segunda-feira, novembro 03, 2008

Lapido, un deus da poesía eléctrica


Xa tiña un servidor ganas de reencontrarse con Lapido tras aquela actuación na última etapa dos 091 na sala Número K. Alá polo 95 a mítica banda granadina presentaba o seu derradeiro album en estudio para un ano despois fechar a súa carreira. Pouco despois, e coincidindo coa fin de século, o compositor e guitarra dos Cero iniciaría esa carreira en solitario que por fin o achegou a Santiago este sábado. Sen dúbida non había mellor excusa que un ciclo coma o VerBo Rock para incluír este poeta do rock en castelán que é José Ignacio Lapido.

Había arredor de media entrada na estupenda sala Capitol para escoitar non só as cancións do seu cuarto longa duración en solitario, senón tamén un repaso pola súa discografía e algunha lembranza dos 091. Finalmente as expectativas cumpríronse dabondo porque ademais dese completo setlist, Lapido está en forma e acompáñase da mesma banda que gravou o magnífico “Cartografía”. Catro músicos máis da escea granadina (a base rítmica sólida de Paco Solana no baixo e Popi González á batería e tamén acompañando efectivamente ás voces, Víctor González pasándoo magnificamente coa guitarra e Raúl Bernal aportando textura desde os teclados) arrouparon tan atinadamente ao protagonista que sonaron coma unha banda ben compacta, malia non estaren inmersos nunha xira ao uso.

Ademais de repasar practicamente enteiro "Cartografía", Lapido recuperou en case dúas horas, sen pausa nin distraccións, anteriores momentos da súa discografía como "Demasiado tarde", "Me voy", “La antesala del dolor”, "No queda nadie en la ciudad", "Luz de ciudades en llamas", "Roto", “No digas que no te avisé”, “De espaldas a la realidad” ou “Más difícil todavía”. Dos 091 recuperou e adaptou á súa etapa actual "Zapatos de piel de caimán" e, xa nas dúas tandas de bises, "Sigue estando Dios de nuestro lado", "La noche que la luna salió tarde", "Esta noche" e "¿Qué fue del siglo XX?”. Poucos poden ofrecer máis.

A quen non foron ou queiran lembrar os moitos bos momentos, recoméndolles o especial de Lapido en http://www.indyrock.es/, con imaxes do concerto na sala granadina El tren o pasado día 18.

Nestes tempos de tanta mediocridade ensalzada, Lapido é máis necesario ca nunca, porque se do que se trata é de ter boas cancións e defendelas no directo, o granadino amosouse coma un referente no panorama rock español. Sobriedade, profesionalidade, complicidade e entrega sen máis fogos de artificio ca unhas magníficas letras envoltas por un son clásico e alleo a modas.

PEPE CUNHA 3-outubro-08


Etiquetas: