segunda-feira, dezembro 15, 2008

cantos na maré, sons da nosa fala

O Pazo da Cultura de Pontevedra acolleu un ano máis, e xa van seis, o Festival Internacional da Lusofonía Cantos na Maré. Inmediatamente, este nome tráenos á mente a idea dun concerto no que participan músicos e intérpretes chegados de diversos puntos da lusofonía, mais esta definición resultaría ben escasa. De feito, a organización denomina este concerto como o Espectáculo, unha proposta singular, algo máis ca unha habitual sucesión de actuacións individuais de varios artistas, e culminación duns encontros que nos días anteriores abranguen as actividades Documental, Encontro e Rede.


A nómina de artistas participantes xa sería abondo interesante se simplemente viñesen interpretar composicións de cadanseu repertorio, mais o concepto deste espectáculo defínese pola mestura, o traballo conxunto e a interrelación entre os artistas para ofreceren un resultado particular, reflexo dun momento concreto. Así, nos tres-catro días do encontro Cantos na Maré, o azoriano Paulo Borges coordinou unha banda base para a ocasión: Jon Luz de Cabo Verde, voz e cavaquinho; Quiné de Portugal, batería e percusión; Joâo Ferreira de Portugal, percusión; Norton Daiello de Brasil, baixo; Ruben Santos de Portugal, trombón; Paulo Temeroso de Portugal, clarinete, saxo e frauta e Guillerme Fernández de Galiza, guitarra. Con esta formación, o angolano Waldemar Bastos, os galegos Xabier Díaz e Uxía Senlle, a caboverdiana Sara Tavares, o luso Sérgio Godinho e o brasileiro Paulinho Moska cantaron e mesmo se acompañaron en composicións escollidas de cadanseu repertorio, o que xa se presenta coma un alicerce para os artistas: a pequena gran maxia de compartir, reinterpretar e presentaren as súas cancións con outros músicos e arranxos.


Cun chisco de retraso provocado polo cheo absoluto, Uxía e Bastos abriron co himno homónimo do festival, que case dúas horas despois pecharía con todos os artistas sobre o escenario. A pesar dos primeiros momentos do concerto, comprensiblemente dubitativos e un pouco fríos, o motor da banda foi engraxando e a comunicación gañando forza grazas á presenza escénica duns artistas implicados na causa. O resultado foi a conquista da complicidade dun público en cuxo arquivo memorístico gañarían sitio imaxes e sons: a forza comunicativa das letras e a voz de Waldemar Bastos; a intelixente naturalidade dese observador da sociedade que é Sérgio Godinho; o carisma e a vitalidade desbordante de Sara Tavares e Paulinho Moska; o dúo deste último co seu fervente admirador Xabier Díaz en “Lágrimas de diamante”; o estreo do tema “Fame” por un Xabier Díaz en pleno proceso de formación da súa impronta coma intérprete; a complicidade de Tavares e Senlle en “As nosas cores”, tema que compartiron no último álbum da galega; o “One Love” da caboverdiana e a súa irresistible “Balancé” poñendo fin ao concerto ... En definitiva, acadouse ese fin de provocar unha química de complicidade dentro e fóra do escenario, coa humanidade dunha iniciativa que seguir coidando e transmitindo co apoio das entidades públicas e privadas. Por certo, a Televisión de Galicia gravaba o evento e esperemos lle dea o tratamento que merece cultural e artísticamente, con atención á promoción e un horario de emisión que no momento de escribir estas liñas descoñezo.

Detalles a mellorar aparte, que sempre os hai aínda que non cheguen a luxar o espectáculo, é de obrigado recoñecemento o tremendo traballo de Uxía, alma máter do proxecto. Galiza, como realidade cultural de seu, está no mundo e unha das formas de manifestar esa presenza é mediante a reivindicación dos nexos culturais que nos unen con outros puntos do planeta. Neste contexto, Cantos na Maré parte do idioma e sitúa o noso país coma integrante de seu na comunidade lusófona pois, como lembrou un agradecido Paulinho Moska, de aquí saiu o idioma no que eles se expresan. Algo obvio, aínda que moita xente non sexa consciente, queira arredarse ou incluso menosprece esa parte esencial da nosa cultura. No musical seguimos a aprender e a crecer sen prexuízos, como amosaron Guillerme, Uxía e Xabier.
Pepe Cunha 15-dec-08

Etiquetas:

1 Comments:

Anonymous Anónimo said...

tes razón, a Sara Tavares e o Paulinho Moska estiveron moi ben.

2:21 da tarde  

Enviar um comentário

<< Home