terça-feira, junho 28, 2011

Festival SinSal no.9 - Illa de San Simón

Chegou o verán e con el os grandes festivais tamén a Galiza. Grandes en cifras e nomes, como o Sónar na segunda visita á Coruña ou o Derrame Rock na súa primeira a Ourense. Mais tamén un festival que quedará gravado na memoria das arredor de 400 persoas que del gozamos: o Festival SinSal no.9 - Illa de San Simón. Este colectivo vigués do SinSal leva case unha década amosando propostas opostas ás masificacións, á repercusión mediática baseada máis nos terreos comúns e os grandes nomes que na diferenciación e a curiosidade. Así comezaron na sala Vademecwm e foron crecendo aos poucos, sen présas: seguiron en Vigo no Teatro Salesianos, o Centro Cultural Caixanova ou o MARCO, mais levaron músicas a outras cidades e vilas do país por igrexas románicas, museos, prazas, ruínas ou teatros, ora co ciclo Espazos Sonoros ora coas súas extensións. E o pasado ano foi a mítica Illa de San Simón -noutrora refuxio de leprosos, campo de concentración e agora rehabilitado para seminarios e congresos- quen recibiu un dos seus concertos: Ariel Pink’s Haunted Graffiti. Se cadra daquela matinaron a idea de convertila tamén en sede dun festival de música. Sempre un chanzo máis sen sacrificar a perspectiva e os sinais de identidade. O do pasado sábado de seguro non será o seu tope, pero si queda xa coma un grande fito.

Como se trata dun espazo protexido, cunha riqueza natural a conservar, acceso en barco ou lancha e de limitadas dimensións, a mencionada cita anterior en San Simón tivera un aforo restrinxido a 140 persoas e desta vez púidose incrementar a case 400 máis organización e artistas. De contar cun escenario pasouse a tres para ofrecer os doce concertos de proxectos galegos e bandas de fóra. Tamén na capela e o auditorio houbo lugar para proxeccións audiovisuais (o documental “An Island”, un achegamento de Vincent Moon aos daneses Efterklang), proxectos de arte contemporánea de alumnos de Belas Artes de Pontevedra e propostas escénicas comisariadas por Normal, dependente da delegación para cultura da Universidade da Coruña. Coma resultado, un entorno privilexiado e ben acondicionado para gozarmos dunha sucesión de propostas variadas en actuacións breves, sen tempo para aburrir cando non enganchan pero co benvido risco de facerse curtas se agradan. A organización foi case impecable e a actitude dos artistas participantes realmente cálida, entregada, coas actuacións sucedéndose en horario ininterrumpido desde a 1 da mediodía até despois das dez da noite. Como ademais o tempo acompañou, todo sumou para o que finalmente resultou: unha atmosfera única de música, relax e natureza compartida por público e artistas. Só había que ver as nosas facianas.

Á unha do mediodía, e cunha calor importante, abriron os galegos 2US no escenario do Paseo dos Buxos. Por retraso nun dos barcos que chegaban á illa, non gozaron de moito público até o final da súa actuación, unha das que resultaron máis acaídas á contorma pois a súa música agroma do popular para ir coqueteando co funk, o jazz, o swing, a bossa nova, o folk ou o que lles preste, sempre cunha execución coidada. A continuación, The Marzipan Man desde Baleares, delgado, coa súa guitarra eléctrica, harmónica e unha voz fráxil, rematou as súas sinxelas pezas de folk de corte norteamericano cunha versión de "Suzanne" que foi ben agradecida. Xa eran horas de pensar en xantar e momento para comprobar que a organización tiña preparado un excelente plan de comedor cuberto e coidada oferta de buffet, bocadillos, tapas, bebida, froita e xelados a uns prezos estupendos. O DJ do colectivo Arkestra Mwëslee pechaba esta primera quenda do escenario do Paseo dos Buxos amenizando o xantar de moitos cun set que sen volantazos viaxou aos 80 coa música electrónica de baile, incluíndo unha lembranza á banda sonora de Vangelis para “Carros de fuego”.

Tocaba cambio de escenario e sufrimos o primeiro retraso ao chegarmos á zona do mirador empedrado de San Antón, onde si sopraba unha brisa agradecida para levar os máis de 30º pero incómoda para quen tiñan que subir ao escenario. As primeiras foron as Mürmel Bruxas (ou como as bruxas do norte ingresaron na Real Academia de Akelarres), proxecto musical e teatral de tres pedagogas musicais que conxuran pingas de espectáculo infantil, humor para todos os públicos, cantos gregorianos, música clásica, electrónica, pop, hip hop ou muiñeira. Unha das actuacións máis entretidas pola súa posta en escena. Turno para a flamante gañadora do Proyecto Demo do Festival de Benicassim e Radio 3, Jane Joyd, desta vez en formación de dúo con Elba na voz e guitarra e Xulio na percusión. A pesar de que o vento non respectoaba o seu aspecto lene, ela amosou convincentemente que está moi por riba da manida comparación coas intérpretes femininas de folk acústico do último par de anos. O absoluto silencio durante a súa versión do “barbudo” Bon Iver foi boa mostra de como agradaron a súa actuación e en especial a doce forza e os matices da súa voz. A batería de Xulio axudou incrementar a intensidade de varias das pezas.

Ben pasada a sobremesa e vendo as lanchas e iates na ría e a xente na pria de Cesantes chegaba o momento de bailar. Primeiro coa proposta de Bflecha, segunda achega do colectivo Arkestra, lanzando beats aompañados de hiphop, dubstep, electrofunk, synthpop e un toque naïf e melancólico na voz. Para quen estamos menos inmersos nestas propostas de baile, unha grata sorpresa. Segundo, e para rematar con este escenario tan feminino e acumulando xa retraso de máis de media hora, o baile sería máis roqueiro con The Kellies. Chegadas de Bos Aires presentáronse en trío básico de guitarra, baixo e batería para repasar dun xeito directo, divertido e espontáneo punk, new wave, algo de soul, garaxe à The Sonics e mesmo reggae ou cumbia. En inglés, castelán ou francés coa motivación da festa e a falla de prexuízos, mais sempre desde a perspectiva dun rock underground. A súa resistencia a abandoar o escenario sumaba xa unha hora de retraso que nos privou a moitos da actuación de Wooden Wand.

Tras cruzar a ponte de volta a San Simón, estreamos o escenario San Simón, nunha terraza de herba xunto ao embarcadoiro norte. O de Laetitia Velma era un dos concertos máis agardados, entre outras cousas por vir acompañada por Dominique A, produtor de su disco de debut, "Les eaux profondes". Ela puña lirismo pop na voz e o teclado, ora con reverb ora limpo; el a súa intensidade contida na guitarra, como sen querer quitarlle protagonismo á súa parella(?). A proposta funcionou, sen moito máis, cun público que xa daquela se atopaba nun estado de relaxación total tras a calor sufrida, o xantar, un obrigado paseo pola illa, as vistas e 6 ou 7 concertos, pero aínda así bateu palmas até conseguir un merecido bis. En pé e volta ao Paseo dos Buxos para unha das sorpresas deste festival: o dúo Buke and Gass. Desde Brooklyn, Arone Dyner tocaba unha especie de ukelele eléctrico e Aron Sánchez un híbrido de guitarra e baixo. Ademais tiran de pedais e el toca cos pés un bombo con dúas pandeiretas no seu interior. Deste xeito traballan un experimento propio de rock acelerado, cunha voz usada case coma outro instrumento e un son a miúdo sucio que acaba atrapando a auidiencia nunha nebulosa sen escapatoria. Dado que un dos obxectivos de SinSal é sorprender e descubrir, Buke and Gass entran na súa lista de acertos.

Era daquela cando se esgotaran a cervexa e a auga, pero nesta atmosfera que crea o SinSal non agroman nin o pánico nin o cabreo e o servizo de restauración tivo o detalle de repartir de balde froita fresca. Tocaba ir rematando os concertos e, para finalizar, voltar ao escenario San Antón coas dúas propostas a priori máis contundentes e arriscadas do día. Os franceses Fat 32 cun endiañado e frenético duelo de teclados e batería que disque acabou por rebentar fusibles. Os estadounidenses Secret Chiefs 3 despois coa súa mestura de música electrónica, metal e "worldmusic". O sol estaba para poñerse e tocaba despedirse dunha xornada inesquecible. Chegarán agora máis festivais, pero non se parecerán en case nada. As propostas diferentes serán as menos; as paraxes privilexiadas si as veremos no verán, pero estarán máis masificadas e non serán tan apreciadas sen comodidade. Os watios serán os grandes amos e os necesarios momentos de silencio non existirán. Probablemente os horarios se cumpran porque haberá que saltar de escenario ou deixar paso a cabezas de cartel. Os bocadillos serán express e aceitosos e non se esgotarán a auga ou a cervexa.

Por se alguén tiña dúbidas sobre este evento, Sinsal demostrou que a súa oferta ten as ideas claras: facer posibles os eventos aos que eles quererían acudir. Se cadra axudarnos a manter espertos os ouvidos e abertas as mentes. Ou ao revés? Sen dúbida, son un deses luxos que algún público sabe apreciar correspondendo con educación e recoñecemento. Non debería ser doutro xeito ante o que se llle ofrece: vontade, traballo e bo gusto. Quen nunca visitáramos a mítica illa, non puidemos atopar mellor excusa.

Parafraseando o que dicían na tamén diferente e lembrada película “Amanece, que no es poco”: neste mundiño dos concertos “SinSal, todos somos continxentes, pero ti es necesario”.

Pepe Cunha, 29-xuño-2011

Etiquetas: , , ,

segunda-feira, maio 09, 2011

Ariel Rot, un "Juan Palomo" que segue a voar ben alto, Le Club, 7-maio-2011

Se podemos atopar un aspecto postivo da crise no que se refire á programación de concertos e xiras é a posibilidade de gozarmos de concertos como os de Ariel Rot a pasada fin de semana en Galiza. A xente aperta o cinto e non está para pagar entradas altas, polo que os cachés se rebaixan a cambio de concertos de formato reducido nos que traballa menos xente e se reducen os custos. Deste xeito, as salas de pequeno aforo pero con programadores atentos poden apostar por traer grandes artistas como o que nos ocupa. Nestes meses o ex-Tequila e Los Rodríguez -e cunha produción en solitario á altura das súas bandas- está inmerso nunha xira denominada "Solo" na que viaxa cunhas guitarras e teclado para repasar pezas do seu notable cancioneiro.

A ocasión o merecía e a coruñesa sala LeClub encheuse de moitos afeccionados que non quixemos deixar pasar a oportunidade de ter a un grande tocando a só uns metros. Nun principio falábase dunha xira con cancións menos populares do habitual, pero finalmente Rot repasa gran parte dos seus clásicos, supoñemos que para deleite dunha maioría menos receptiva ás sorpresas. Algúns preferiamos que recuperase pezas máis agochadas, pero ante tal cancioneiro e interpretado con esa calidez e naturalidade, pouco podemos obxectar: "Vals de los recuerdos", "Adiós, mundo cruel"; xa coa eléctrica "Felicidad", "Te busqué", "Sin saber qué decir", "Los tipos duros no bailan" (con chisco final aos Burning de "¿Qué hace una chica como tú ...?) e, cambiando de eléctrica, "Lo siento, Frank", unha das grandes ovacións da noite.

Rot vai alternando acústica con eléctricas sempre cun sorriso no xesto e sementando a complicidade visual tanto con quen lle chaman guapo ou profiren frases máis ou menos graciosas como cos mozos da primeira fila que babean ao ollaren os dedos bailar sobre as cordas. Chega o momento das brancas e negras e axusta en cómodo diálogo co mesa o volume do micro e o teclado. Caen "Todavía es tarde", "La mirada del adiós" (primeiro momento Rodríguez e moi coreado polo público), esa "Dos de corazones" con texto do seu amigo Sergio Makaroff e "Una casa con 3 balcones". De novo turno para a acústica, agora sentado, con "Geishas en Madrid", "Manos expertas", "Eche 20 centavos en la ranura" e unha "Hace calor" atangada. Entre elas vai colocando pezas do seu último disco para as que sabe manter a atención facendo pequenas presentacións ("Nena me enseñaste a amar", "Manos expertas", "Pólvora mojada" ou "Dandy".) Para rematar o bloque principal de cancións volve coa Gibson Gretsch e lócese ainda máis como guitarrista na instrumental "Confesiones de un comedor de pizza".

Chegan os bises e aproveita o público entregado para acompañarse del noutra peza do último álbum: "Nena me enseñaste a amar". Volta ao teclado con "Bruma en la Castellana"e outra dos Rodríguez "Milonga del marinero y el capitán". Mais o público non se resignaba a deixalo marchar e tivo que regalar outro bis que, tras algunha deliberación, foi outro clásico de Los Rodríguez e, sen dúbida, do pop rock español: "Dulce condena".

Manter o nivel durante case dúas horas de concerto, sempre cun sorriso, con soltura a eito e moita clase interpretativa está á altura de moi poucos. E para máis mérito, nunha actuación totalmente en solitario: guisando e comendo el mesmo, como un auténtico Juan Palomo que segue a voar moi alto.



Pdt: Non podemos deixar de felicitar ao programador da sala, por moverse ben e mollarse para incluír a bo prezo na súa programación propostas tanto potentes coma atractivas e diversas. Entre as seguintes citas apunten: Kafu Banton & Daddy Banton o sábado 14, Josele Santiago & Pablo Novoa o xoves 19 e xa en xuño The Godfathers o sábado 11. Quedades avisados.

Pepe Cunha 9-maio-2011

Etiquetas: , , ,

The Dodos + Evols, por fin triunfou o SinSal en Ferrol 28-abril-2010

O Festival SinSal que nacera hai anos en Vigo levaba xa varias citas en Ferrol grazas á colaboración coa Concellaría de Cultura. Non obstante, tivemos que agardar até a visita dos estadounidenses The Dodos para ver unha resposta máis acorde coa calidade das propostas deste ciclo. O centro cultural Torrente Ballester rexistrou unha boa entrada e as bandas aproveitaron o encanto e a acústica do recinto tirando ben do volume.

Nun principio había dúbidas sobre a asistencia, pola mencionada pouca resposta ás citas ferrolás do SinSal e por algunha pequena confusión cos horarios. Afortunadamente, cando comezou a banda de San Francisco eran case ás 22h e daquela estabamos todos, moitos chegados doutras zonas de Galicia, sen dúbida pola fama gañada pola banda en visitas anteriores.

Algo máis de hora e media antes, a banda de Porto Evols comezaron coas súas tres guitarras a espremer as posibilidades dos pedais, as distorsións e os loops e así crearen un ambiente de escuridade, rock psicodélico e algo fantasmagórico apoiado polas visuais de Pedro Mai. Foron de menos a máis para acabar convencendo a boa parte do público.

O dúo de Meric Long e Logan Kroeber chegaba desta vez apoiado por un segundo guitarra, presaxiando unha actuación máis eléctrica ca acústica. En concordancia con isto, repasaron practicamente completo o seu recente “No Color”, máis esperto, inmediato ou fibroso que o anterior “Time To Die” de 2009, máis acústico. Tampouco faltaron pezas de "Visiter" marcados pola característica combinación de folk-rock e a percusión cuasetribal de Logan. De feito, viñan facer bailar e o primeiro que saiu dos altavoces foi un apañado castelán de Long: "si quieres puedes arriba, es sólo un concierto" ao que o público reaccionou inmediatamente poñéndose en pé e pasando das butacas até o final.

A súa actuación sacudía os tímpanos coa súa contundencia e intensidade, aproveitando a sonoridade da antiga capela para crear unha atmosfera nebulosa de riffs acelerados de guitarra e ritmos imposibles de batería. "Black Night", "Good", "Don't Try and Hide It", "When Will You Go" ou "Don't Stop" aínda creceron máis nun entregado directo que non tardou en atrapar o público. Catarse final e a banda achegándose tras o concerto para compartiren opinións e fotos coma lembranza dunha magnífica velada.

Quedan máis citas co SinSal en Vigo, pero a seguinte en Ferrol terá lugar con The High Llamas o luns 4 de xullo no mesmo recinto. A cousa promete e concertos así ilusionan a quen gustamos de propostas de maior calidade e que espertan máis curiosidade e interese que as habituais.

máis cutrefotos no noso facebook: www.facebook.com/abretedeorellas


Pepe Cunha 7-maio-2011

Etiquetas: , , , , , ,

terça-feira, abril 19, 2011

Hindi Zahra no Sons da Diversidade, 16 de abril de 2011

Como adoita acontecernos cos nomes menos recoñecibles da programación do Sons da Diversidade, non tardamos en sentir curiosidade pola proposta de Hindi Zahra. O seu único álbum soaba realmente ben e logo apuntamos a cita na nosa axenda. Isto fora a finais do ano pasado, pero co paso dos meses e o recente premio Victoires de la Musique na categoría de "world-music" as expectativas iniciais foron a máis.


Porén, a data terminou por coincidir cun futboleiro Real Madrid-Barça e un concerto internacional na mesma Compostela, co resultado de algo máis de media entrada e menos variedade na audiencia. Xeneralizando, maioría feminina e de mediana idade no Auditorio de Galicia. Seica aos homes lles prestaba máis ver o fútbol na súa totalidade e ao público máis novo e impresionable o roqueiro mediático Pete Doherty.
Precisamente do mundo do rock vén un dos nomes cos que a crítica compara á franco-marroquí: Patti Smith. O outro nome sería nada menos que Billie Holiday. Xa ven, dúas figuras carismáticas coma poucas e palabras maiores que perigan con caer na hipérbole. Desgraciadamente, no Auditorio de Galicia vimos que a crítica especializada anda impresionable ou con fame de novas estrelas que descubrir e encumiar.
Hindi Zahra confirmou a súa enfeitizante e fermosa voz,
mais tamén que só ten un disco no mercado, que aínda ten camiño por diante para afondar nunha persoal plasmación das súas influencias (jazz, blues, soul, rock, música oriental, africana...) e que precisa de máis bagaxe nos palcos para estar á altura das mencionadas comparacións. Podemos falar dun descubrimento para quen foron guiadas pola curiosidade e unha pequena decepción para quen nos fixeramos grandes expectativas.


Comezou o concerto con pezas como "
At The Same Time", "Oursoul" ou "Beautiful Tango", creando unha atmosfera relaxada, suave, repetitiva e cunha instrumentación tranquila (banjo e guitarra acústica como protagonistas) a pesar de contar con dous percusionistas. Afortunadamente, chegou unha peza inflexión no concerto: "Set Me Free", que convenceu a xeito de rock berber cunhas pingas de psicodelia e un traballo algo máis rico en guitarras, entrando en acción a eléctrica, aumentando a presencia dos coros, un chisco de palmas ou as mencionadas percusións. "Stand Up" foi unha das pezas que achega forza ao vivo e a banda ben que se encargou de estendela a base de trucos para "atrapar" ao público como a intro de guitarra precedendo aos versos "Stand up on your two feet, baby. That's how it's got to be.
Xa daquela comezara a adoptar unha actitude máis falangueira para lle comentar ao público que aínda non vira esta cidade que tan fermosa lle dixeran que era pois pasara o día no hospital. E foi precisamente nestes detalles onde amosou a súa falla de táboas, pois resultou decepcionante a súa mención ao "clásico" futbolero que se disputaba esa noite ao sinalar que era a good time to finish (cando non fixera nin unha hora de concerto!).


Nos bises, amosou de novo o bo e o menos bo. Volveu pecar de inxenuidade ao
mencionar unha peza que fai nesta xira, pero da que non trouxera a letra; mais tamén nos cativou coa súa voz acompañado minimamente á guitarra eléctrica por ela mesma. Por se quedaban dúbidas da forza comunciativa da súa voz, regalounos "a capella" 2 versos dunha sinxela canción que lle aprenderan en Madrid. Si, soubo a pouco, e servidor quedou coas ganas da súa versión de "Waiting in Vain", pero agardamos constatar o seu máis ca probable crecemento nuns anos. Armas ten.


Pepe Cunha, 18-abril-2011

Etiquetas: , , , ,

segunda-feira, março 29, 2010

Carmen París no Música con Raíces, Teatro Rosalía de Castro, A Coruña, 25-marzo-2010

Tras as 7 sereas que abriran o ciclo, o segundo concerto desta edición do Música con Raíces traía coma protagonista a aragonesa Carmen París.
Unha frouxa entrada non animaba a que fose unha gran noite, pero a aragonesa non tardou en meternos no seu peto grazas á súa simpatía e magnífica interpretación.
Saltou ao escenario atacando en solitario primeiro o caixón e despois o piano para interpretar os temas homónimos dos seus primeiros álbumes: "Pa mi genio" e "Jotera lo serás tú", auténticas declaracións de principios.
A continuación, entrou a formación necesaria para tamén interpretar os temas do seu terceiro e máis cubano "Incubando".

Durante case dúas horas de actuación puidemos gozar non só da música senón tamén das divertidas presentacións que a París ía facendo de cada un dos temas. A súa naturalidade sobre as táboas iguala a facilidade coa que convirte a súa proposta en auténtica viaxe por ritmos africanos, magrebíes, mediterráneos, sudamericanos ou tropicais, sempre desde a súa base de jota. No seu caso, a formación no tradicional non é un corsé senón un trampolín desde o que saltar a outros ritmos que chegan á súa mente a traverso duns ouvidos ben abertos.
En canto ao repertorio, interpretaron un xeneroso repaso aos seus tres discos. De "Pa mi genio" recrearon tamén "El mundo que te rodea", "Brindis", "No me vas a embolicar", "Savia nueva" (do mellor do concerto), "Porque quiero". "O segundo "Jotera lo serás tú" estivo representado ademais por "Chavalica" (adicada á presente Mercedes Peón), "Guaraní", "Cuerpo triste". O máis acorde coa formación era o terceiro, "Incubando", polo que ocupou a maioría da listaxe: "Cositas in-solitas", "De muy buen ver" (cun rapeo "sui generis), "Chufla, dragón", "Picadillo-mix", "25 años", "Agua que no ha de correr", "Distancia espeluznante". Se están familiarizad@s, xa vén que non faltaron o rap, o cha cha cha, o bolero, ou o son.


Xa que logo, non lles estrañará que a velada pasase voando, grazas ao eclecticismo e o moito talento desta completa artista: compositora, vocalista, música e auténtico imán fronte á audiencia.

Pepe Cunha, 29-marzo-2010

Eis o ciclo completo do Música con Raíces de Caixanova e o Concello da Coruña:
  • 7 de marzo SEREAS - 7 SEREAS, 7 ONDAS, 7 MARES (Con Uxía, Mercedes Peón, Rosa Cedrón, Ugia Pedreira, Guadi Galego, Silvia Penide e Sonia Lebedynski ) Teatro Rosalía Castro 19h
  • 25 de marzo CARMEN PARIS Teatro Rosalía Castro 21 h
  • 9 de abril LUAR NA LUBRE Coliseum 21 h
  • 18 de abril BERROGÜETTO - KOSMOGONÍAS Teatro Rosalía Castroás 20 h
  • 6 de maio MARTIRIO – EL AROMA DE LO DESNUDO Teatro Rosalía Castro ás 21 h
  • 27 de maio SIMPHIWE DANA Teatro Rosalía Castro ás 21 h
  • CARLOS NÚÑEZ – ALBORADA DO BRASIL Pazo da Ópera (data por determinar)

Etiquetas: , , , ,

terça-feira, fevereiro 23, 2010

Bill Callahan, sen pena nin gloria, Teatro Jofre, Ferrol, 18-feb-2010

O ciclo SinSal aterraba por segunda vez en Ferrol, mais nesta ocasión facíao no fermoso Teatro Jofre e cun artista máis recoñecible ou consagrado. Situando esta consideración sempre dentro da escea indie, minoritaria, gafapástica, alternativa ou como queiran denominala. Na interior visita do ciclo, a aínda máis sorprendente Tender Forever actuara para só un par de ducias de persoas na antiga capela do Torrente Ballester.

Tras o anuncio das dúas citas galegas de Bill Callahan esparabamos, polo menos os máis optimistas, unha boa resposta de público. O compositor tras o nome de Smog chegaba en boa forma, cun recente e fermoso álbum recoñecido pola crítica -“Sometimes I Wish We Were An Eagle”-, mais non chegabamos a 200 persoas entre o público ferrolán e un previsto target na zona de influencia da Coruña. Unha mágoa, mais non a única.

Polo menos, iso pensamos moitos ao ver que as cancións serían só interpretadas por guitarra e batería. Así, a música soou máis minimalista, espida do colchón sonoro das cordas e co previsible empobrecemento do seu brillo no álbum. Deste xeito, a voz profunda de Callahan sería aínda máis protagonista, mais o acompañante Neil Morgan tirou da súa batería infinidade de sons e matices para evitar que a case hora e media quedase nun concerto só para gozo dos entregados. Non obstante, e nunha consideración global do concerto, o meritorio esforzo resultou insuficiente.

Comezaron dubitativos, pouco convincentes e tirando do ultimo disco (“Jim Cain”, “All Thoughts Are Pretty to Some Beasts”, “Rococo Zephyr”…) para subir con “Bathysphere” e un guitarreo á mellor honra da Velvet Underground. As pezas enfeitizantes no estudio (“Too Many Birds”, “My Friend”, “Eid Ma Clack Shaw”, “Faith/Void”…) facíanse algo longas e repetitivas para quen non seguise a narrativa dun Callahan moito máis contido na súa execución que o batería, ao final case tan protagonista.

Porén, o final do concerto mellorou a impresión de todo o anterior, con “Sycamore”, “Teenage Spaceship”, unha contundente “Say Valley Maker” que foi do máis celebrado, e “Rock Bottom Riser”. Tras isto os bises foron case que un trámite prescindible a pesar da recreación do clásico "In the Pines".

En liñas xerais, os fans rendéronse ante Callahan, os neófitos aburríronse e o resto gozamos dalgúns bos momentos. Facendo unha comparación de “todo a 1 €” co baloncesto que nesa mesma data iniciaba a fase final da Copa do Rei: 1 punto (notable artista) + 1 (un disco recente máis ca notable) + 1 (recinto de luxo) sumarán 3, mais non sempre teñen a forza dunha tripla.

Pepe Cunha 23-febreiro-2010

Etiquetas: , , , ,

terça-feira, fevereiro 16, 2010

Richard Hawley, primeiro éxito do Xacobeo Importa


Enténdano como “subirse ao carro”, “actuar con criterio” ou “agudizar o inxenio cando hai fame” (neste caso, crise), mais o nome do Xacobeo 2010 vén asociado a festivais ou programacións musicais máis ou menos consolidadas e argalladas por xente especializada. Se cadra, a austeridade que a Xunta predica -de palabra, sempre, e nos feitos, cando mellor lles acae- pódenos privar de grandes nomes para o público maioritario. Xa saben, eses nomes “de primeira división” que poden achegar deceas de milleiros de persoas que no resto do ano apenas pagan por entrar nalgún concerto. Porén, quen preferimos máis citas “con miga”, en troques dalgúns concertos de “relumbrón”, non teremos tanta queixa.

Neste 2010, o ciclo Importa que montaba a produtora viguesa Sweet Nocturna e que xa trouxo a Jello Biafra, Skye Edwards ou Tindersticks, mudou o nome polo de Xacobeo Importa. Deste xeito, conta co apoio promocional e pecuniario do Xacobeo e seguirá traendo artistas que un público máis melómano e habitual sabe apreciar. Non serán audiencias considerables, pero os cheos semellan asegurados en recintos que o merecen máis. Si, eses promotores e programadores meréceno porque son os que nos
alimentan coa súa oferta cando non tocan festas municipais ou anos santos.

Este pasado domingo gozamos do primeiro cheo no mencionado Xacobeo Importa. O Teatro Rosalía de Castro da Coruña recibía a un artista que fai bandeira da elegancia do seu clasicismo e o seu romanticismo à la Scott Walker ou Roy Orbison. Richard Hawley pasou de guitarrista dunha das bandas iconas do brit-pop -Pulp- a reinventarse coma un dos crooner pop máis respectados por crítica e público no que vai de século. Como amosa nos seus álbumes en solitario e refrendou aínda máis na súa actuación coruñesa, non perdeu nin un chisquiño do seu bo facer nas cordas, mais ben todo o contrario. O coidado son tanto das súas guitarras como as do seu colega de instrumento e a precisión do resto da banda -baixo, batería e teclado- apoderouse da atmosfera do Rosalía e envolveu un público rendido e atento. Unha iluminación tenue, unha voz grave e uns músicos traxeados e contidos nos seus movementos non deixaban lugar a dúbidas: alí estabamos para deixarnos atrapar por unha proposta músical melancólica, romántica, case sempre intensa e algunha vez tirando a repetitiva, chá. É o que ter cinguirse tanto ao son das gravacións nos seus álbumes.



Hawley veu presentar o seu último disco, ben salientable pero non tan inmediato como os anteriores. Non obstante, co público atrapado o ambiente era ben propicio para repasar “Truelove's Gutter” case na súa totalidade. Deste xeito, abriu con “As the Dawn Breaks” e “Ashes on the Fire” e, se non lembro mal, “Open Up Your Door”. Non tardou en soar “Valentine”, por se quedaba dúbida do atinado da data. Nese momento, co público no peto, aproveitou para
declararse romántico e, bromeando, saber se coincidía cos asistentes. Seguindo co musical, “Soldier On” soou con gran contundencia comparado co resto das recientes, que seguía alternando (“For Your Lover Give Some Time”) con pezas dos anteriores álbumes ("Lady Solitude”). A destacar, esa segunda parte de “Oh My Love” que soou coma unha tormenta sonora e, xunto con “Remorse Code” foi dos momentos álxidos do concerto. Achegándose ao final, outras clásicas do seu repertorio foron “Coles Corner” ou “Hotel Room” (clásica entre as clásicas), entre as que tamén brillou “Don´t You Cry” e, como cabía esperar, “The Ocean” pechando a velada.

Con este bo sabor de boca, logo chegarán as vindeiras citas co Xacobeo Importa: o venres 5 estará Joan Baez en Vigo e o martes 16 Yo la Tengo na sala Nasa de Compostela, coas entradas esgotadas desde hai semanas.
Pepe Cunha 16-febreiro-10

Etiquetas: , , , , , ,

terça-feira, outubro 06, 2009

Mélissa Laveaux confortounos no Jofre. Sábado 3 de outubro de 2009

A proposta de Melissa Laveaux é un reflexo dela mesma. Esta canadiana de orixe haitiano e 24 anos é unha mente aberta e curiosa, maduramente inxenua ou inxenuamente madura. As súas cancións cheiran a inquedanzas vitais mesturadas con diversas influencias culturais. Disque aprendeu a tocar e compoñer case autodidactamente mentres escoitaba moitas músicas: folk independente canadiano (Joni Mitchell, Feist), trip-hop británico (Massive Attack, Portishead), música brasileña alternativa (Adriana Calcanhotto, Os Mutantes), hip-hop e nu-soul (Erikah Badu, The Roots…), grandes voces da tradición afro-americana (Billie Holiday, Nina Simone, Aretha Franklin) e artistas doutros continentes (Oumou Sangare). Se a iso engadimos un xeito percusivo de tocar a guitarra e o selo persoal dunha voz intimista, confidencial, lixeiramente áspera e profunda, seductora e atractiva, temos ante nós unha prometedora cantautora de corte universal.



Para deleite de quen amamos as linguas e a comunicación, exprésase en francés, inglés e creoulo, ademais de chapurrear con éxito o castelán, como amosou en Ferrol. A ver se aprenden moitos que falan de liberdade cando en verdade agochan incultura ou falla de sensibilidade ante outras realidades moito menos alonxadas.

máis fotos no facebook



O Jofre rendiuse aos seus encantos nun concerto que gardar na memoria, coma ese par de versiones fantásticas incluídas no seu álbum debut Camphor & Copper (“Needle In The Hay” de Elliott Smith e “I Wanna Be Evil” de Eartha Kitt), a canción de berce … Os arranxos e a formación minimalista de trío, baixo e guitarra completaron unha hora e media de música chea de enerxía e impacto.


Sen dúbida, un agasallo e unha recompensa para uns centos de persoas que apostamos por achegármonos a ver e escoitar o que nos cantaría unha marabillosa descoñecida. Polo momento.


máis fotos no facebook


Pepe Cunha 6-outubro-09

Etiquetas: , , ,

sexta-feira, dezembro 26, 2008

discos recomendados decembro

Xoan Curiel “Nai”
Este fonsagradino cantautor, actor e músico residente en Compostela presenta a música resultante duns anos de vivencias, moitas delas rodeado de cantantes, poetas e outros artistas galegos cos que colabora. Nun disco do seu tempo, reflexiona sobre a inmigración (“O teu sangue”), amosa sensibilidade para coa natureza (“Orixe” ou “Fonte sagrada”), denuncia a falla de respecto que esta sofre (“Canción do ar”) e adica varias cancións á muller como “Nai”, "A chía" ou “Nacer” ou. No musical, “Nai” é un álbum de corte básicamente acústica, con coidados detalles a cargo dos compañeiros músicos e das voces femeninas, cun chisco de experimentación sobre ritmos afrobrasileiros, galegos, pop, subsaharianos ou árabes. Xoan Curiel expresa aprezo pola convivencia coa diversidade, unha enriquecedora naturalidade cara á mesma e sensibilidade para co máis cercano. Fagan por achegarse a "Nai", unha proposta necesaria e merecedora de atención nestes momentos fructíferos da música feita no país, con momentos como “Bágoa de pataca”, onde musica un texto de Antía Otero con utensilios e sons da vida cotiá, o pop brasileiro de “Sos” a dúo con Uxía Senlle ou "Os mares de Marte" coa trompeta de Guille Lancelotti.
http://www.myspace.com/xoancuriel ; http://www.xoancuriel.com


Varios Artistas. Just Like Heaven: A Tribute to the Cure

Eis unha pequena frivolidade, pois este disco que verá a luz nos EUA en xaneiro probablemente nin chegue ás nosas tendas. Mais como estamos en tempos de incremento das compras por internet e sabemos que The Cure conta con moitos afeccionados, aquí vai unha humilde recomendación: unha salientable relectura dun cancioneiro imprescindible no pop das últimas décadas.
Un aspecto que adoita caracterizar os álbumes tributo é a irregularidade no resultado das versións, seguramente pola dificultade de acadar ese punto xusto de respecto e aportación ás orixinais. No disco que aquí tratamos acádase un gran nivel, probablemente grazas ao carácter independente na creatividade dos intérpretes e á falla dun interese mercantil na iniciativa. Repasemos entre as 16 cancións (+ bonus track) escollidas dos de Robert Smith: Joy Zipper achegan “Just Like Heaven” ao power pop; Tanya Donnelly & Dylan in the Movies retocan con gusto a atmosfera de “The Lovecats”; “Lovesong” é feita máis latexante por The Brunettes; Kitty Karlyle leva “In Between Days” ao punk pop; “Friday I´m In Love”, “Jumping Someone Else's Train”, “Boys Don´t Cry” e “Close To Me” revístense de densidade con Dean & Britta, Luff, The Submarines e Elk City respectivamente; “Let´s Go To Bed” vólvese máis electrónica e bailable con Cassettes Won´t Listen”. A discográfica que o lanza, e con bo prezo e servizo, é American Laundromat Records: http://www.alr-music.com. Para escoitar algúns temas: http://www.myspace.com/atributetothecure ; http://www.myspace.com/americanlaundromat.

textos enviados a Xornal de Galicia en decembro 2008

Etiquetas: , , , ,