Bill Callahan, sen pena nin gloria, Teatro Jofre, Ferrol, 18-feb-2010
Tras o anuncio das dúas citas galegas de Bill Callahan esparabamos, polo menos os máis optimistas, unha boa resposta de público. O compositor tras o nome de Smog chegaba en boa forma, cun recente e fermoso álbum recoñecido pola crítica -“Sometimes I Wish We Were An Eagle”-, mais non chegabamos a 200 persoas entre o público ferrolán e un previsto target na zona de influencia da Coruña. Unha mágoa, mais non a única.
Polo menos, iso pensamos moitos ao ver que as cancións serían só interpretadas por guitarra e batería. Así, a música soou máis minimalista, espida do colchón sonoro das cordas e co previsible empobrecemento do seu brillo no álbum. Deste xeito, a voz profunda de Callahan sería aínda máis protagonista, mais o acompañante Neil Morgan tirou da súa batería infinidade de sons e matices para evitar que a case hora e media quedase nun concerto só para gozo dos entregados. Non obstante, e nunha consideración global do concerto, o meritorio esforzo resultou insuficiente.
Comezaron dubitativos, pouco convincentes e tirando do ultimo disco (“Jim Cain”, “All Thoughts Are Pretty to Some Beasts”, “Rococo Zephyr”…) para subir con “Bathysphere” e un guitarreo á mellor honra da Velvet Underground. As pezas enfeitizantes no estudio (“Too Many Birds”, “My Friend”, “Eid Ma Clack Shaw”, “Faith/Void”…) facíanse algo longas e repetitivas para quen non seguise a narrativa dun Callahan moito máis contido na súa execución que o batería, ao final case tan protagonista.
Porén, o final do concerto mellorou a impresión de todo o anterior, con “Sycamore”, “Teenage Spaceship”, unha contundente “Say Valley Maker” que foi do máis celebrado, e “Rock Bottom Riser”. Tras isto os bises foron case que un trámite prescindible a pesar da recreación do clásico "In the Pines".
En liñas xerais, os fans rendéronse ante Callahan, os neófitos aburríronse e o resto gozamos dalgúns bos momentos. Facendo unha comparación de “todo a 1 €” co baloncesto que nesa mesma data iniciaba a fase final da Copa do Rei: 1 punto (notable artista) + 1 (un disco recente máis ca notable) + 1 (recinto de luxo) sumarán 3, mais non sempre teñen a forza dunha tripla.
Pepe Cunha 23-febreiro-2010
Etiquetas: abretedeorellas, bill callhahan, ferrol, pepe cunha, sinsal
0 Comments:
Enviar um comentário
<< Home