quinta-feira, dezembro 28, 2006

os prezos dos discos e a crise da industria

(publicado en De Troula alá por abril do 2006; perdoade os erros)

Alá por mediados dos 80, cando saíron os primeiros compactos, estes custaban máis de 2600 pesetas (13 €), prezo que se reduciría en canto houbese máis demanda. Alomenos iso nos dicían. Cómpre lembrar que daquela os discos de vinilo e as casetes andaban polas 1100 pesetas ( 7 € ). Xa que logo, os cedes custaban máis do dobre.

O compacto foise facendo coa meirande parte do mercado en detrimento dos outros formatos, mais en ningún momento se cumpriu con aquela baixada. A pesar de que fomos sabendo que era máis barato editar gravacións dixitais que, por exemplo, vinilos, a industria discográfica seguía inmersa nos seus tempos de grandes ganancias e orzamentos desproporcionados e despilfarros promocionais.

Co tempo, as copias que sempre se fixeran (unha persoa mercaba un disco que pasaba a outr@s da súa panda para gravalo) íanse converter nunha ameaza para esa industria tan boiante: abandonábanse as copias en K7 por outras de grande calidade co formato dixital e sen gastar moitos cartos. Cos anos o acceso á música era cada vez máis barato, co desprestixio ou falta de aprecio que isto adoita conlevar. Xurdiron @s nov@s melóman@s, que encomenzababan acumular discografías extensas sen practicamente asimilalas, tiraban do seu PC e da conexión a internet para saciar un interese pola música animad@s polo encanto da etiqueta “de balde” . Os que de sempre adicabamos parte do noso presuposto a mercar música atopamos acceso a gravacións curiosas ou que escapaban do poder adquisitivo do noso peto, mais onde quedaba o encanto da edición en caixa, con capa, libriño, fotos, créditos, etc.?. Si, o formato cedé xa significara unha perda estética con respecto do vinilo, pero ...

Esta diferenciación estética entre a edición orixinal e o gravado (a frialdade do disco duro ou a escrita sobre un cede branco) é a distinción á que apelan nos últimos anos as discográficas editando, por exemplo, un producto máis completo. En lugar de apostar dunha vez pola rebaixa, ofrécennos, polo mesmo prezo, máis extras (presentacións coidadísimas, ligazóns exclusivas á rede, vídeos, DVDs...), o que, supostamente, encarecería o producto. Está claro, o que non se quere é baixar os prezos, o que segue a significar que nuns poucos meses as novidades pasan engrosar nos puntos de venda os currunchos destinados á serie media. A situación xa está viciada: os prezos non baixan e a xente afíxose ao gasto mínimo.

Os prezos poden baixar. Son diversos os gastos que implica a edición dun álbum, pero entre eles hai algún realmente noxentos para os que gustamos da música como expresión artística, cultural. Estoume a referir concretamente as inxentes cantidades de euros que as discográficas, as multinacionais principalmente, adican a mercar os minutos e espazos promocionais nas radiofórmulas e televisións. É evidente, e aínda máis entre un público tan pouco formado musicalmente como o noso, que o non aparecer nos medios significa non existir. En mente de tod@s está algún que outro fenómeno televisivo, non si? Parte do que eu pago por un disco de X vai ser despilfarrado para machucarnos co novo de Y. Só de pensar nalgúns nomes, éntranme arrepíos. Nas Illas Británicas, país con máis cultura musical, non sufriron unha baixada tan acusada nas vendas. Se cadra, alí non se presentan cálculos baseados en que todo o adquirido dun xeito pirata ou descargado da Rede serían vendas reais. Fai falla ser maniqueo. Nin me quero molestar en falar do labor da SGAE, pero que non ataquen ao vulgo apelando ao respecto polo artista e polo autor aplicando indiscriminadamente políticas puramente represivas. Fixeron eles algo por afrontar a nova situación plantexada? Actuaron dalgún xeito cando OT e Vale Music se apoderaron da televisión pública e sacaban discos de horrendas versións cada semana e a 6 € ? Defenderon daquela aos autores ?

A xente está a consumir máis música e sería un bo momento para aplicar actuacións que fomenten o aprecio pola mesma. Moit@s que apelan aos altos prezos para xustificar non mercaren música tiran máis cartos en cubatas nas discos de moda. Porque tan desmedido pode ser pagar 3 € coma 18, non sería posible pagarmos 10 – 12 € por unha novidade e 5 – 6 € por unha serie media?. Dúas recomendacións relacionadas con isto último: o novo álbum dos cataláns 12 Twelve (10 € nos seus concertos por Galicia hai unhas semanas) e a discográfica Rock Indiana (www.cincoeuros.com). Merecen a vosa atención.