terça-feira, dezembro 09, 2008

John Cale: veu … apenas viu … e convenceu


A visita de John Cale a Galiza era unha desas citas case obrigadas para os curiosos nesto da música popular das últimas décadas. Na súa proposta, este galés de 60 e pico anos, membro dos influíntes The Velvet Underground e produtor de prestixio, sempre amosou unha actitude caracterizada no musical en manter un oído no mercado e outro na experimentación; e no escénico, pola súa sobriedade. Xa que logo, iso foi o que ofreceu no seu concerto na Sala Capitol, onde actuou acompañado de catro músicos novos e moi competentes, como é de esperar cando actúa un dos grandes.

Repasaron temas dos seus discos dos 70, dos álbumes máis recentes e presentaron algunha novidade. O resultado foi un concerto tan estilisticamente variado como a súa discografía, con pezas que abranguen dende un pop naive ao piano a un rock tan directo como o de "Perfect”, ou máis denso e alongado, pasando por experimentacións “avant-garde”, como esa incrible versión do "Heartbreak Hotel". Lembrando o setlist, “Hello, There”, “Amsterdam”, Paris 1919”, “Fear Is a Man's Best Friend” cun, corríxanme se cómpre, interludio do “Claro de Lúa” de Debussy polo medio, “Dirty Ass Rock and Roll”, “Pablo Picasso”, “Big White Cloud”…
Unha hora e media de actuación na que todo foi, se cadra, excesivamente correcto a pesar dalgúns problemiñas técnicos. Iso si, houbo varios grandes momentos, sempre musicais, pois Cale é todo o contrario ao prototipo dun frontman con concesións ao público. Cercano e natural desde a súa apariencia, foxe de calquera aceno de divismo ou lucimento alén do musical; non pretende enganar ou distraer a ninguén. Non obstante, achégase á sequedade e o borderío: apenas se dirixe ao público, non permite fotos, non concede bises a un público que os pedía contento e non presenta os músicos. Sobre o escenario, formaron un cuarteto que regalou un son potente e roqueiro. El coa acústica, o piano e a eléctrica, ademais dun aparello para facer efectos na voz; un guitarrista; un batería e un baixo.
No musical quedamos contentos, mais quen esperase o espectáculo extra-musical dunha estrela do rock agardará unha ocasión máis propicia.

Pepe Cunha 9-dec-08

Etiquetas: , , ,