quinta-feira, outubro 01, 2009

Albert Plá en Lugo. La diferencia. 28-outubro-2009

Nun luns de outono e diante de duascentas persoas, maioritariamente cómplices, Albert Plá presentou o seu último álbum. E fíxoo nun formato minimalista, el só coa súa guitarra e os apoios puntuais do fume, un equipo de música para acompañalo nalgunhas pezas e un atinadísimo acompañamento de luces de varias cores.


O espectáculo de “La diferencia” é unha mestura de monólogos, contos, desbarres e delirios onde conviven os formatos falado, recitado e cantado. Agachándose na imaxe dun neno entertainer, bota man da “improvisación” que só un tipo con imaxinación, descaro e falla de prexuízos domina.

Entre a inocencia e a lucidez dos cativos, e sempre con referencia ao mundo que nos rodea, decote non sabemos de certo se Albert Plá está máis no sen-sentido da nosa sociedade e as súas paranoias ou do lado do sen-sentido do surrealismo. Seica aí radica gran parte da diferencia precisamente.

Aínda que o seu espectáculo comezou con moita forza, foi perdendo algo de atención ao enfrontármonos a delirios menos lúcidos, como “La colilla”, canción que xa coñeciamos da anterior xira, onde o apoio de imaxes acaíalle ben. Mais cómpre destacar a facilidade coa que enganchou co público -maioritariamente cómplice, todo sexa dito- para o que a novidade da ampla maioría de temas non foi impedimento para o gozo. Coido que repasou enteiro o último álbumLa diferencia (Hongos, Buscando, Ciego, Corazón, Malos pensamientos, Fantasma, La colilla, Juerga catalana...) e apenas recuperou clásicos, como “El bar de la esquina” do seu emblemático “No sólo de rumba vive el hombre” no primeiro bis ou “Lola”.

Porén, nin lle fixo falta para convencer. Quen gusta deste artista único fai por velo xira a xira, pois sabe que se coidará de non caer nin no abuso da repetición de material nin na perda dos seus sinais de identidade. Mentres outros apostan polo seguro, Plá tenta de renovarse. “La diferencia” é que Albert Plá é de verdade diferente.

Albert Plá levará "La diferencia" tamén a Ferrol, o 4 de decembro no Teatro Jofre, e á Coruña, no Teatro Rosalía de Castro en xaneiro.

Pepe Cunha 1-outubro-09