quinta-feira, julho 02, 2009

Xullo 2009 en Galicia: póker de citas fóra dos festivais

Ben sabemos que o verán é tempo de ocio, de festivais musicais, gastronómicos e culturais en xeral, mais tamén é momento para apostas potentes, con gancho e habitualmente chegadas de máis lonxe do Telón de Grelos. Neste mes repasamos un póker de citas "individuais" e rechamantes para os ouvidos máis esixentes de onte, de hoxe e de sempre. Máis aínda, para quen evitan os festivais ao aire libre e as distraccións das masas. Porque hai vida alén dos festivais e ciclos habituais, e tamén recomendables, ImaxinaSons en Vigo, Cultura Quente en Caldas, o masificado Ortigueira, festival Jazz de Pontevedra, ciclo de Músicas Portuarias en Ferrol ... e a novidade do ano: o potente Son de Meiga no Barco de Valdeorras.

Como primeiro prato, YANN TIERSEN o venres 3 nas instalacións de ExpoCoruña. O compositor e multi-instrumentista nado en Brest é recoñecible inmediatamente para o gran público pola súa contribución ás bandas sonoras de "Amelie" ou "Good Bye, Lenin". Porén, cómpre telo en conta tamén, por mor dos seus achegamentos ao pop, coma un dos máis destacados nomes da nova chansón francesa das últimas décadas canda Benjamin Biolay, Dominique A (que tamén posou hai case un par de anos por estes lares grazas ao ciclo Sons da Diversidade) ou Françoiz Breut (aquí hai que reivindicar o festival SinSal por traernos cousas deste nivel).

Tamén na Coruña e desde Francia, mais desta vez no Teatro Colón Caixa Galicia, un dos grandes harmonicistas a nivel mundial, J.J. MILTEAU. Un tipo interesante polo seu virtuosismo e polo seu carácter multidisciplinar, pois compón tamén bandas sonoras de todo tipo (anuncios, películas, programas de televisión), é enxeñeiro de son, fotógrafo ou editor. Xa que logo, presumimos un concerto variado, máis aló do blues, aínda que virá en formación de sexteto para presentar principalmente o seu "Soul Conversation". Entre os músicos, o guitarrista e home de confianza Manu Galvin, co que leva máis de vinte anos

A parella artística, e tamén sentimental, LOU REED & LAURIE ANDERSON actuarán o domingo 12 na Praza do Obradorio. Disque será un concerto de carácter solidario, por mor da celebración do trasplante número 5000 que se realiza en Galicia. Por isto, haberá unha fila cero con prezos por riba dos 40 € que custa cada unha das 4000 cadeiras habilitadas. A denominación do concerto é "The Yellow Pony and other Songs and Stories", unha colección de contos, cancións e poemas, mais de seguro caerán improvisacións e interpretaciones en solitario e a dúo de temas nos que o amor é protagonista. Da última visita de Reed a Galicia (festival do Monte do Gozo) poucos gardan bo sabor de boca e esta ocasión semella axeitada para arrincar esa espiña.

O venres 17 JOHN MAYALL no Multiusos do Sar, en Compostela. Ai, cantos tópicos, comezando polo de "pai do blues branco", se poderían mencionar ao falar dun nome referente desde os 60. Todo influencia e mestría -con el nos Bluesbreakers aprenderon moitos, comezando co Eric Clapton, Peter Green ou Mick Taylor. Con xa 76 anos, e unha formación de seguro á súa altura, dará outra lección de entrega e profesionalidade alonxada de divismos, porque el é un currante do blues, e da súa fusión con outros xéneros. Un servidor, con 21 anos, quedou abraiado coa actuación que deu baixo a chuvia en Riazor, dentro daquel Festival dos Mil Anos. Ademais, abrirán, presentado novo álbum, os pontevedreses SUGAR MOUNTAIN, grandes expoñentes do mellor rock de corte americano feito no país.

E estean atentos ás citas en agosto, o festival Vibrasons en Pontevedra (31 de xullo-1 de agosto), o Paredes de Coura (aquí o lado, en Portugal), Bruce Springsteen no Monte do Gozo(2), o Felipop en Limodre (7, 8, 9), Leonard Cohen en Vigo (13), o Lolapop en Pontecaldelas (28) ...

Etiquetas:

2 Comments:

Blogger fgs said...

carallo, haberá que aforrar !

8:00 da tarde  
Anonymous Anónimo said...

vaia catro patas para un banco!

8:01 da tarde  

Enviar um comentário

<< Home