Festival do Norte 2009. A cita referencial do indie en Galicia tivo novos achegados
A edición de 2009 do Festival do Norte situouse este ano coincidindo cun venres festivo e iso xa animaba a achegarse sen présas a Vilagarcía. O tempo acompañaría tras semanas de chuvia e no cartel aparecían dous nomes que actuarían de reclamo para máis público do habitual. Se a estes factores lle sumamos a habitual escolla de nomes nacionais e internacionais de calidade e interese, os primeiros chanzos para acadar un éxito case total estaban xa postos. A cualificación de total cómpre deixala para o gusto persoal e para iso están os concertos e as querencias de cadaquén. Xa recuperado do grato cansazo, eis vai o resumo desta cita, a referencia festivaleira galega previa á saturación estival.
As actuacións do venres
Un festival coma este segue a apostar por incluír bandas da terra que necesitan foguearse en citas importantes. Isto só pode ser un alicerce para que os nosos traballen con máis énfase na súa proposta e compartan a atmosfera na que se moven bandas das que sempre se pode aprender. Desta vez, NOUVELLE CUISINE tiñan o sempre complicado labor de abrir antes das 6 da tarde e a máis cun tempo fermoso que podía restar afluencia, mais fixérono ben apoiados nun son máis guitarreiro ca nas súas gravacións. Sabían ao que viñan e, fronte a unha pequena representación do público indie máis melómano, defenderon unha escolma das súas mellores cancións nesa media horiña.
Até este venres non me achegara abondo á proposta de melodrama e comedia que interpretan os MANOS DE TOPO, pero saín agradado da súa actuación. Coma as outras formacións que alí tocaron, beneficiáronse dun son aceptable baixo a carpa, algo moi de agradecer cando as letras, a peculiar voz e o apoio do violín teñen tanta relevancia. Amosaron que son máis cá banda dunhas das voces e letras máis curiosas do panorama español e que contan cunha entregada lexión de fans. Persoalmente, non me parece para tanto, pero o fenómeno fans non sempre é controlable, e aí ten a súa parte de graza.
Para completar a carpa, o prato mediático máis forte era a actuación de RUSSIAN RED, que encheron totalmente, confirmando as expectativas que espertara a súa presenza no cartel. E non falo só dunha imaxe imitada entre moitas das asistentes máis noviñas, pois os escépticos tamén queriamos ver en directo un dos discos máis aclamados no último ano. A pequena Lourdes Hernández manexou ben o seu agradable xeito de cantar e veu acompañada dunha banda competentísima, co gran Charly Bautista como apoio na guitarra e o teclado. Coma pasa con VETUSTA MORLA, non se distinguen por unha especial orixinalidade ou exquisitez para o público medianamente erudito, pero funcionan. Á marxe de apoios mediáticos, defenden con solvencia e credibilidade a súa proposta.
Isto non é precisamente o que podemos dicir dos RAGDOG. Dende logo, xa daba para comentar por que eles abrían o escenario grande cando tanto MANOS DE TOPO e RUSSIAN RED tiñan seguidores e fans abondo. O rumor máis xeralizado é que foi algo de imposición por parte dalgún patrocinio. Moita pose e escasa “chicha” para un experimento pouco crible entre un Iván Ferreiro e El canto del loco. Unha banda con aspiracións tan puramente comerciais (coido que entendemos aquí o mal sentido do cualificativo) que queda ben alonxada do que é este festival. A sorte foi que abrir o escenario grande significa tocaren só media hora.
Si estaba na liña do evento a aposta polos cántabros TEMPLETON, mais o seu pop tinxido de noise padeceu máis ca outros un son deficiente, difuso e, como adoita acontecer nestas situacións, poucos máis cós fans puideron aprecialo. Honestamente, fiquei sen collerlle o punto. Esforzáronse pero non chegaron a empatar.
A pesar dun son que seguiría a ser irregular, LOVE OF LESBIAN souberon adaptarse moi ben ao concepto de festival no seu xeito de enganchar tamén coa meirande parte dos “non-fans”. Tras entregar cancións que funcionaban como auténticos hits coreables e bailables, empregaron algunha máscara, disfraz ou gafas con luces para tirar aínda máis da complicidade do público. De feito, acabaron tirándose á piscina mentres soaba música gravada. Se cadra, amosaron un excesivo contido “extramusical” e moitos non aceptan iso. A Sidonie, por exemplo, criticóuselles iso cando fixeran un concerto correcto e tamén “festivaleiro” o ano pasado. Mentres non descoiden o musical, penso que un chisco de pose (isto é rock and roll, non?) tamén é esperable. Foron dos que mellor cumpriron e conseguiron esa dose de “subidón.”
Segundo a programación, chegaba unha boa dose de folk-rock cun dos nomes potentes do festival. Foi todo un cambio, non exento de desaprobación, que despois do baile brazos en alto cos cataláns, viñese HERMAN DUNE, e máis con algún solo de guitarra salientable pero bastante longo. Porén, con calidade, orixinalidade, carisma e bo acompañamento rítimico salvaron meritoriamente a faena, cun formato de trío que convenceu aínda que non viñeran a facer os seus discos, senón a reinterpretar as súas cancións. O que quedou claro é que á formación en baixo, guitarra e batería lles acaeu mellor o son que os técnicos sacaban do escenario grande. Do mellor do festival.
Tras gozarmos, algún máis ca outros, desa certa contención sonora, volvía subir a intensidade dos movementos do personal. Os portugueses X-WIFE comezaron incómodos no son, mais pouco tardaron en dar a razón a quen os víramos naquela edición no escenario da peixaría. Creceu desde aquela un directo contundente de post-punk bailable que conectou cun público moi receptivo pasada a medianoite. Sen chegar a sobresaíntes, quedaron como unha das actuacións por riba da media.
Finalmente, tocaba unha cara máis tecno pop machacona oitenteira con THE WHIP, que mantiveron o personal en danza, misión para a que estaban dispostos uns e outros. Non obstante, a súa proposta queda lonxe de ser interesante musicalmente falando, mais daquela o nivel de esixencia xa baixara polas horas, o cansanzo e unhas drogas, legais e ilegais, que pedían manter a inercia.
máis fotos do FdN 2009 aquí
Mellor o sábado?
Case valería o comentario sobre NOUVELLE CUISINE para NOISE PROJECT, engadindo que tamén o son acompañou para defenderen a súa proposta de rock alternativo. Nin se lles prestou máis caso aló dos máis dispostos, nin desmereceu a súa presenza. Quizais algo sosa, iso si.
Unha media hora máis tarde do previsto comenzou a banda da que oxalá podamos dicir pronto aquelo de “eu vinos antes de ser máis coñecidos”. Os catro membros de EXTRAPERLO son moi noviños e pouco soltos no escenario, pero acaban de debutar nada máis e nada menos que cuns Mushroom Pillow que teñen bo ollo. A súa sorte de tropicalismo indie, con lembranzas a Golpes Bajos e uns Ciudad Jardín ou Especialistas menos comerciais, é merecedora de que lle sigamos a pegada. Non se lles veía cómodos co son, pero foi unha das bandas que espertou unha merecida atención.
Todo o contrario que LA BUENA VIDA, unha formación que xa nin sorprende nin defrauda. Cando veñen de abrir unha nova etapa coa marcha da súa carismática vocalista, achegaron unha nota de veteranía e un son impecable. Disque pululaba polas marxes das táboas un dos membros de Schwarz, que de son saben un cacho. Gustaron aos fans e confirmaron a impresión que deles temos os que sempre os vimos desde unha distancia respectuosa: o que fan, fano ben. Un punto a favor a versión de Poch, incluída no seu novo EP.
Para cando tocaba moverse ao escenario grande cobraba protagonismo a nota extra-festivaleira. Por horarios, o Real Madrid-Barça perxudicaríalles aos HAVALINA e a CUCHILLO. Coma proba, os bares menos distantes do FEXDEGA estaban ateigados de festivaleiros que non se querían perder o desenlace da competición balompédica española.
Quen aproveitamos para facer coincidir o noso descanso para a cea coa visión de tal evento seica perdimos o son potente e compacto dos HAVALINA, con chiscos a Soundgarden ou á PJ Harvey, segundo sondeei entre os coñecidos, que quedaron con ganas de algo máis. E digo eu, que é mellor entón? Unha hora no escenario pequeno ou media no grande?
máis fotos do FdN 2009 aquí
Afortunadamente, o cativo retraso nos horarios e un regreso ao escenario grande bastante antes do final do xogo, si me permitiu sucumbir aos encantos do son do dúo CUCHILLO. A súa é unha envolvente proposta de guitarra, batería contida e gravacións en loop feitas “in situ”. Calidade interpretativa e un son afastado da saturación e confusión que se chegou a acadar con boa parte das bandas do escenario grande. Quedei con gans de velos en sala.
STANDSTILL tamén ten un bo feixe de fans e o seu directo convenceu case por unanimidade cunha sólida posta en escea e moita forza. Tamén houbo queixas polo son que sufriron, mais supoño que esta opinión variará segundo os lugares do recinto. Os temas foron na súa maioría dos seus álbumes en castelán e confirmaron os abondos bos comentarios que escoitara sobre as súas actuacións, aínda que a súa proposta pareceume tirar máis a un ton épico que o hardcore que tamén visitan. Os músicos e o vocalista a un nivel de sobresaínte, algo aínda non moi habitual nas bandas españolas, todo hai que dicilo. Tamén foron do máis salientable.
THE RUMBLE STRIPS son unha boa mostra desa mestura de pop-soul británico que practicaban uns Dexys Midnight Runners, pero con algo máis de actitude rock. Malia súa xuventude e un só álbum no mercado, contan con moitos sinais de identidade que enganchan e entreteñen o público con facilidade: un bo cantante, saxo e trompeta moi marcados, actitude convincente nas táboas e retrousos pegadizos. Hai bandas que teñen algo para atrapar aínda que non se coñezan as súas cancións. Un bo directo que pode ir a máis. Gustos aparte, puxeron a nota de vitalidade pop entre uns grupos que ás veces semellan tomarse demasiado en serio a si mesmos. Quizais a hora da que servidor máis gozou.
VETUSTA MORLA, xunto con RUSSIAN RED, constituían o necesario gancho en forma de concesión ás bandas de moda. Pero benvidas sexan as modas cando os seus protagonistas se marcan concertos tan correctos. Coido que falo por boca de moitos cando digo que nos alegramos do éxito dunha banda currante e auténtica, independentemente de que nos pareza máis ou menos atractiva a súa proposta. A súa hora de concerto foi o pico de asistencia e quedou claro que ese salto comentado de 7000 a 9000 persoas con respecto do primeiro día debeuse a eles. Agora agardemos que boa parte do seu fervoroso público viñese coas orellas abertas e apreciase o espírito dun festival integrado habitualmente por nomes que adoitan descoñecer. Significativo era o das adolescentes tolas nas primeirísimas posicións e un público máis maduro “vivíndoo” polo medio do recinto; boa mostra de que cando se chega ao gran público, as barreiras xeracionais esvaécense. O “Sálvese quien pueda” foi tomado literalmente por moitos que escaparon dun posible contaxio do público habitual. E non falo de “gripe A” senón de curiosidade por propostas máis alternativas ao puramente comercial. Un directo convincente por efectivo.
Con sorte, boa parte dese público que viña a ver a súa banda sen saber ou querer saber o que agardaba antes ou despois dela ficou algo máis e non perderon outra das boas actuacións desta edición. DELOREAN non igualaron o concertazo de hai un par de anos, tamén pechando e contaxiando até os que non podiamos coas cachas. A pesar de que daquela soaron mellor, volveron arrasar co seu ritmo frenético e irresistible, ese que fai que os máis pop-roqueiros non teñamos vergoña de bailar “al ritmo de la noche”. O deles si que non ten fronteiras.e podemos dicir que a banda internacional con gancho para pechar unha noite foron eles, non THE WHIP.
Os pinchas? Ben, nin fú nin fa. Pero haberá xente a quen lle vale calquera cousa e mesmo lle faga coña o de Rober Bodegas. A min, ningunha.
máis fotos do FdN 2009 aquí
Infraestruturas mellorables
Os puntos coincidentes nas opinións foron a boa escolla de datas, o magnífico tempo a pesar do frío nocturno e os bos prezos das entradas e consumicións. Mais sempre hai espazo para as críticas, que sempre deben apuntar ás melloras. Aquí vai unha modesta opinión sobre algunhas deficiencias dependentes das mans da organización.
Fomos moitos este ano no Festival do Norte e algunha das consecuencias viviuse na zona de acampada. Esta quedouse pequena e carecía dun mínimo de vixilancia ou control á entrada, onde ninguén nos pedía amosar a pulseira. Iso favoreceu a inseguridade e o traballo deses “enemigos de lo ajeno” que atentan contra a boa atmosfera que predomina neste festival.
En relación coa maior afluencia de público está tamén o desbordamento das infraestruturas previstas para as necesidades fisiolóxicas, pois a altas horas da noite os regatos de ouriños chegaban á carpa procedentes dos urinarios.
Mesmo no descampado para as tendas (cualificalo de cámping sería irreal), as instalacións de ducha e baños resultaron escasas, formándose colas e perxudicando a limpeza das instalacións. Tivemos a sorte de que non choveu, pois aquelo podería resultar moi, moi incómodo. Xa o sabemos, noutros festivais non hai nin duchas, pero por pedir ...
Xa que logo, serían factibles máis baños, máis barras e un replantexamento serio ou outra ubicación da zona de acampada?
Repetiremos as “bandas imán” ?
Existe un clima de debate centrado na presenza positiva ou non de bandas saídas do circuito independente que chegaron a un público máis convencional ou menos audaz. Funcionou este ano cos VETUSTA MORLA e RUSSIAN RED porque subiu a afluencia de público, pero non hai moitas bandas nestes parámetros. Xa tivemos nomes internacionais potentes, sempre caros se non se sube o prezos, como The Divine Comedy, Placebo, Echo and The Bunnymen, Broken Social Scene ou Radio 4, e tamén nomes nacionais que estaban arriba como Los Planetas, The Sunday Drivers, Sidonie ou Deluxe. Seguirase con esta liña o ano que vén?
Opoñerse por sistema a estas presenzas paréceme un esnobismo. Probablemente, os que adoitamos vir ao Festival do Norte non o tomamos coma unha ultraxe ás súas coordenadas musicais independentes. Entendamos que o formato actual tería unha caducidade se respondese só aos máis exquisitos, que non cubrirían os gastos. Para exquisitez xa está a programación do gran SinSal e as entradas están mínimo a 10 €.
O debate está servido, mais esta edición foi un éxito de público e cun bo nivel medio das actuacións, a pesar de que os máis ou menos esixentes non gardaremos unha actuación desas memorables. Ou si?
Admítense apostas: que bandas poderían ser o reclamo para manter tan alta asistencia?
Malia o son mellorable, os meus favoritos
Ai, o sempre controvertido tema de son! No escenario grande, a impresión apunta máis cara a unha consideración negativa, cun son bastante confuso no que varias bandas non puideron brillar nos seus matices. Porén, esta opinión variaba segundo a zona do recinto e implica bastante subxectividade. Coma referencia, eu gardo coma fantástica aquela actuación de The Divine Comedy, mais este ano non podería escoller un concerto a esa altura. Iso si, gostei especialmente dos Herman Dune e The Rumble Strips, xunto con varios momentos de X-Wife, Love of lesbian, Standstill ou Cuchillo.
Canto ao son do escenario pequeno, apreciei unha certa mellora que aproveitaron Manos de Topo e, algo menos, Extraperlo, por citar as bandas que alí máis me agradaron.
Grazas á organización polas facilidades para cubrirmos tamén fotograficamente o evento e ... até o ano que vén !
máis fotos do FdN 2009 aquí
2 Comments:
Para min o mellor do festival Herman Dune e Vetusta Morla (dos que non son fan para nada, pero hai que recoñecelo, deron un concerto incrible).
Non estou dacordo cos teus comentarios sobre Cuchillo e Extraperlo.
Os dous parécenme os típicos grupos catalanes que se non fosen catalanes estaría comendo os mocos.
Extraperlo paréceme un concepto tan orixinalmente conceptual coma malo: Coppini Calipso?! Iso era para metelos no caldeiro, sintoo moito, pero non o aturo. Demasiado concepto e poucas cancións.
Cuchillo comezou moi ben, moi psicodélico, moi curioso, pero todas as cancións semellaban introducións de cancións que nunca remataban de estoupar. Foi o único concerto do que marchei (obviando o dos RapDog). De novo demasiado concepto e poucas cancións.
Para min a música son cancións, se despois os tíos teñen unha pinta guay ou fan algo "especial", pois moi ben, pero se non hai música boa (ou un solista bo, coma no caso de Russian Red, que ten unha voz incrible), para min non hai grupo.
si, Herman Dune do mellor, aínda que o guitarra escapase ás veces das cancións ;-)
Sobre os grupos cataláns "inflados", pode acontecer, mais estes 2 non están mal. Aínda que principalmente son, seica un chisco menos ca ti, de cancións, gostei bastante de Cuchillo. Extraperlo están verdes, mais véxoos que poden ir por esa onda que menciono e que si, quizais deban concretar máis nos temas.
E que tal The Rumble Strips? A min do que máis me gustou para non ser nada vetaeráns.
Enviar um comentário
<< Home