segunda-feira, fevereiro 16, 2009

Exquisitez pop. TINDERSTICKS na Sala Capitol, 11-feb-09


Noite de mércores en Compostela para unha desas citas que congregan aos amantes da música pop máis elegante. Esa descoñecida para os que non entenden que nos acheguemos desde diversos puntos do país no medio da semana laboral. Mais o cansazo do día seguinte vai acompañado dun sorriso de satisfacción.


Abría o irlandés David Kitt foi puntual e aproveitou a boa entrada da sala para presentarse coa súa guitarra e as súas bases lembrando convincentemente a unha sorte de Jorge Drexler anglosaxón. Mais como era normal, estabamos máis pendentes da cita coa banda protagonista, a que si conseguiría manternos nun silencio case completo.


Tivemos que agardar até as dez menos cuarto para comprobarmos que a banda británica segue a estar en forma. Sen dúbida, os trocos na banda non afectaron á filosofía da mesma: os sutís arranxos, a distintiva voz de Stuart Staples e esa atmosfera tan envolventemente cinematográfica que crean. David Boulter no teclados, Neil Fraser na guitarra e Staples son a base dunha formación que se acompaña de baixo, batería e ventos e cordas para, tras 5 anos sen material de estudio, regresar cun “The Hungry Saw” que recuperou o nivel das súas mellores entregas nos 90. Deste sétimo álbum fixeron un bo repaso (“Yesterdays Tomorrows”, “The Hungry Saw”, “The Turns We Took”, The Flicker of a Little Girl”, “Boobar Come Back To Me”…) e, como non podía ser menos, regalaron varios clásicos da banda, como o recitado “My Sister” nos primeiros bises ou o “Tiny Tears co que pecharían tras seren aclamados polo público e saíren por segunda vez.


Durante máis de hora e media, o carismático Stuart Staples non deixa de cantar cada sílaba, entregándose totalmente na súa interpretación e cunha seriedade allea ao resto da banda, que si comparte sorrisos cómplices. Se cadra sabiamos o que nos íamos atopar: “só” unha densa e engaiolante música e uns “thank you” e “thanks” entre os sentidos aplausos premiando a interpretación. As gravacións dos temas dos Tindersticks non son doadas de plasmar no directo, e menos nunha sala, por moi bo son que ten a Capitol, mais saíron airosos con bastante solvencia e a axuda dun competente par de músicos aos ventos, o violonchelo e tamén ás teclas.


Si, entre a audiencia houbo algún despistado falando de cando en vez a máis volume do comprensible, pero foron case anecdóticos eses que ían por figurar nunha cita desas obrigadas para moverse entre os “in”. A maioría gozamos case absortos dun luxo musical nunha sala que estivo á altura.


Pepe Cunha 15-feb-09