segunda-feira, fevereiro 16, 2009

Cubrir o expediente. THE WAILERS no Multiusos do Sar, Compostela, 14-feb-09

THE WAILERS no Multiusos do Sar, Compostela, 14-feb-09

O Multiusos do Sar encheuse nunha noite de sábado para ver a The Wailers. A metade de semana, falábase de 2000 entradas vendidas, mais seica o bo tempo e o razoable prezo das entradas contribuiu a cubrir toda a pista e a pequena bancada frontal habilitada para o concerto.

Tras uns teloneiros infumables (e miren que alí o fume estaba asumido) que se resistían a marchar, The Wailers presentáronse nas táboas preto das 11 menos cuarto, ante un público variopinto e entregado. Alí había desde xente xa ben madura ata unha maioría ben noviña pois a proposta que internacionalizou Marley non pasa de moda. Sumen o contaxioso ritmo do reggae, certas características do movemento rastafari (léase marihuana e “buenrollismo”) e o nome máis recoñible para o gran público e teñen unha resposta tan ampla como a desta ocasión que nos ocupa.

Todo apuntaba un éxito e máis confirmando que hai tempo que quedaron superadas as críticas ao son do Multiusos.


Porén, e centrándonos xa no estrictamente musical, para os seguidores da traxectoria do Marley e a súa banda, o concerto resultou simplemente correcto. Non foi debido a un demérito musical da banda, nin moito menos, pois abondaba a competencia desde o salientable Elan na voz principal até as dúas mulleres aos coros, pasando polo baixo, batería, guitarra e dous ventos. Se cadra, o teclado foi a nota discordante, cun son por momentos chiante e abusivo. Como era de agardar, unha banda máis competente e case á altura do mito, polo que a parte da interpretación non coxearía. Outro tema era a escolla do setlist, porque aínda que un servidor é dos que prefiren escoitar o que á banda lle apeteza tocar, tamén critica calquera aceno de deixadez.



Do rico cancioneiro de Bob Marley, aproveitaron o 30 aniversario do álbum “Exodus” para interpretalo case que integramente (coido que só faltou “Guiltiness”). Ninguén pode cuestionar a valía de temas como “Jamming”, “Three Little Birds”, “So Much Things to Say”, “One Love”, “Exodus”, “Natural Mystic”,”The Heathen”, “Waiting in Vain” ou “Turn Your Lights Down Low”, mais “Exodus” non é o mellor disco de Bob Marley and the Wailers. Si será o álbum máis comercial e asequible, ese que reflicte o lado amable do mito do reggae, mais faltou a variedade que puideron aportar as cancións máis combativas. Álbumes tan grandes como “Catch a Fire”, “Burnin’” ou “Uprising”, merecían presenza. Porque non soaron “Get Up, Stand Up”, “I Shot the Sheriff”, “Them Belly Full” ou “Rat Race”, mais si “Redemption Song”, “Punky Reggae Party” ou “Is This Love?”, quedando o concerto do sábado na corrección.


Porque moitos non entendimos que quedasen nunha escasa hora e media e non atacasen unha segunda quenda de bises cun “Could You Be Loved?” que deixase mellor sabor de boca.


Pepe Cunha 16-feb-09

Etiquetas: