segunda-feira, abril 20, 2009

Bos tempos para a deconstrución. Germán Coppini e o Comando Delta no Jofre. 18-abril-09

A segunda edición da Semana da Poesía Salvaxe en Ferrol tiña un atractivo final para os afeccionados á mellor música pop feita en España nos anos 80. Como corresponde a unha iniciativa orixinal, diferente e viva, non se podía tratar de achegar a ese mundo poético outro simple exercicio de nostalxia.

Neste contexto tiña que haber algo máis, algo á altura do breve pero intenso cancioneiro que asinaran os Golpes Bajos. O seu vocalista e letrista Germán Coppini non é un artista dos que caen no revival, dos que se aferran a vivir dun pasado máis ou menos glorioso, polo que a chamada para recuperar aquelas cancións de hai xa 25 anos necesitaba dunha clara diferenciación.
Como o propio Coppini mencionou na súa aparición sobre o escenario do ferrolán Teatro Jofre, era imprescindible unha improvisición que dotase de nova vida ás cancións.  

E para esta "deconstrución", que mellores compañeiros que unha nutrida representación dos músicos da Orquestra de Música Experimental de Galicia (OMEGA) ? Esta formación de zanfona, guitarra, contrabaixo, piano, órgano, clarinetes, saxo, batería, voces efectos de voz e outros, chamouse comando DELTA e ensaiou con Coppini un par de días que semellaron suficientes para acadar o seu obxectivo.
Durante pouco máis dunha hora, e mesturadas coas tolas e chiantes improvisacións dos músicos, conseguiron revivir cancións tan marabillosas coma "A santa compaña", "Malos tiempos para la lírica", "Cena recalentada", "Escenas olvidadas", "Colecciono moscas", "Fiesta de los manquíes", "Hansel y Gretel" e "No mires a los ojos de le gente".

Había quen esperaba outra cousa ou que non estaba nin afeito nin receptivo á experimentación, pero os que queriamos algo máis ca voz de Coppini, que estivo magnífico, saímos ben satisfeitos.
Si, nesta cita eramos poucos, unhas duascentas persoas, mais xa desde que renaceu "A Santa Compaña" sentímonos uns elixidos. Gozamos de todo un privilexio, dunha experiencia que pode e debería repetirse, pois quen estaban sobre as táboas do Jofre tamén semellaron gozar do que alí fixeron.

 

Grazas a quen idearon, favoreceron e interpretaron este emocionante concerto!
Pepe Cunha 18-abril-09

Etiquetas:

2 Comments:

Anonymous Ariel Ninas, o da zanfona said...

eu estiven alí, sobre o escenario. E si desfrutamos moito todos. Foi moi emocionante e emotivo.
un par de detalles:
OMEGA, acrónimo de Orquestra de Música Espontánea de Galiza

A idea foi de Marcos Lorenzo, anterior técnico de Cultura do concello.

Espero que poidamos repetilo, mereceu a pena.

8:25 da manhã  
Blogger ábrete de orellas said...

Grazas, Ariel, e que quede claro: "Espontánea", non "Experimental".

Fai chegar os meus parabéns ao resto do comando.

10:57 da manhã  

Enviar um comentário

<< Home