xira 10º aniversario de Quique González na Capitol
Como está a acontecer por case todas as prazas que visita nesta xira, Quique González tamén encheu a sala Capitol. Con traballo de corredor de fondo -perdón polo tópico, mais faille xustiza-, ao longo destes 10 anos que celebra foi afianzando e crecendo en número de seguidores. Todo sen perder o máis mínimo recoñecemento da crítica musical, pois, a estas alturas, quen o fomos seguindo non podemos sorprendernos do seu éxito actual, por riba de crises na industria e xeneralizada incultura musical.
Este madrileño é coherente, ten os pés no chan, non esquece os comezos e traballa sempre cun ollo posto nos grandes referentes; non só conserva ese toque de humildade e agradece sentidamente os milleiros de votacións recibidas (coas que confeccionou a selección de temas desta xira), senón que tamén invita a compañeiros artistas a abriren os seus concertos e mesmo acompañáreno no escenario. Nas datas galegas, ese rol cumpriuno Lisandro Aristimuño, cuxo álbum “39 grados” amosa un discurso propio e cancións merecedoras de varias escoitas. A súa breve actuación acústica agradou aos máis atentos, que eran os menos.
O protagonista da noite comezou xa sen agachar cartas, coas tremendas “Vidas cruzadas” e “Kamikazes enamorados”, algo luxadas por un son aínda un pouco deficiente. Mais como xa sabiamos de citas anteriores, La Aristocracia del Barrio soa moi compacta e a Capitol é un seguro de bo son.
Alternándose ora máis roqueiros, ora máis acústicos,responderon ao guión agardado e repasaron con equilibrio os 6 álbumes de estudio (“Pájaros mojados” gañou con 5 temas). Foron bordando “Caminando en círculos” (do álbum en directo),“Pájaros mojados”, “Se nos iba la vida”, “Crece la hierba”, “Suave es la noche”, “Hay partida”, “El campeón”, “Me agarraste”, “Avería y redención”, “Nos invaden los rusos”, “En el backstage”,“Hotel Los Ángeles” ou “Pequeño rock and roll”. Co concerto xa avanzado soou a “Paloma” de Andrés Calamaro como a versión escollida polos seus seguidores internautas, mais entrando nos bises a orpresa chegou con outra boa: “Frío” dos Alarma! de Manolo Tena. “Miss camiseta mojada” foi unha das máis celebradas e,xa nos bises, Quique e Lisandro sos coas acústicas compartiron a dúo un tema de cada un: “Me hice cargo de tu luz” e “Reloj de plata”respectivamente. Deseguido, coa banda no seu sitio, regalaron unha impresionante “Los conserjes de noche” e tamén “Personal”, “Calles de Madrid”, Completáronse as 2 horas coa predecible apoteose que provocan as xoias “Salitre” e “La ciudad del viento”.
Quique González vive un momento moi doce, cunha excelente banda de apoio, un cancioneiro por riba da media e unha manchea de seguidores. Artistas coma el son necesarios nestes momentos de dominación case absoluta da mediocridade e a imposición comercial. A súa é unha proposta personal, coas ideas claras, asequible para a xente cun mínimo de criterio ou interese e arredada de esnobismos supostamente independentes.
Pepe Cunha 16-dec-08
Etiquetas: quique gonzalez capitol abretedeorellas
0 Comments:
Enviar um comentário
<< Home