quinta-feira, dezembro 21, 2006

Decembro 2006

Ante todo, agradecer a eses que me comentaron a falla de actualización deste blog.
Recoñezo que me dá preguiza ofrecer algo medianamente interesante. Sen dúbida, non ter a man o PC e a conexión a internet nos momentos que máis me poden prestar para escreber algo inflúe decisivamente, mais terei que apostar por ser máis habitual que extenso. E se coincide coa asistencia a concertos, mellor.

Ademais ultimamente, ao non estar a pasar por unha tempada animada, por dicilo dun xeito suave, adico bastante máis tempo a vicios solitarios. Concreto, por se acaso: ler, adiantar traballo dun curso da UNED, ver pelis, non me perder o pouco que me atraia da oferta televisiva e escoitar os discos que chegan a Ábrete de Orellas.com...

E por se non estivese xa pouco sociable, fóronse xuntar estas datas tan consumistas coa lectura (por fin !) de Patas arriba: Escuela del mundo al revés de Eduardo Galeano e a visualización dos documentais Voces contra la globalización os domingos en la 2. Que mundo de merda e que pouco facemos por cambialo !!!

Pero a tamén lin, e podo recomendar coma ben entretidos, Tute para catro, de Xesús Fraga, Voces ceibes de Vicente Araguas (interesante escoitar o relato dalguén implicado naquel movemento) e un libro de relatos recopilado por Paul Auster baixo o título “Creía que mi padre era Dios”.. Como aínda teño grandísimas carencias no cinematográfico, quxen ir collendo ritmo recuperando pelis do meu admirado Woody Allen (Take the Money and Run, Crimes and Misdemeanors, A Midsummer Night´s Sex Comedy, Play It Again, Sam...) e disfrutar doutras coma Goodfellas, Million Dollar Baby....pero non aturei máis de media hora de Mar adentro cando a emitiron por TVE. Tamén me fixen con Bound For Glory, biopic sobre Woody Guthrie, por un bo prezo.

Mais vaiamos coa música porque durante a ponte da Constitución e a Inmaculada rompín o meu enclaustramento e dirixinme á Coruña por mor dos sempre benvidos concertos. En primeiro lugar, programáronse dous estupendos, e ben diferentes, concertos de blues no teatro Rosalía de Castro. O xoves a impresionante Ana Popovic que, nacida en Belgrado e con só 30 anos, xa gravou tres discos e colleitou nominacións aos máis prestixiosos premios da música blues, oos W.C. Handy Awards. A pesar da estupenda voz e o seu abafante virtuosismo coa guitarra, un quédase co que ofreceu o venres Sherman Robertson. Aínda que tamén se trataba dun guitarrista (menos virtuoso), vocalista (con menos potencia de voz mais ben empregada e sentida) e acompañado tamén de baixo e batería, aquí o hammond aportou ese punto máis a un guitarrista xa moi rítmico de seu. A súa alternancia de ritmos e solos, acompañada do seu carisma co público, foi un estupendo agasallo para @s alí presentes, que rematamos en pé bailando e acompañando ao Sherman na súa saída (sen deixar de facer soar a súa guitarra) polo corredor do patio de cadeiras cara ao posto de venda de cedés. Unha mágoa que só arredor dunhas duascentas persoas nos achegáramos disfrutar do espectáculo.

E o sábado tiñamos un deses pratos fortes que asoman escasas veces ao longo dun ano. A visita de Lambchop era imprescindibles para @s enteradiñ@s. O octeto de Nashville liderado por Kurt Wagner remataba no Palexco a visita á Península co seu derradeiro álbum, Damaged. Xa o loubara na web hai uns meses pois, sen dúbida, téñoo entre o mellorciño que me chegou neste 2006 que remata. Para min foi máis dunha hora de intensas, elegantes e, por momentos emocionantes, cancións. Lembreime dos Tindersticks no PlayaClub, onde desgraciadamente non estabamos sentad@s e había que mandar calar a eses pesaos da barra que pagan uns bos euros na entrada para amolar. Cada cosa no seu momento e no seu lugar.

E falando de bo lugar, DZine en San Sadurniño, onde regresei tras demasiado tempo. A cita era obrigada, pois presentábase en concerto o proxecto Bonovo, formado polo zanfonista Óscar Fernández, o acordeonista Roberto Grandal e o, neste caso, batería Pulpiño Viascón. Todos eles con cadanseu portátil aportando as bases a un trío que vai dar que falar, porque son moi bos musicos, teñen táboas e a súa proposta é moderna, interesante e disfrutable. Bubububububuuuu! Xa parezo o José Luis Moreno! Ah, e non faltou a canción galega do verán In the Ocean con Pulpiño acompañado pol@s asistentes

4 Comments:

Anonymous Anónimo said...

Eu fiquei muito decepcionada com o último filme de Woody. (Scoop)
Nom me convence nada nem Scarlett nem o resto do elenco,a história é extremadamente evidente e nom há esse ponto Allen que adoitam ter os seus filmes.
Será o início do fim de Woody??

1:41 da manhã  
Blogger ábrete de orellas said...

Aínda non a vin, pois aquí en Ferrol non me achego ao Odeón.
Gostei moitísimo de "Match Point" e agradecín un toque algo diferente.
Como a outr@s, ao ter feito tantas marabillas e contar con merecida sona se lle mira con lupa na procura de feblezas.
Mais déanme unha peli normaliña de Woody...

2:41 da tarde  
Anonymous Anónimo said...

Eu baixei-na quando saiu nos USA, nom vou a Odeón, é mais, nom vou ao cinema.
V.O. = necessidade básica!!
A rede salva-me a vida :P

Mas a gente em geral gosta de Scoop, serei eu a estranha, para variar!

9:18 da tarde  
Blogger ábrete de orellas said...

Apoio totalmente o da V.O. A dobraxe, por moi ben feita que estea, é unha das causas das nosas carencias na aprendizaxe de idiomas. Outra herdanza da ditadura, como o fuso horario ;(
Do das baixadas da rede...por resumir, eu rexeito as compulsivas.

11:35 da manhã  

Enviar um comentário

<< Home