diego el cigala y guillermo rubalcaba no Teatro Colón da Coruña: cualidade e calor na fusión.
A cita de Diego el Cigala coa Coruña para presentar o seu novo "Dos lágrimas" apañaba todo para ser un concerto memorable. O público estaba entregado e días antes xa se esgotaran as entradas. A banda que o acompañaba era realmente magnífica, con Guillermo Rubalcaba nun piano e Jaime Calabuch Jumitus noutro, o guitarrista de Xerez Diego Morao, o contrabaixista Yelsi Heredia, Tata Güines nas congas, Sabu Porrina (caixón) e Changuito na percusión.Máis aínda, sumémoslle un repertorio seguro de bolero, cante e copla ("Si tú supieras", "El día que nací yo", Compasión", "Compromiso", "Están clavadas dos cruces"...), fandangos en "La paloma se equivocó" e un sobrio e elegante escenario de fondo encarnado e sinxelo xogo de luces. Porén, e sempre coqueteando co jazz latino, viaxamos ida e volta, de Andalucía a La Habana, partindo ora do cante flamenco ora dos sons cubanos durante uns 100 minutos case sempre intensos. Se cadra, se alguén estivo algo frouxo por momentos foi o propio Cigala, cunha pose decote pendente da súa roupa e cabelo, dos xestos para a galería (comentarios predecibles e acenos dos seus músicos, en especial con ese marabilloso, elegantísimo e veterán pianista que é Rubalcaba) e uns pouco discretos acenos para co técnico de son. Mais son detalles que coa rodaxe do espectáculo logo se pulen. Mais o mellor de todo foron sen dúbida dúas auténticas repichocas a cargo da banda completa (anteriormente variaran as formacións) e totalmente engraxada e relaxada. "Dos gardenias" soou fresca, divertida, vibrante e por petición popular "La bien pagá" (único bis) acabou de render o público aos pés dos músicos.(a foto non pertence ao concerto do venres, que un é ben educado e non adoita tirar fotos cando a organización o prohibe).
pepecunha 28/10/07
0 Comments:
Enviar um comentário
<< Home