segunda-feira, junho 22, 2009

KONONO Nº1 no ciclo SinSal

Tras a cancelación in extremis do concerto de Wavves había unhas semanas, o sábado en Vigo volviamos estar citados co festival SinSal. Mais non só o público atento ao máis ou menos moderno ou último nas tendencias de vangarda, como corresponde aos parámetros da programación, senón tamén esoutro ávido de sensacións Ethno Beats -World Music ou calquera outra denominación-. Tratábase dunha conta pendente da organización, pois esta o ano pasado vía suspendida a visita dos congoleños KONONO Nº1 por un problema de visados.

Mais a resposta en número non foi a agardada e moito menos a que merece un festival como o SinSal, que leva xa uns anos achegándonos propostas do máis interesante. Isto último como mínimo, pois houbo quen desfrutou máis ou menos da proposta musical, algo que obviamente xa escapa da organización. Deste xeito, quen alí estivemos sentímonos testemuñas dun espectáculo curioso, alonxado do cotiá por estas terras. Foi, unha vez máis, unha proposta coa súa dose de peculiaridade, de inquedanza, de diferenciación.

Ademais dos tres especialistas no instrumento protagonista, e tamén cunha posta en escea tan humilde como a orquestración, a formación completábase cun cantante principal, unha vocalista-bailarina e tres percusionistas. A máis de hora e cuarto de actuación amosou que o destes congoleños é unha viaxe natural e en precaria electrificación desde o artesanal (instrumentos de ferralla ou tecnoloxía dos tempos das colonias) até o vangardismo dun son distorsionado e saturado que incita o baile, como deseguido observamos na reacción de boa parte do público. E sen esquecer sumarlle a naturalidade que estes músicos transmiten e a continua procura da complicidade do público. En resumo, unha festa musical para unha familia supernumerosa.

Así, logo nos rendimos á sonoridade dos likembés, eses pianos de polgar que marcan unha liña repetitiva e bailable que, non é de estrañar, chamou a atención das propostas electrónicas e experimentais occidentais. Enténdese xa que logo por que o combo congoleño KONONO Nº1 gravaron para a islandesa Björk un tema en 2008 e mesmo que a acompañaron en concerto.

Esta sétima edición do festival SinSal rematará o 11 de xullo coa sensibilidade do cantautor sueco JOSÉ GONZÁLEZ. O lugar, unha vez máis o teatro da entidade financiera Caixanova en Vigo.

Esperemos que na oitava edición os organizadores poidan e continúen levando algún dos seus concertos a outras sedes, como A Coruña ou Santiago.


http://www.sinsalaudio.org
http://www.fotolog.com/sinsalaudio
http://www.myspace.com/sinsalaudio