terça-feira, maio 12, 2009

Con Certo Sentido: impresionantes Clem Snide

Con Certo Sentido é un novo ciclo argallado pola entusiasta produtora Coconut que arrincou o sábado 9 en Vigo cunha aposta ben forte: os estadounidenses Clem Snide no auditorio de Caixanova. A formación liderada polo vocalista, guitarrista e compositor Eef Barzelay achega desde hai máis de15 anos unha proposta entre doce e melancólica que mestura pop de sempre, algo de cool-jazz, country e folk. Para moitos, son unha banda referencial na renovación da canción americana, canda nomes afíns como Lambchop.


Cun aspecto de roqueiro elegantemente intelectual e bailando a arroutes, tipo Elvis Costello nos 80, Barzelay saiu acompañado en formación básica de baixo e batería para comezar convincente “a capella”. Desde un minuto despois, xa non nos abandoaría un son perfecto e contundente durante as case dúas horas de actuación. A sección rítmica soaba perfecta, co baixista de sempre, así como unhas guitarra e voz que debuxaban e narraban temas dos 5 primeiros álbumes coa banda ou do Barzelay en solitario como “Your Favorite Music”, “Mike Kalinsky“, “I Love the Unknown”, "Something beautiful", "Forever, now and then", "Lose big", "Our time will come", "Burn a Light", “Jews for Jesus Blues”, algunha canción nova, esa case punk adicada a “Wal-Mart”, e tamén do sexto e máis recente (en edición, que non en composición e gravación) “Hungry Bird” coma “Me No” ou “The Endless Endings”.


Máis aceleradas ou máis reflexivas, achegadas ao country, ao rock ou ao pop independente, a calidade dos detalles das composicións de Barzelay non pasa desapercibida e os temas superan a proba de funcionaren tamén espidos da instrumentación do estudio de gravación. Seica estaban cómodos nunha noite especial, pois remataban dous meses de xira europea e levaban 3 días por Vigo. Bromeaban coa solemnidade de actuar nun teatro e pedían silencio para unha contorna tan cultural, aínda que de feito se estaban a marcar un concerto potente de decibelios e watios que en ningún momento soou máis alto do necesario. Barzelay presentaba simpático as cancións alternando un inglés bastante intelixible para os menos afeitos co seu chisco de castelán. Mesmo facía bromas coas súas primeiras frases aprendidas nesta lingua: “Tengo un lapiz amarillo” ou “vale, vale, vale”. Un dos grandes momentos foi cando nos bises atacaron o “Femme Fatale” da Velvet mesturado coa audiencia repetindo o mítico retrouso stoniano “You Can´t Always Get What You Want”. Ou cando nas postrimerías da actuación, e por enésima vez, unha baqueta do enérxico batería saiu voando, desta vez impactando no mesmo centro de Barzelay entre os sorrisos cómplices de banda e público.


Sen dúbida, un concerto para lembrar, moi aplaudido por unha audiencia que en gran parte amosaba sorriso nas facianas e se interesaba polos discos á venda. A inmerecida nota negativa foi un aforo mediado cando a ocasión cumpriu de sobra co que prometía. A segunda cita de Con Cierto Sentido terá lugar o vindeiro 22 de maio no mesmo recinto e cun dobre cartel: PETER BRODERICK e o SR. CHINARRO (en acústico).

Grazas a Edu Coconut e saúdos a Sabela
Pepe Cunha 12-maio-09

1 Comments:

Anonymous Anónimo said...

top [url=http://www.c-online-casino.co.uk/]casino[/url] coincide the latest [url=http://www.realcazinoz.com/]realcazinoz[/url] unshackled no deposit reward at the leading [url=http://www.baywatchcasino.com/]no lay gratuity
[/url].

2:07 da manhã  

Enviar um comentário

<< Home