Dominique A, enérxica delicadeza. Teatro Colón, A Coruña. 16 xaneiro 2010
A cuarta edición do ciclo Vangardas Sonoras abriuse o pasado sábado “comme il faut”. Dominique A encheu o Teatro Colón da Coruña e cumpriu coas expectativas ofrecendo un concerto magnífico.
Como é previsible nun artista que xa visita a Península con regularidade, traía un novo disco coma eixo do seu tracklist. Aínda que hai casos no que unha maioría de pezas novas pode baixar a intensidade do concerto, nesta xira iso non semella acontecer. Aparte do xa notorio cancioneiro do señor Ané, “La musique”(2009) é un dos seus mellores álbumes e permitiuse interpretalo prácticamente na súa totalidade. Pezas como “Hasta que el cuerpo aguante” ou “Immortels” conservaron nun son menos pulido a súa forza emocional. Porén, non quedou no recente nin nas pezas máis celebradas, senón que coidou aos máis eruditos na súa obra ao colocar con naturalidade pezas do máis experimental “La matière”(2009) -"Valparaiso", "Bel animal", “Il ne dansera qu’avec elle”, "L'entretemps" e "Dans l'air"- e dúas das versións incluídas no EP “Kick Peplum”: “Manset” e “Gisor”. Obviamente, non faltaron clásicos do repertorio como “Revenir au monde”, “Le commerce de l’eau”, “En secret” e o clímax nos bises con “Antonia”, “Le 22 bar”, “La peau” e “Le courage des oisseaux.”
Cunha instrumentación de 2 guitarras, batería, sintetizadores, bases, efectos e unha voz que ía gañando forza, o cuarteto ofreceu 100 minutos dun son compacto, potente, no que todo estaba no seu sitio unha vez que baixaron un chisco o volumen dos sintetizadores. A execución foi impecable e o Colón rendeuse a un rock de corte escuro, de electrónica directa, pouco sofisticada, de guitarras cortantes e ritmos moi marcados, por momentos obsesivos na procura progresiva desa intensidade à la Joy Division. Si, revivimos eses 80 ásperos do post punk, pero non faltaron achegamentos á electrónica dura, ao trip hop, a chançon francesa (porque “también podemos ser menos brutos”, como dixo da súa banda) e un final apoteósico de discoteca after-punk ao ritmo de “Le courage des oiseaux”. A conexión foi total entre os músicos e un público (“damas y caballos”) entregado cuxos aplausos sempre agardaban a fin da última nota para agromar. Iso si, nas últimas pezas as butacas xa estaban de máis.
Talvez quedou un chisco por baixo da súa visita anterior a outro salientable ciclo coma o compostelán “Sons da Diversidade”, pero xa saben que a memoria tende a esaxerar os bos recordos. Nesta xira, se Dominique A quería ofrecer un concerto acaído para fans da súa obra e afeccionados en xeral, conseguiuno. E iso non está á altura de moitos.
Pepe Cunha 19-xaneiro-2010
Setlist completo grazas ao colega Xavier Valiño:
Le sens, Il ne dansera qu’avec elle, Les garçons perdus, Revenir au monde, Qui est-tu?, Manset, Hasta que el cuerpo aguante, Le commerce de l’eau, La musique, Sous la neige, Le bruit blanc de l’été, En secret, Bel animal, Je suis parti avec toi, La fin d'un monde, Valparaiso, Immortels, Nanortalik, L’entretemps, Gisor, Antonia, Le 22 Bar, Dans l’air, La peau, Le courage des oisseaux.
Programa completo ciclo VANGARDAS SONORAS de Caixa Galicia:
sábado 16 xaneiro. A Coruña. Teatro Colón.20:30h. 15 € DOMINIQUE A
sábado 23 xaneiro. Vigo. Teatro Salesianos. 20:30h. 10 € GIANT SAND
sábado 20 febreiro. Ferrol. Fundación Caixa Galicia. 21:00h. 10 € THE DUKE AND THE KING
xoves 11 marzo. A Coruña. Auditorio Fundación Caixa Galicia. 21:00h. 10 € THESE NEW PURITANS
sábado 13 marzo. Ourense. Teatro Principal. 20:30h. ANNI B. SWEET
sábado 17 abril. Pontevedra. Auditorio Fundación Caixa Galicia. 21:00h. 10 € ALONDRA BENTLEY
xoves 20 maio. Santiago de Compostela. Aula Sociocultural Caixa Galicia. 21:00h. 10 € CASTANETS + Artista invitado
entradas á venda na billeteira de Caixa Galicia e no teléfono 902434443.
sábado 16 xaneiro. A Coruña. Teatro Colón.20:30h. 15 € DOMINIQUE A
sábado 23 xaneiro. Vigo. Teatro Salesianos. 20:30h. 10 € GIANT SAND
sábado 20 febreiro. Ferrol. Fundación Caixa Galicia. 21:00h. 10 € THE DUKE AND THE KING
xoves 11 marzo. A Coruña. Auditorio Fundación Caixa Galicia. 21:00h. 10 € THESE NEW PURITANS
sábado 13 marzo. Ourense. Teatro Principal. 20:30h. ANNI B. SWEET
sábado 17 abril. Pontevedra. Auditorio Fundación Caixa Galicia. 21:00h. 10 € ALONDRA BENTLEY
xoves 20 maio. Santiago de Compostela. Aula Sociocultural Caixa Galicia. 21:00h. 10 € CASTANETS + Artista invitado
entradas á venda na billeteira de Caixa Galicia e no teléfono 902434443.
0 Comments:
Enviar um comentário
<< Home