segunda-feira, maio 09, 2011

The Dodos + Evols, por fin triunfou o SinSal en Ferrol 28-abril-2010

O Festival SinSal que nacera hai anos en Vigo levaba xa varias citas en Ferrol grazas á colaboración coa Concellaría de Cultura. Non obstante, tivemos que agardar até a visita dos estadounidenses The Dodos para ver unha resposta máis acorde coa calidade das propostas deste ciclo. O centro cultural Torrente Ballester rexistrou unha boa entrada e as bandas aproveitaron o encanto e a acústica do recinto tirando ben do volume.

Nun principio había dúbidas sobre a asistencia, pola mencionada pouca resposta ás citas ferrolás do SinSal e por algunha pequena confusión cos horarios. Afortunadamente, cando comezou a banda de San Francisco eran case ás 22h e daquela estabamos todos, moitos chegados doutras zonas de Galicia, sen dúbida pola fama gañada pola banda en visitas anteriores.

Algo máis de hora e media antes, a banda de Porto Evols comezaron coas súas tres guitarras a espremer as posibilidades dos pedais, as distorsións e os loops e así crearen un ambiente de escuridade, rock psicodélico e algo fantasmagórico apoiado polas visuais de Pedro Mai. Foron de menos a máis para acabar convencendo a boa parte do público.

O dúo de Meric Long e Logan Kroeber chegaba desta vez apoiado por un segundo guitarra, presaxiando unha actuación máis eléctrica ca acústica. En concordancia con isto, repasaron practicamente completo o seu recente “No Color”, máis esperto, inmediato ou fibroso que o anterior “Time To Die” de 2009, máis acústico. Tampouco faltaron pezas de "Visiter" marcados pola característica combinación de folk-rock e a percusión cuasetribal de Logan. De feito, viñan facer bailar e o primeiro que saiu dos altavoces foi un apañado castelán de Long: "si quieres puedes arriba, es sólo un concierto" ao que o público reaccionou inmediatamente poñéndose en pé e pasando das butacas até o final.

A súa actuación sacudía os tímpanos coa súa contundencia e intensidade, aproveitando a sonoridade da antiga capela para crear unha atmosfera nebulosa de riffs acelerados de guitarra e ritmos imposibles de batería. "Black Night", "Good", "Don't Try and Hide It", "When Will You Go" ou "Don't Stop" aínda creceron máis nun entregado directo que non tardou en atrapar o público. Catarse final e a banda achegándose tras o concerto para compartiren opinións e fotos coma lembranza dunha magnífica velada.

Quedan máis citas co SinSal en Vigo, pero a seguinte en Ferrol terá lugar con The High Llamas o luns 4 de xullo no mesmo recinto. A cousa promete e concertos así ilusionan a quen gustamos de propostas de maior calidade e que espertan máis curiosidade e interese que as habituais.

máis cutrefotos no noso facebook: www.facebook.com/abretedeorellas


Pepe Cunha 7-maio-2011

Etiquetas: , , , , , ,