faces, Led Zeppelin e algún estadounidense coma Jimi Hendrix,
Hai momentos nos que a situación chega a esixir testemuña, gravación para a posteridade, e así moitos intérpretes de diferentes estilos (agás o pop, que non é moi amigo das gravacións en directo) aproveitaron o seu mellor momento: “Mad Dogs and Englishmen”(´70) de Joe Cocker; o “Live at Fillmore East”(´71) de The Allman Brothers Band é ineludible para calquera seguidor do rock sureño aínda que posúa os seus bos albumes en estudio; o inevitable “Made in Japan” (´72) de Deep Purple encaixa perfectamente entre os albumes “Fireball” e “Machine Head”; o gran guitarrista de blues-rock Rory Gallagher “Irish Tour” (´74); “Alive!”(´75) é un resumo perfecto dos mellores Kiss; como o “It´s Alive”(´79) o é dos tres divertidos primeiros albumes dos Ramones; en “At Budokan”(´79) as melodías pop e as guitarras a tope dos Cheap Trick convencen ao máis pintado; “Live After Death”(´85) de Iron Maiden é un referente obrigado no heavy metal; “Live” de Willy DeVille; e uns dos máis destacables da actualidade son os grandes do chamado country alternativo Wilco con “Kicking Televisión. Live in Chicago”(´05).
Os ritmos máis negros do soul e o blues teñen mostras gravadas de auténticas bestas das que non podían faltar gravacións “ao vivo”:
de Ray Charles “At the Newport”(´58); James Brown “Live at the Apollo”(´63); o “Live at the Harlem Square Club, 1963” de Sam Cooke e o que sería o seu correspondente en Otis ReddingIn Person at the Whisky a Go Go”(´68); o “It´s Too Late to Stop Now”(´74) de Van Morrison despedíndose da magnífica Caledonia Blues Band é unha das miñas debilidades, así como para unha discoteca variada e selecta considero o reggae de “Babylon by Bus”(´78) de Bob Marley and The Wailers coma un acerto.
Voltando a estes lares, temos referencias inevitables como o “Rock´n´Ríos”(´82) de Miguel Ríos gravado da xira máis importante daquel ano; a poesía musicada pola liberdade de Paco Ibáñez “En el Olympia”; “A por ellos...que son pocos y cobardes” de cando Loquillo y Trogloditas eran os reis do rock and roll en España; “Ante todo: mucha calma”, ou como meter nun só cede tantos divertidos himnos, de Siniestro Total; “En directo” dos auténticos Burning; “Siempre hay una historia”(´99) de Rosendo celebrando o peche do cárcere de Carabanchel e vendendo coma nunca, “Pequeño cabaret ambulante” dun gratamente reinventado Bunbury, “Nos sobran los motivos” dun Joaquín Sabina, de son máis soportable en directo que en case tódolos seus álbumes de estudio, “En vivo mucho mejor” de Ariel Rot ....

E para ir rematando, destaquemos discos...de despedida, coma “Último concierto”(´96) de 091, outro favorito dun servidor xunto con “To The Bone” de The Kinks, “80-88” de Nacha Pop; despedida con invitados “The Last Waltz” (e peliculón de Martín Scorsese) de The Band: con mini xira despedida e invitados “Obras escocidas 1985-2000)”(´01) de Los Enemigos; de invitados “Entre amigos”(´83) de Luís Eduardo Aute, “A Black & White Night Live”(´89) de Roy Orbison; de viaxe de volta, “El regreso”(´05) de Andrés Calamaro; de aniversario no mundo da música, “30th Anniversary Concert” (1994) de Bob Dylan; e ata de celebración dunha sentencia favorable, “Hipokrisiari_Stop” de Negu Gorriak. Ah, e por citar banda e recinto galegos, Los Suaves en el Coliseum coruñés.
Ao final si que “rescatei” unha chea de albumes ao vivo. E os que me reclamaredes ! Son un puto melómeno. Por certo, desde aquí quixera propór a gravación dun álbum en directo con artistas galegos recreando o cancioneiro de Andrés do Barro. Ou alomenos que se celebrase ese mercida concerto homenaxe, que falta fai que ese artista sexa máis recoñecido e o seu labor no uso do galego na música popular sexa continuado. Daquela si que estaban as cousas en contra.

6 Comments:

Anonymous Anónimo said...

Como infelizmente nunca poderei ver à metade das minhas bandas favoritas terei que recurrir a esse tipo de álbumes, que afinal de contas é o que fica para nom dessesperar!

e ainda assim.. hehe

9:27 da tarde  
Blogger ábrete de orellas said...

espero que a lista sirva coma orientación.
Eu puiden ver en directo, dos meus favoritos, aos 091, Van Morrison, Bob Dylan, Neil Young, Wilson Pickett...e non me defraudaron

1:27 da tarde  
Blogger ábrete de orellas said...

e aos Kinks que se tiveran tocado na noite terían sido do mellor daquelas xornadas de los Conciertos de los Mil Años, en Riazor no 92 ou 93

1:29 da tarde  
Anonymous Anónimo said...

091, que sorte!!!!!!!!!
Eu de bandas às que nom esperava ver na vida e ademais de graça só a The Cure em Compostela e a Blondie em Vigo :(

1:45 da tarde  
Blogger ábrete de orellas said...

The Cure no Monte do Gozo estiveron marabillosos, dos mellores concertos da miña vida.
Aos 091 foi no número K na xira do que resultaría derradeiro álbum en estudio. (teño cartaz na casa) V
Blondie gústame, especialmente o "Parallel Lines", mais non sei se estarían moi "en forma" en Vigo.
E falando de concertos en Vigo (que fun poucos) o de Elvis Costello nas Travesas. Que grande !!!

2:28 da tarde  
Anonymous Anónimo said...

"Parallel lines" é sem dúvida o melhor.
No de Blondie havia pouca gente e era agradável, o ponto negativo foi um freak andaluz que perseguia obsessivamente a Debbie por TODO o mundo e fazia movimentos estranhos dignos de ver.

Ela é bastante sosa por momentos, ainda que cumpriu com as petiçons e regalou-nos umha "pua" da sua guitarra.

(serei umha profe de música pésima,nom sei como é "pua" em galego!!)

5:02 da tarde  

Enviar um comentário

<< Home