quinta-feira, julho 07, 2011

Vigo Tr4nsforma 2011, venres 1 de xullo

No 2010 o Vigo Tr4nsforma entrou con forza no circuito de festivais de verán. Agora na segunda edición, e coa tan manida crise en mente, tocaba polo menos manter o conseguido e asegurar a continuación. Coa perspectiva duns días e á vista do número de asistentes e a repercusión mediática, pola organización seguramente non vai faltar unha terceira edición. Todo isto falando no que respecta ao prato forte do festival, é dicir, os concertos concentrados en tres días, porque desde o día 23 tiveron lugar máis actividades. Unha dificultade organizativa podería ser confeccionar outro cartel no que figuren bandas con tirón sen saír dunha proposta musical encadrable nuns parámetros indie. Mais hai alguén que os poda ou queira delimitar? Desde a nosa óptica, cantos menos prexuízos mellor.

As bandas galegas, e incluso algunha das cabezas de cartel con relación galaica (Vetusta Morla e The Gift traballan coa produtora viguesa Esmerarte), ocupaban a maior parte do cartel. De feito, xa na máis curta xornada do xoves eran as formacións viguesas The Blows e Elodio y los seres queridos quen precedían a un nos dos grandes nomes: Moby. Por motivos laborais non puidemos achegarnos o xoves, así que falaremos desde o venres.

As actuacións comezaron xa na sobremesa no escenario gratuito patrocinado por Radio3 e Mondosonoro. Alí sucederíanse actuacións breves (30' aprox) e maioritariamente de bandas galegas que chegaron a contar cun público que foi subindo dunhas ducias até un par de centos no mediodía do sábado. Tras Dixie Town, Glassonion e uns animosos e bailables Martynez, cómpre salientar as actuacións de Jane Joyd e Maryland. O proxecto da fisterrá Elba (co seu escudeiro Xulio á batería) segue a xustificar bolo tras bolo que a súa vitoria no Proyecto Demo non pode quedar en anécdota. A continuación, a banda viguesa defendeu con enerxía nas guitarras e melodías pop o seu segundo disco "Get Cold Feet".

O escenario grande abriuse coa puntualidade do festival ás 7:30 cos brasileiros Do amor, unha formación ben nova que entretivo pero non como para xustificar toda unha viaxe europea que, por certo, tamén os inclúe no Cultura Quente. O seu é un pop-rock sen grandes complicacións pero coa súa pinga de tropicalismo, psicodelia ou noise. Temos visto bandas con maior potencial e merecedoras de darse a coñecer por estes lares, pero se a promotora apostou por eles, as súas razóns terán. Que non nos pareceron para tanto, para resumilo.

A de Ron Sexsmith era unha das actuacións máis esperadas por un sector do público talvez minoritario nun gran festival pero que cae rendidos ante a escola pop de grandes mestres como McCartney, Costello ou Davies. O canadiano hai anos que foi recoñecido polos mencionados e o seu recente disco “Long Player Late Bloomer” antóllasenos unha colección de cancións producidas para acadar un público máis maioritario sen facer concesións ao peor mainstream. Só contaba con 45 minutos pero chegáronlle para ofrecer un recital tan delicioso que conectou co público que lle prestou un mínimo de atención e acabou por gañar o recoñecemento unánime. Unha pequena mágoa ese plus de forza que daría o guitarrista que a noite anterior deixou a xira; seica por outros compromisos contra os que Ron non podía competir económicamente. A banda interpretou desde pezas antigas como a marabillosa “Secret Heart” a recentes como “The Reason Why”, “Get In Line” ou “Love Shines”. Sinxelo e agradecido pola sangría que lle deu a organización e por un público que bailou brazos en alto algunha das súas pezas máis tranquilas, protagonizou unha das anécdotas do festival ao interpretar as primeiras estrofas do "Eres tú" de Mocedades (lembremos que no seu día en Norteamerica esta peza chegou moi moi alto nas listas de popularidade). Esperemos que volva pronto a un teatro ou unha boa sala para gozar das súas fermosas composicións.

Catpeople saíron moi motivados por volver á cidade de orixe de varios dos seus membros e defenderon con nota o crecemento da súa proposta. Porque tras dous correctos álbumes, dos que recuperaron a irresistible “Radio”, “Coohagen”, “In Silence’ ou “Mexican Life”, o seu terceiro disco “Love Battle” amosa un crecemento estilístico e resulta un bo repaso ao pop que desde a perspectiva indie triunfou nos últimos anos: Vampire Weekend, Animal Collective, The National ... O público respondeu á actitude entregada e a solvencia do sexteto para completar un dos concertos dos que mellor recordo gardaremos. Coma frase prescindible: unha malsoante, pero perdoable, “esta es nuestra puta casa”.


Xoel López atópase nun momento complicado de transición, pero a súa traxectoria e a súa pertenza á escudería Esmerarte segue a darlle visibilidade en directo (lembremos La Caravana Americana, por exemplo) mentres agardamos o disco post-Deluxe. Como é normal, boa parte do público espera aquelo do que el xa escapa nunha respectable loita por reinventarse ou crecer coma compositor. Xa que logo, preparou un repertorio no que interpretou -presentacións incluídas con frecuencia en galego- esas composicións resultantes da súa estancia máis anónima polas Américas como “Caballero”, “Joven poeta”, ou “De palabra y arena”, pero non tan inmediatas como as que rescatou da súa última etapa coma “Historia Universal”, “A un metro de distancia” ou “Pájaros Negros”. Sempre acompañado de solventes músicos e desta vez quixo sorprender ademais aos coros con tres das compoñenentes de Faltriqueira, unha xogada que lle saiu bastante mellor na segunda aparición delas, máis rebaixada no volumen desde a mesa de son e desde o escenario por elas mesmas. Seica non se probara o suficiente. Irregular.

A nutrida formación de Cardiff Los Campesinos! prometía ser unha das propostas máis interesantes pola instrumentación e o seu pop cheo de cor, pero a sensación tras o seu concerto foi a de espesura, algo tediosa tras un prometedor comezo coa canción que tamén abre o seu terceiro álbum: “In Medias Res”, que foi o mellor xunto coa parte final: “You! Me! Dancing!” e “Sweet Dreams, Sweet Cheeks”. Bo comezo, mellor final, pero non moi aló na parte central.

Vetusta Morla cumpriron con creces a súa condición de cabeza de cartel e gozaron da maior minutaxe das bandas participantes. Non foi difícil constatar que gran parte do público viña exclusivamente por eles porque durante a súa actuación non se prestou atención a outra cousa e os asistentes se concentraban masivamente fronte ao escenario e aos lados da mesa de son e luces. Poderiamos dicir que tiveron un rol semellante aos de Love of Lesbian na edición do ano pasado: atraer por si mesmos miles de asistentes (disque chegamos aos 7000 esa noite). Tanto o público fan como o escéptico -ou simplemente pouco interesado- rendímonos á súa profesionalidade: entrega total, interpretación intensa e son impecables. Coma proba do seu perfeccionismo, un técnico que cun portátil ecualizaba o son desde diferentes lugares da explanada. O seu tirón pode ser merecedor de análises sesudas ou frívolas pero, gustos e prexuízos musicais aparte, a plasmación do seu produto no directo non ten mácula. O seu recente “Mapas” foi repasado case ao completo e de “Un día en el mundo” soaron entre outras “Copenhague”, “Sálvese quien pueda” ou “Valiente”, coa inmediata resposta do público.

Tras a fuxida desa gran maioría que non aproveita a oportunidade para escoitar outras bandas, pecharon os canadianos Junior Boys cunha proposta electrónica, melódica e bailable. Así, segundo as forzas nos respectaban, quen alí quedamos entregámonos en maior ou menor medida ao pracer dun baile relaxado, porque o trío non é que nos provocase desenfreo. Case mellor, porque o programa do sábado anunciábase ben longo.

máis fotos no facebook de abretedeorellas

Pepe Cunha, 7 de xullo de 2011

Etiquetas: , , , , ,