terça-feira, novembro 16, 2010

Raimundo Amador e Cathy Claret no Jofre, 5 de novembro de 2010

A relación entre Raimundo Amador e Cathy Claret vén de moitos anos atrás. Nos inicios do combo sevillano de flamenco-blues Pata Negra, Claret xa colaboraba cos irmáns Amador. Máis aínda, o guitarrista produciu álbumes da francesa -"Cathy Claret" ou "Soleil y locura"- e ela compuxo "Bolleré", un dos maiores éxitos de Raimundo. Porén, a do teatro Jofre era a primeira cita dunha xira "man a man", eles sós compartindo pezas dos seus respectivos repertorios.

Había expectación e o Teatro Jofre encheuse até o galiñeiro ("paraíso" neste caso), aínda que deseguido constatamos que era máis por ver ao guitarrista que á francesa. Ela foi unha
pioneira na mestura do pop melancólico co flamenco e a rumba, a bossa-nova ou o reggae, pero segue a ser unha descoñecida para o gran público. Para a nosa sorte, Cathy Claret e Raimundo Amador non viñeron sos a Ferrol, pois contaron con Lin, que na segunda guitarra e a voz se desenvolveu con solvencia e mérito.


A actuación amosou varias mostras de falta de rodaxe pero moitas de arte na guitarra. En hora e media interpretaron pezas do repertorio de Pata Negra -"Yo me quedo en Sevilla", "Camarón", "En el lago", "Bolleré", "Lunático", "Pata palo"-, dos álbumes de Raimundo en solitario -"Pa mojar", "Gitano de temporá", "Hoy no estoy pa nadie"-, algún instrumental, unha magnífica versión de "En el lago" dos imprescindibles Triana e varias pezas do repertorio de Cathy Claret: "Ni con dinero", "Así será", Por qué porqué", "Comme un bossa nova", "Mi casa tiene ruedas" ou o novo sinxelo deste 2010 "Chocolat"/"Mala".

O máis rechamante desta colaboración é probablemente o contraste da suposta timidez, a voz baixa e susurrante da francesa coa forza e a paixón nas cordas de Raimundo. Sen dúbida o estilo dela é case a antítese do gusto do fan maioritario del e talvez de aí a irregularidade que transmitían. Semella unha colaboración que abusa da improvisación ou a naturalidade, pouco traballada. Así, mentres que ela parecía algo "incómoda", apoiando con timidez nos coros ou mesmo dubidando sobre cando debía entrar ou saír, Raimundo con nada que fai xa conta coa complicidade do público. Da francesa quedamos coa sensación de que poderiamos gustar máis, pero o artista máis coñecido rezuma carisma e ofrece solos eternos para maior deleite dos admiradores da guitarra eléctrica ou fflamenca.

Tras os bises, momento final con guitarra con efectos sobre unha base pregravada. Talvez prescindible, pero Raimundo estaba contento co público e quería corresponder con algún alarde e experimentación máis na guitarra, porque el nunca foi un guitarrista flamenco ao uso.
Pepe Cunha 16-novembro-2010

Etiquetas: , , , , ,