Peneirando a Rede
Nos últimos anos estamos a vivir unha eclosión de artistas e propostas galegas dentro do que entendemos por música popular, en contraposición ao concepto de culta ou clásica. Consciente do risco de caer na simplificación, mencionarei algúns factores chave para entendermos este momento de ebullición. Os festivais agromaron coma cogumelos pola xeografía galega e neles foise incrementando a presenza de bandas locais. A isto hai que sumarlle desde hai case 4 anos un cambio de actitude por parte da consellería correspondente, con outro xeito de apoio institucional, non só a eses festivais senón tamén a unha rede de locáis de concertos. Cómpre dicir que moitas cousas poden e deben ser melloradas nestas políticas, mais para equivocarse hai que apostar.
En relación tamén co cambio de goberno, deuse un novo enfoque na televisión e a radio públicas galegas, onde nun aceno por ofrecer un medio máis aberto e achegarse tamén á xente nova apareceron programas como “Extrarradio” e “Aberto por reformas”. Aquí, os diferentes artistas galegos atopan por fin unha canle máis atenta á difusión das súas propostas.
Mais a revolución que supera todas estas realidades é a das ferramentas dixitais, que fan máis accesibles a creación e gravación de música e a súa divulgación vía Internet. Hoxe navego pola Rede co fin de achegar unha visión introdutoria dos portáis galegos máis musicais. Neste repaso, como adoitamos dicir, non están todos os que son, mais son todos os que están. Sirvan estas liñas tamén coma recoñecemento ao traballo e empeño dos que adican parte do seu tempo a apoiar e comunicaren unha realidade emerxente, esa que se desfai de complexos e prexuízos, amosando unha actitude máis aberta e comunicativa.
As webs institucionais constitúen un inventario de información
Neste mesmo 2008, o IGAEM (Instituto Galego das Artes Escénicas e Música) deixou o seu lugar o pasado xuño á Asociación Galega das Industrias Culturais. Desde o portal de AGADIC temos acceso a outros sitios de orixe institucional como a axenda da Rede Galega de Música ao Vivo, un portal no que sabermos das citas coas bandas e das salas que os acollen. Ademais das seccións de axenda, ligazóns e listaxe daquelas, inclúe un buscador por localidade, sala e grupo. Mesmo é posible puntuar os grupos entrando na súa mini-páxina. www.agadic.info ; www.musicaaovivo.info.
Destinada a programadores, compañías, grupos de música e outros axentes relacionados coas programacións vencelladas ás institucións, existe unha ferramenta en forma de completa e funcional intraweb. En Galescena.info xestiónanse as redes de programación, os trámites de inscrición de compañías e grupos; o proceso de contratación; a recollida de datos de asistencia; etc. Como o seu resultado visible poderiamos definir Culturavai.info. Neste portal atopamos unha axenda virtual de todas as funcións e concertos que se dean no marco das distintas programacións de artes escénicas e musicais da Consellaría de Cultura e Deporte. A destacar a posibilidade de asociarse e así recibir información personalizada no correo electrónico. www.culturavai.info. Tamén promovida pola Consellería atopamos a Rede galega de locais de Ensaio. Os grupos e músicos en particular poden apuntarse, anunciarse no taboleiro, ver como vai incrementándose o número de locais e mesmo subir as súas cancións. www.nsaio.org.
Concebida con proxección máis internacional e dispoñible en galego, español e inglés, GalicianTunes é a marca institucional creada para promocionar a música galega na escena internacional. Dado o seu carácter de completo inventario, resulta un portal de obrigada referencia: aparecen listaxes completas de recursos: estudos de gravación, selos, empresas de servizos técnicos, circuitos musicais e culturais, festivais, axencias de representación e organización, asociacións de músicos e axudas e bolsas. Non deixen de botar unha ollada á sección de historia. www.galiciantunes.com.
Recoñecida pola Consellería, a iniciativa Clubtura defínese como “a asociación dos locais e salas de Galicia onde coordinadamente ofrecemos a maior e máis variada oferta alternativa de música e cultura”. Na súa web, axenda dos seus concertos, relación de salas e un foro onde debater e opinar. www.clubtura.org
A opinión e a crítica habemos procuralas noutros portais
Antes da mencionada ampliación e mellora da oferta divulgativa dos portais institucionais, existían na rede unhas iniciativas máis precarias en medios pero que, en certo modo, abriron un camiño ao que o tempo veu dar a razón. En Galicia estaba a cocerse algo ao que os nosos medios e institucións non prestaban a atención que merecía.
En Komunikando son claros desde a súa aparición, anterior ás mudanzas nas políticas institucionais: “un punto de encontro na música galega non subvencionada. Tenta ser foro de debate para cuestionar o panorama vixente, recoñecer carencias, crear unha base estructura…” O seu momento de máis recoñecemento chegou coa publicación de A Per Loca, compilatorio pioneiro á hora de ofrecer unha panorámica da escena galega actual. Na actualidade atoparedes neste portal de “música da Galiza” a relación de grupos “afiliados” a Komunikando, un chat onde opinar, ligazóns a vídeos dos nosos artistas e até a KomunikandoTV. www.komunikando.net
A Regueifa Plataforma constitúe xa un referente salientable na súa iniciativa de promover e distribuír o traballo dos artistas galegos. O que comezou sendo un blog acadou maior relevancia en 2007 co nacemento de A Regueifa discos. Nestes tempos de mudanza no xeito de entendermos a industria discográfica, onde perde relevancia na venda de discos físicos en favor dos concertos, as novas bandas están cada vez máis interesadas en ser coñecidas ofrecendo a súa música de balde. Así, cunha oferta de descargas gratuitas baseada na licenza Creative Commons, a invitación desta plataforma é clara: “Non importa o que fagas (música, videocreación, fotografía, poesía, pintura, banda deseñada...) nen como o fagas, se é dixitalizábel e queres difundilo na rede”. Centrándonos só no musical, atopamos propostas recentes, vellos discos recuperados e tamén un chisco de arqueoloxía. www.aregueifa.net
Tamén baixo licenza Creative Commons existe na rede “a revista galega de música” Sono-Tone. Con especial atención á creación galega, podemos mergullar nunha ampla oferta de seccións: novas, entrevistas, comentarios de discos novos e clásicos, concertos, retrospectiva e outras artes como BD, libros e cinema non tan desenvolvidas. Non dubiden en visitala sen prexuízos, pois sempre atoparán algo do seu interese. www.sono-tone.net
Ábrete de Orellas é unha primixenia proposta radiofónica en radios independentes que foi achegándose á prensa escrita e rematou na Rede. O foco de atención está posto nas propostas que van destacando na agora efervescente escena galega e os artistas que nos visitan nas súas xiras. Cun oído no local e outro no resto do mundo, coméntanse festivais e concertos que teñen lugar en Galiza, discos de aquí ou doutras latitudes enviados por discográficas e promotoras, habitualmente independentes, e ofrécese unha listaxe de artistas e webs galegas. www.abretedeorellas.com
Unha web veterá e con nome achegado á fraseoloxía máis divertida da terra é sen dúbida Ghastas Pista. Con comentarios a eito sobre álbumes galegos, principalmente enfoca o seu labor cara á musica folk e tradicional de Galicia. Como acontece coas anteriormente mencionadas, a precariedade estética ou de medios vén suplida pola ilusión, ganas e adicación de parte do tempo libre dos seus responsables. www.ghastaspista.org. Finalmente, para procurar máis concertos está Desconcierto, tamén feito no país. Porén, os seus contidos están en castelán e non se restrinxen ás nosas fronteiras, mais a súa axenda de concertos céntrase na nosa xeografía. www.desconcierto.com
Como ben canta Juan Perro, “Déjate llevar por las pasiones / en la red se encuentran todo tipo de opciones”. Non deixen de visitalas.
colaboración para o suplemento cultural do Xornal de Galicia
decembro-08
0 Comments:
Enviar um comentário
<< Home