domingo, agosto 26, 2007

Sex Museum e Paul Collins: brusvaibreisons en Ferrol

Atrás quedou unha nova edición dese festival que se encadra no programa de festas de verán de Ferrol e cuxo nome non ten nada que ver coa radio libre e comunitaria Rádio FilispiM. Dígoo pol@s despistad@s, que habel@s aínda hain@s.
Seica este ano xa se vai asentando certa identidade: vaise confirmando o seu carácter gratuito, a súa ubicación nese estupendo recinto que é o parque Raíña Sofía e a súa aposta centrada no pop e o rock. Lembremos que ata o de agora pasou tamén pola Praza de Amboaxe, cobrou entrada nalgunha edición e trouxo á cidade propostas musicais de variada índole.Pero falemos dos concertos...
O venres sufrimos un volume innecesariamente alto pero os horarios cumpríronse con bastante seriedade, aspecto que desgraciadamente botamos en falla en mellores citas. Vaia unha cousa por outra.
Os popeiros ferroláns QUANT aproveitaron uns medios técnicos cos que ata agora so soñaran e non desentoaron no cartel do festival. Cumpriron e tras esta proba deles depende seguir crecendo.
VACAZUL volveron amosar que son unha formación de destacados músicos que non acaban de enganchar co público máis ... neófito, digamos. Resumindo moito, quizais carezan dun gancho en forma de cancións.
E o atractivo da noite non defraudou en absoluto. Uns impresionantes SEX MUSEUM volveron demostrar que son un seguro de enerxía, autenticidade roqueira e carne de innumerables bolos. Ademais dos temas propios, destacadas versións de "Unidos", "Whole Lotta Rosie", "I´m Free" ou "Keep On Rockin´in the Free World". Case nada.
A cita do sábado foi aberta por uns MEU aos que lles vimos mellores concertos. A piques de editar o álbum que confirme a merecida boa acollida do seu debut, non semellaban moi cómodos ou animados. Sen embargo tiveron bos momentos e o público ben se puido facer unha idea da solidez da súa proposta.

Inxustamente, musicalmente falando, a segunda actuación da noite protagonizouna PAUL COLLINS, a teórica cabeza de cartel. Este detalle que pode semellar anecdótico probablemente condicionou o paso do estadounidense pola nosa cidade, porque moit@s añoramos maior conexión, entrega e recoñecemento entre público e músicos. Polo menos unha pouca da moita que vivimos nas súas visitas do ano pasado ao Playa Club coruñés e ao FELIPOP. A pesar do feixe de alfaias que contén o seu cancioneiro, a actuación quedouse en correcta.
Seica THE ELLAS, o grupo liderado polo actor Luis Tosar, servía coma reclamo para que ata o parque se achegasen moitas persoas menos habituais nesto dos concertos. Moitas expectativas, aparte da curiosidade, non tiña por ver o que non deixa de ser un grupo de versións, pero algo máis esperaba dunha formación na que participan músicos con tantas táboas como Piti Sanz. Afortunadamente @s DZineir@s axudáronnos a tomar con humor e cachondeo este capricho, porque musicalmente non chegou á altura das anteriores actuacións da noite , a pesar dun cancioneiro que daba para máis.
A ver se o festival segue a consolidarse en vindeiras edicións, que Ferrol non anda sobrado de reclamos. Ademais do xa apuntado, sería interesante conservar tamén a disposición de tres bandas por noite, que semellou un bo formato, nada longo.
No negativo hai que mencionar a irresponsabilidade que supón que nas barras se lle dean latas de refresco aos consumidores. Afortunadamente a xente se comportou ben, pero mellor coidar estes detalles de produción antes de que pase algo desagradable.

2 Comments:

Anonymous Anónimo said...

Que tipo, todo é criticar. Pois eu a The Ellas os vim em Compostela e gostei muito, passei-no pipa.
Beijos ricos.

7:59 da manhã  
Anonymous Anónimo said...

criticar, claro que si, mais do bo e do malo, non?
Coido saber quen es, así que beijinhos.
abretedeorellas dixit.

9:34 da manhã  

Enviar um comentário

<< Home