segunda-feira, março 29, 2010

Carmen París no Música con Raíces, Teatro Rosalía de Castro, A Coruña, 25-marzo-2010

Tras as 7 sereas que abriran o ciclo, o segundo concerto desta edición do Música con Raíces traía coma protagonista a aragonesa Carmen París.
Unha frouxa entrada non animaba a que fose unha gran noite, pero a aragonesa non tardou en meternos no seu peto grazas á súa simpatía e magnífica interpretación.
Saltou ao escenario atacando en solitario primeiro o caixón e despois o piano para interpretar os temas homónimos dos seus primeiros álbumes: "Pa mi genio" e "Jotera lo serás tú", auténticas declaracións de principios.
A continuación, entrou a formación necesaria para tamén interpretar os temas do seu terceiro e máis cubano "Incubando".

Durante case dúas horas de actuación puidemos gozar non só da música senón tamén das divertidas presentacións que a París ía facendo de cada un dos temas. A súa naturalidade sobre as táboas iguala a facilidade coa que convirte a súa proposta en auténtica viaxe por ritmos africanos, magrebíes, mediterráneos, sudamericanos ou tropicais, sempre desde a súa base de jota. No seu caso, a formación no tradicional non é un corsé senón un trampolín desde o que saltar a outros ritmos que chegan á súa mente a traverso duns ouvidos ben abertos.
En canto ao repertorio, interpretaron un xeneroso repaso aos seus tres discos. De "Pa mi genio" recrearon tamén "El mundo que te rodea", "Brindis", "No me vas a embolicar", "Savia nueva" (do mellor do concerto), "Porque quiero". "O segundo "Jotera lo serás tú" estivo representado ademais por "Chavalica" (adicada á presente Mercedes Peón), "Guaraní", "Cuerpo triste". O máis acorde coa formación era o terceiro, "Incubando", polo que ocupou a maioría da listaxe: "Cositas in-solitas", "De muy buen ver" (cun rapeo "sui generis), "Chufla, dragón", "Picadillo-mix", "25 años", "Agua que no ha de correr", "Distancia espeluznante". Se están familiarizad@s, xa vén que non faltaron o rap, o cha cha cha, o bolero, ou o son.


Xa que logo, non lles estrañará que a velada pasase voando, grazas ao eclecticismo e o moito talento desta completa artista: compositora, vocalista, música e auténtico imán fronte á audiencia.

Pepe Cunha, 29-marzo-2010

Eis o ciclo completo do Música con Raíces de Caixanova e o Concello da Coruña:
  • 7 de marzo SEREAS - 7 SEREAS, 7 ONDAS, 7 MARES (Con Uxía, Mercedes Peón, Rosa Cedrón, Ugia Pedreira, Guadi Galego, Silvia Penide e Sonia Lebedynski ) Teatro Rosalía Castro 19h
  • 25 de marzo CARMEN PARIS Teatro Rosalía Castro 21 h
  • 9 de abril LUAR NA LUBRE Coliseum 21 h
  • 18 de abril BERROGÜETTO - KOSMOGONÍAS Teatro Rosalía Castroás 20 h
  • 6 de maio MARTIRIO – EL AROMA DE LO DESNUDO Teatro Rosalía Castro ás 21 h
  • 27 de maio SIMPHIWE DANA Teatro Rosalía Castro ás 21 h
  • CARLOS NÚÑEZ – ALBORADA DO BRASIL Pazo da Ópera (data por determinar)

Etiquetas: , , , ,