terça-feira, julho 19, 2011

The Land of Opportunity: Siniestro Total + T.A.C. 15-xullo-2011

Até o de agora, asociabamos o festival Via Stellae principalmente a propostas de música clásica e antiga espalladas polo país a través de concertos en conventos, igrexas, monasteiros e outros lugares históricos. Mais este ano as cousas cambiaron no programa e boa proba foi o concerto do venres 15 no Auditorio de Galicia. A banda de rock galega Siniestro Total uníase ao Taller Atlántico Contemporáneo no espectáculo "Land of Opportunity", unha suite sinfónica suicida baseada nas composicións dos roqueiros, dividida en 3 actos e con desmadre final (este último fóra do programa).

Disque hai uns meses o TAC propuxo a Siniestro Total (re)crear unha selección das súas cancións nunha fusión de rock, música clásica e experimentación para o Vía Stellae 2011. Este tipo de achegamento non é unha novidade dentro do mundo do rock, pero tampouco é algo moi frecuente. O mesmo Julián Hernández mencionou na súa primeira intervención falada desde o atril que Frank Zappa (ben sabemos que un dos seus admirados) ou Can xa colaboraran, respectivamente, con Pierre Boulez e o Ensemble Modern o primeiro e con Stockhausen os xermanos. Dentro do pop xa poderiamos mencionar moitos máis exemplos de colaboración con orquestras de cámara, dado que as melodías son máis adaptables e teñen lugar máis decote. Aínda que se falamos de experimentación e reinterpretación no noso país, non podemos esquecer a notable colaboración de Germán Coppini (ex-Golpes Bajos) con O.M.E.G.A. (Orquestra de música espontánea de Galicia) nunha edición da "Semana da poesía salvaxe" ferrolá.

A proposta do director do Taller Diego García Rodríguez, o encargado de traballar nesta adaptación do repertorio da banda viguesa aos pentagramas foi Javier López de Guereña, coñecido para moitos polo seu traballo de moitos anos con ese soberbio letrista que é Javier Krahe. Mais a meirande parte do repertorio de Siniestro Total non é tan acomodable a unha formación orquestral e, de seguro, a banda tampouco querería precisamente edulcorado. Evidentemente, hai pezas como o "Himno do Lagares",
"Tumbado a la bartola", "Que les corten los huevos", "Balada de Cachamuíña e Pita" ou incluso "Quen me dera na casiña" que si podiamos albiscar con cordas e ventos, pero a maior curiosidade estaba en escoitarmos outras máis contundentes e tan fortemente gravadas nas nosas mentes como "Bailaré sobre tu tumba", "Ayatollah" ou "España se droga". As primeiras entraron ben, con facilidade e foron agradecidas. Nas segundas houbo de todo menos a seriedade que podería pedir o recinto.

Como ocorrería ao comezo de cada parte, unha pequena introdución-speech nesa liña sarcástico-irónica-irreverente-retranqueira de Hernández (de traxe, como todos os músicos) daba entrada á música dos dos 14 músicos da orquestra coa banda de rock situada detrás. Abriu "Himno do Lagares" a pouco máis dunha hora de música dividida en tres bloques de continium musical, onde arranxos "clásicos" unían varias pezas dos Siniestro. "¿Quiénes somos?, ¿De dónde venimos?, "A dónde vamos?" xa desconcertaba, pero deseguido "Tumbado a la bartola" funcionaba sen sobresaltos. Aquí xa empazabamos a notar que a parte vocal de Julián ía ser a parte frouxa da actuación. O único membro orixinario da banda segue a amosar nos concertos certa desidia ao comunicar inxeniosas letras como "Todo por la napia" ou "Amarrado al duro banco". Por certo, dalgunhas letras apenas se cantaba só algunha estrofa ou frase "Que les corten los huevos" (como na orixinal) ou "Miña Terra galega".

Entre os momentos máis salientables, as cordas e ventos a todo trapo en "Oye, nena, yo soy un artista", un "Ayatollah" repousado e acompañado de violíns, e a recuperación das súas escasas pezas en galego, como "Así a todo aínda menos mal", a máis recente "Quen me dera na casiña" e aquel himno galego alternativo "Galicia, gran carallo de sal" asinado por Os Cantores do Sil e que soou ante un auditorio en pé e coreándoo. Como sorpresa final, e fóra do programa, introdúcese a archicoñecida "Sinfonía nº 5 en do menor" de Beethoven e Julián Hernández quítalle a batuta ao director para que o grupo perpetre o "Roll over Beethoven" de Chuck Berry. A formación do TAC deixa o escenario con "aparente" desaire pero vai recoller unha pancarta coa que saír a felicitar aos roqueiros no seu 30 aniversario. O público, tan variado en idade como corresponde a un cancioneiro prolongado durante tres décadas, estaba tan entregado como desde o principio e aplaudía en pé. Como fixeran con aquel espectáculo “Cultura popular”, a banda necesita de cando en vez saír desa rutina de gravación de temas novos, xira de presentación do novo álbum e o repaso deses himnos populares que foron entregando co paso dos álbumes.

Como corresponde a unha cita especial, case ineludible e probablemente única, moi poucos sairían defraudados, porque alí iamos escoitar algo diferente, aínda que algunhas pezas foran "das de sempre" e custase vestidas con outras peles menos eléctricas e recoñecibles. Xa que logo, o resultado duns días de ensaio da banda de rock e o TAC na Illa de San Simón resultou satisfactorio para o público que dun xeito diferente quixemos festexar que unha das nosas bandas cumpre os seus 30 anos
.

As seguintes citas compostelás con este anovador Via Stellae serán o martes 19 co swing de The Ray Gelato Giants na Sala Capitol, o mércores 20 na Praza de Abastos co tributo ao "Kind of Blue" de Miles Davis a cargo do Xacobe Martínez Antelo Sexteto e o venres, de novo na Capitol, coa inusitada experiencia chamada Disco Barroco 2011: a mezzosoprano Magdalena Kozena, o contratenor Xavi Sabata, a Orq. Barroca de Venecia e o DJ Ln Riley.

Pepe Cunha, 19-xullo-2011

Etiquetas: , , ,

segunda-feira, maio 09, 2011

Ariel Rot, un "Juan Palomo" que segue a voar ben alto, Le Club, 7-maio-2011

Se podemos atopar un aspecto postivo da crise no que se refire á programación de concertos e xiras é a posibilidade de gozarmos de concertos como os de Ariel Rot a pasada fin de semana en Galiza. A xente aperta o cinto e non está para pagar entradas altas, polo que os cachés se rebaixan a cambio de concertos de formato reducido nos que traballa menos xente e se reducen os custos. Deste xeito, as salas de pequeno aforo pero con programadores atentos poden apostar por traer grandes artistas como o que nos ocupa. Nestes meses o ex-Tequila e Los Rodríguez -e cunha produción en solitario á altura das súas bandas- está inmerso nunha xira denominada "Solo" na que viaxa cunhas guitarras e teclado para repasar pezas do seu notable cancioneiro.

A ocasión o merecía e a coruñesa sala LeClub encheuse de moitos afeccionados que non quixemos deixar pasar a oportunidade de ter a un grande tocando a só uns metros. Nun principio falábase dunha xira con cancións menos populares do habitual, pero finalmente Rot repasa gran parte dos seus clásicos, supoñemos que para deleite dunha maioría menos receptiva ás sorpresas. Algúns preferiamos que recuperase pezas máis agochadas, pero ante tal cancioneiro e interpretado con esa calidez e naturalidade, pouco podemos obxectar: "Vals de los recuerdos", "Adiós, mundo cruel"; xa coa eléctrica "Felicidad", "Te busqué", "Sin saber qué decir", "Los tipos duros no bailan" (con chisco final aos Burning de "¿Qué hace una chica como tú ...?) e, cambiando de eléctrica, "Lo siento, Frank", unha das grandes ovacións da noite.

Rot vai alternando acústica con eléctricas sempre cun sorriso no xesto e sementando a complicidade visual tanto con quen lle chaman guapo ou profiren frases máis ou menos graciosas como cos mozos da primeira fila que babean ao ollaren os dedos bailar sobre as cordas. Chega o momento das brancas e negras e axusta en cómodo diálogo co mesa o volume do micro e o teclado. Caen "Todavía es tarde", "La mirada del adiós" (primeiro momento Rodríguez e moi coreado polo público), esa "Dos de corazones" con texto do seu amigo Sergio Makaroff e "Una casa con 3 balcones". De novo turno para a acústica, agora sentado, con "Geishas en Madrid", "Manos expertas", "Eche 20 centavos en la ranura" e unha "Hace calor" atangada. Entre elas vai colocando pezas do seu último disco para as que sabe manter a atención facendo pequenas presentacións ("Nena me enseñaste a amar", "Manos expertas", "Pólvora mojada" ou "Dandy".) Para rematar o bloque principal de cancións volve coa Gibson Gretsch e lócese ainda máis como guitarrista na instrumental "Confesiones de un comedor de pizza".

Chegan os bises e aproveita o público entregado para acompañarse del noutra peza do último álbum: "Nena me enseñaste a amar". Volta ao teclado con "Bruma en la Castellana"e outra dos Rodríguez "Milonga del marinero y el capitán". Mais o público non se resignaba a deixalo marchar e tivo que regalar outro bis que, tras algunha deliberación, foi outro clásico de Los Rodríguez e, sen dúbida, do pop rock español: "Dulce condena".

Manter o nivel durante case dúas horas de concerto, sempre cun sorriso, con soltura a eito e moita clase interpretativa está á altura de moi poucos. E para máis mérito, nunha actuación totalmente en solitario: guisando e comendo el mesmo, como un auténtico Juan Palomo que segue a voar moi alto.



Pdt: Non podemos deixar de felicitar ao programador da sala, por moverse ben e mollarse para incluír a bo prezo na súa programación propostas tanto potentes coma atractivas e diversas. Entre as seguintes citas apunten: Kafu Banton & Daddy Banton o sábado 14, Josele Santiago & Pablo Novoa o xoves 19 e xa en xuño The Godfathers o sábado 11. Quedades avisados.

Pepe Cunha 9-maio-2011

Etiquetas: , , ,

The Dodos + Evols, por fin triunfou o SinSal en Ferrol 28-abril-2010

O Festival SinSal que nacera hai anos en Vigo levaba xa varias citas en Ferrol grazas á colaboración coa Concellaría de Cultura. Non obstante, tivemos que agardar até a visita dos estadounidenses The Dodos para ver unha resposta máis acorde coa calidade das propostas deste ciclo. O centro cultural Torrente Ballester rexistrou unha boa entrada e as bandas aproveitaron o encanto e a acústica do recinto tirando ben do volume.

Nun principio había dúbidas sobre a asistencia, pola mencionada pouca resposta ás citas ferrolás do SinSal e por algunha pequena confusión cos horarios. Afortunadamente, cando comezou a banda de San Francisco eran case ás 22h e daquela estabamos todos, moitos chegados doutras zonas de Galicia, sen dúbida pola fama gañada pola banda en visitas anteriores.

Algo máis de hora e media antes, a banda de Porto Evols comezaron coas súas tres guitarras a espremer as posibilidades dos pedais, as distorsións e os loops e así crearen un ambiente de escuridade, rock psicodélico e algo fantasmagórico apoiado polas visuais de Pedro Mai. Foron de menos a máis para acabar convencendo a boa parte do público.

O dúo de Meric Long e Logan Kroeber chegaba desta vez apoiado por un segundo guitarra, presaxiando unha actuación máis eléctrica ca acústica. En concordancia con isto, repasaron practicamente completo o seu recente “No Color”, máis esperto, inmediato ou fibroso que o anterior “Time To Die” de 2009, máis acústico. Tampouco faltaron pezas de "Visiter" marcados pola característica combinación de folk-rock e a percusión cuasetribal de Logan. De feito, viñan facer bailar e o primeiro que saiu dos altavoces foi un apañado castelán de Long: "si quieres puedes arriba, es sólo un concierto" ao que o público reaccionou inmediatamente poñéndose en pé e pasando das butacas até o final.

A súa actuación sacudía os tímpanos coa súa contundencia e intensidade, aproveitando a sonoridade da antiga capela para crear unha atmosfera nebulosa de riffs acelerados de guitarra e ritmos imposibles de batería. "Black Night", "Good", "Don't Try and Hide It", "When Will You Go" ou "Don't Stop" aínda creceron máis nun entregado directo que non tardou en atrapar o público. Catarse final e a banda achegándose tras o concerto para compartiren opinións e fotos coma lembranza dunha magnífica velada.

Quedan máis citas co SinSal en Vigo, pero a seguinte en Ferrol terá lugar con The High Llamas o luns 4 de xullo no mesmo recinto. A cousa promete e concertos así ilusionan a quen gustamos de propostas de maior calidade e que espertan máis curiosidade e interese que as habituais.

máis cutrefotos no noso facebook: www.facebook.com/abretedeorellas


Pepe Cunha 7-maio-2011

Etiquetas: , , , , , ,

terça-feira, abril 19, 2011

Hindi Zahra no Sons da Diversidade, 16 de abril de 2011

Como adoita acontecernos cos nomes menos recoñecibles da programación do Sons da Diversidade, non tardamos en sentir curiosidade pola proposta de Hindi Zahra. O seu único álbum soaba realmente ben e logo apuntamos a cita na nosa axenda. Isto fora a finais do ano pasado, pero co paso dos meses e o recente premio Victoires de la Musique na categoría de "world-music" as expectativas iniciais foron a máis.


Porén, a data terminou por coincidir cun futboleiro Real Madrid-Barça e un concerto internacional na mesma Compostela, co resultado de algo máis de media entrada e menos variedade na audiencia. Xeneralizando, maioría feminina e de mediana idade no Auditorio de Galicia. Seica aos homes lles prestaba máis ver o fútbol na súa totalidade e ao público máis novo e impresionable o roqueiro mediático Pete Doherty.
Precisamente do mundo do rock vén un dos nomes cos que a crítica compara á franco-marroquí: Patti Smith. O outro nome sería nada menos que Billie Holiday. Xa ven, dúas figuras carismáticas coma poucas e palabras maiores que perigan con caer na hipérbole. Desgraciadamente, no Auditorio de Galicia vimos que a crítica especializada anda impresionable ou con fame de novas estrelas que descubrir e encumiar.
Hindi Zahra confirmou a súa enfeitizante e fermosa voz,
mais tamén que só ten un disco no mercado, que aínda ten camiño por diante para afondar nunha persoal plasmación das súas influencias (jazz, blues, soul, rock, música oriental, africana...) e que precisa de máis bagaxe nos palcos para estar á altura das mencionadas comparacións. Podemos falar dun descubrimento para quen foron guiadas pola curiosidade e unha pequena decepción para quen nos fixeramos grandes expectativas.


Comezou o concerto con pezas como "
At The Same Time", "Oursoul" ou "Beautiful Tango", creando unha atmosfera relaxada, suave, repetitiva e cunha instrumentación tranquila (banjo e guitarra acústica como protagonistas) a pesar de contar con dous percusionistas. Afortunadamente, chegou unha peza inflexión no concerto: "Set Me Free", que convenceu a xeito de rock berber cunhas pingas de psicodelia e un traballo algo máis rico en guitarras, entrando en acción a eléctrica, aumentando a presencia dos coros, un chisco de palmas ou as mencionadas percusións. "Stand Up" foi unha das pezas que achega forza ao vivo e a banda ben que se encargou de estendela a base de trucos para "atrapar" ao público como a intro de guitarra precedendo aos versos "Stand up on your two feet, baby. That's how it's got to be.
Xa daquela comezara a adoptar unha actitude máis falangueira para lle comentar ao público que aínda non vira esta cidade que tan fermosa lle dixeran que era pois pasara o día no hospital. E foi precisamente nestes detalles onde amosou a súa falla de táboas, pois resultou decepcionante a súa mención ao "clásico" futbolero que se disputaba esa noite ao sinalar que era a good time to finish (cando non fixera nin unha hora de concerto!).


Nos bises, amosou de novo o bo e o menos bo. Volveu pecar de inxenuidade ao
mencionar unha peza que fai nesta xira, pero da que non trouxera a letra; mais tamén nos cativou coa súa voz acompañado minimamente á guitarra eléctrica por ela mesma. Por se quedaban dúbidas da forza comunciativa da súa voz, regalounos "a capella" 2 versos dunha sinxela canción que lle aprenderan en Madrid. Si, soubo a pouco, e servidor quedou coas ganas da súa versión de "Waiting in Vain", pero agardamos constatar o seu máis ca probable crecemento nuns anos. Armas ten.


Pepe Cunha, 18-abril-2011

Etiquetas: , , , ,

quarta-feira, dezembro 22, 2010

Cantos na Maré 2010, comuñón de festa e compromiso

Existe un feixe de frases ás que recorremos tan acotío que acaban por ser utilizadas con demasiada lixeireza, perdendo parte da súa expresividade orixinal. Unha delas vénme que nin pintada para falar do festival Cantos na Maré, pois este proxecto é un espello da personalidade dunha artista coma Uxía Senlle. Ela, sen dúbida, "é a alma" do festival da lusofonía porque -coma ben apuntaría Guadi Galego- non coñezo outra artista tan implicada coa lusofonía. Uxía é o Cantos na Maré son sinónimo de festa e compromiso, coa diversidade cultural e artística, coa lingua e coa humanidade das persoas, neste caso os artistas.

Só cunha directora artística así se pode entender un novo éxito nesta oitava edición, pois ela é quen de rodearse da xente axeitada, tanto músicos como profesionais da produción, e involucralos na causa contaxiándoos do seu entusiasmo e afabilidade. Porque este non é un festival ao uso, no sentido máis frío do que entendemos por "negocio musical". Aquí non se contrata un artista para que veña cos seus músicos a tocar, como é habitual. Durante as dúas horas de espectáculo hai unha banda común preparada para a ocasión e un repertorio formado por temas de cada artista cantados en solitario ou en duetos. Así, hai moito máis do que o público ve, pois a presuposta calidade artística e profesionalidade vén incrementada cun plus de implicación, respecto e humildade. Para o director musical Paolo Borges e a banda significa un traballo extra de semanas e, para todos, uns días de ensaio común e convivencia. Finalmente, todo pagou a pena e a química resultante volveuse transmitir desde o escenario cara as ateigadas bancadas do Pazo da Cultura de Pontevedra.


Tras esta introdución necesaria, cómpre unha crítica pola falta de puntualidade, esta vez case de media hora. Afortunadamente, é talvez o único aspecto mellorable do espectáculo. Así, case ás 10 da noite, a propia Uxía abriu coa peza homónima da cita "Cantos na maré" e este ano nese primeiro dueto fíxoo acompañada pola angolana Aline Frazao. Simbolicamente podería entenderse como a artista consagrada presentando á promesa, mais esta abraiou cuns 22 anos que máis parecían de carreira que de idade. Esta moza residente en Madrid amósase coma unha esponxa musical, inspirada en ritmos de Angola e Luanda pero enchoupada dos máis diversos estilos. Antes de fusionar dúas pezas do seu país, abriu con "Babel" e homenaxeou a Carvalho Calero (ao que cualificou de "grande home da lusofonía, grande galego") a ritmo de samba jazz con "Maria Silenzio". Dentro da súa actuación brillou especialmente o solo de trombón dun Santos que tamén bailou coa angolana.

O tamén guitarrista e vocalista, o portugués António Zambujo colleu o relevo sentándose para deleitarnos con dúas pezas do seu último álbum: a "Guia" que o titula e o "Fado da vida bela". Unha voz simplemente engaiolante. Tras referirse gratamente aos dous días de convivencia, presenta a unha artista que vén de coñecer e que ademais está na casa, en Galiza: Guadi Galego.


A ex de Berrogüetto e partícipe de Nordestin@s e Espido comezou algo excesiva,
talvez sacrificando inconscientemente a naturalidade por mor das ganas de agradar e demostrar a súa valía. Mellorando sobre a marcha, ofreceu dous temas de Espido ("Se ti queres", Santa muller") e un do seu debut en solitario "Benzón" que soou realmente ben coa banda: "Norte do alén".

Seu foi o honor de presentar ao artista máis agardado a noite: Lenine. Era complexo "eludir" que nesta edición había un artista que brillaba por riba dos demais e, non obstante, resultou un compañeiro e profesional máis. O "nordestino do Brazil" rezumou humanidade polos catro costados e así comezou compartindo coa Guadi e media banda a recollida "A medida da paixao". Xa en solitario confesouse honrado de ser comprendido cando fala e en só dúas pezas confirmou os seus extremos artísticos coa melancólica "É o que me interessa" e a vitalista "Jack soul brasileiro". Nesta última, incluído un chisco final ao clásico "País tropical", a banda chegou a un dos seus momentos rebordantes de enerxía.

Entre as dúas pezas, Lenine non puido deixar de reivindicar o papel de Uxía e o poder da Música compartida nestes días de convivencia na preparación do festival. Unha convivencia que se plasma especialmente nun dos puntos fortes e característicos do festival: os duetos. Así, o veterán chamou ao palco a "novata" Aline Frazao para acompañala na peza dela "Primeiro mundo".

O festival transcorría con ritmo, sen necesidade de cambios grandes sobre as táboas e coas presentacións dos músicos ben espalladas ao longo do espectáculo. Nese momento volve António Zambujo e fai coa banda un swing de "Readers Digest", outra das pezas salientables do seu recomendabilísimo "Guia".

Inmediatamente volve Uxía para homenaxear, acompañada por Guadi Galego, a Uxío Novoneyra neste seu ano cuns alalás encadeados. Os momentos duros para a nosa lingua prestábanse para a reivindicación enfatizada nesas liñas que din "Galicia non te puideron calar e ben que o tentaron.
Tamén lembrou Uxía a morte doutro escritor e pensador querido que nos deixou máis recentemente e do cal musicou un poema. Acompañada por Lenine interpretou "Science Fiction".


Ao brasileiro só lle faltaba un dueto con
outro dos artistas deste Cantos na Maré e así acompañou a António Zambujo con outra peza do seu álbum "Guia": "A deusa da minha rua". Seguiu no escenario porque quería ofrecer unha peza nova, mais comezada a escribir cando na súa anterior visita a Galicia. Daquela coincidiu coa catástrofe do Prestige e "a cagada que foi" inspirou "A mancha". Tras ela, e para rematar a parte inicial e máis longa do concerto, Lenine acompañouse nos coros de todos os artistas nas voces, así como do público entregado, en "A Ponte".

Entón era o momento dos bises e as dúas primeiras pezas foron impresionantes, emocionantes, sentidas, grazas a Uxía cun "Alalá das Mariñas" a capella e deseguido acompañando ao António Zambujo en "Modas alentejanas", propias da rexión deste. Mentres seguían sos con aquelo de "quero cantar coma a rola, coma a rola ninguén canta" entraron Aline Frazao, Guadi Galego e Lenine para poñer ao emocionado público en pé. Despois daquelo só se podia rematar cun "Cantos na Maré" comunal. As facianas dos artistas e o público falaban por si soas.

Até ultimísima hora non se saberá quen virá no 2011, pero calquera que teña asisitido a un Cantos na Maré confiará cegamente en Uxía. O seu compromiso coa arte, viaxando, descubrindo e compartindo talentos e experiencias derivadas do seu contacto coas culturas de fala lusófona fana a inmellorable anfitrioa dos artistas que podan e querian achegarse a Galiza.

Pepe Cunha 22-decembro-2010
dirección artística Uxía
dirección musical Paulo Borges
Banda base: Paulo Borges, Azores–Portugal (piano)
Xacobe Martínez Antelo, Galiza (contrabaixo)
Quiné, Portugal (batería e percusión)
Rubén Santos, Portugal (trombón)
Sérgio Tannus, Brasil (guitarra e cavaquinho)

Etiquetas: , , , , , , ,

sexta-feira, julho 30, 2010

Elvis Costello and Diana Krall na Quintana, 27 de xullo de 2010

Sen dúbida, esta cita era un dos pratos fortes do Xacobeo 2010 no que se refire á música popular. Contar no sempre agradecido e motivador marco da Praza da Quintana con Elvis Costello e Diana Krall, parella na vida privada como non cansan de mencionar os medios xeneralistas, podería significar unha noite especial, coa colaboración no escenario nalgúns temas. Porén, o máis atractivo tiña que ser que ambos pasaran por Galicia con éxito: el marabillara no Pavillón das Travesas vigués e ela agradara no Pazo da Ópera da Coruña. Mais aquí non funcionan as matemáticas e houbo luces e sombras, aínda que estas fosen as menos.


A vocalista e pianista canadiana volveu amosar que ao vivo a súa proposta non soa tan edulcorada coma nos discos. A súa vea jazz predominou aínda máis que na súa visita á Coruña. Deste xeito, foron protagonistas as improvisacións dun cuarteto cuxos músicos non se deixan eclipsar polo piano e a voz, probablemente esta o punto frouxo da noite. Iso si, ela non semellaba relaxada ou cómoda abondo, senón algo tensa. Coma mostra, non deixou que a fotografasemos nunha distancia curta, algo habitual polo menos durante unha peza e como posteriormente facilitaría o seu marido.
Detalles de comportamento aparte, a súa actuación foi desde o "So Nice" do seu máis recente "Quiet Nights" até unha interpretación libérrima do 'Cheek to cheek', prolongada polas improvisaciones dos seus extraordinarios músicos na batería, contrabaixo e guitarra. Non faltaron as revisións de estándars, como "Let's Face the Music and Dance", "Boulevard of Broken Dreams" e unha primeira "sorpresa" cando chamou ao seu esposo ao escenario para versionar a Tom Waits, concretamente no "Clap Hands", incluído no álbum "Raindogs". Como acontecería coas outras colaboracións da noite, amosou bastante irregularidade, talvez debido a certa incomodidade da canadiana cun repertorio alonxado do seu pao do jazz vocal.
A actuación quedou no correcto aínda que a Praza da Quintana merece algo máis ca comentarios de rigor sobre a beleza arquitectónica e as badaladas que deron para algunha broma dos músicos. Imos perdoala, pois pola praza corría unha brisa fresca que quizais lle impediu acadar un grao de calidez.


Pasada a medianote saíron a escea con forza Elvis Costello and The Sugarcanes, abrindo cun enérxico "Mystery Train". Non tardou en quedar claro que esta xira vén marcada por ese álbum de country-bluegrass-blues que é "Secret, Profane and Sugarcane" e deseguido caeu un primeiro clásico de seu -“Blame it on Cain”- lucindo esa vestimenta. Estas relecturas gustarán máis ou menos, pero non cabe dúbida de que é un privilexio escoitarmos en directo a mesma formación que gravou o álbum. Así precisamente o demostrou o tema que abre esta reencarnación de Costello, "Down Among The Wine and Spirits".

Chegou o turno doutro clásico costelliano como "New Amsterdam", desta vez incluíndo no seu interior o "You´ve Got To Hide Your Love Away" dos Beatles. "Good Year For The Roses" encaixa sen problema neste formato, ao igual que "Complicated Shadows". De feito, esta última xa está versionada no último disco.
Sen daren tregua, cos comentarios xustos e sempre vitalista, animou ao público a corear "(The Angels Wanna Wear My) Red Shoes". A continuación, marcáronse un clásico recente coma "The Delivery Man", que atrapou coa súa escura intensidade, e estrearon un tema que ben podería titularse "Jimmy Standing In the Rain". Como vemos, Costello non levanta o pé do seu acelerador creativo.
Coma era de esperar, o "amor da súa vida" regresou ao escenario para versionar con distinta sorte "It Had to Be You", "Wide river to cross" e "Simple Twist of Fate". A incomodidade de Diana Krall en pé e cos textos nun atril era notoria e contrastaba en exceso coas maneiras da banda e o seu marido, que con enerxía apuraba os minutos que a organización semellaba limitar. Si, chegouse a ver un aceno de "cinco minutos" desde unha man asomando por un lateral.
Afortunadamente, houbo tempo para algunhas das mellores interpretacións da noite: o imprescindible dos Grateful Dead "Friend of the Devil" e un axeitado agasallo para a peregrinaxe xacobea, un "I Am a Pilgrim" magnificamente cantado polo violinista.
O guitarra Jim Lauderdale estivo impecable nos seus coros inmaculados e os demais músicos da banda (dobro, violín, baixo, mandolina e acordeón) brillaban sempre nos seus solos. Incluso o “She” que abriu os bises en formato trío se arreda do empalagoso sabor que rezuma na gravación de estudio. O single do álbum, "Sulphur to Sugarcane", unha sentida "Everyday I Write The Book" tamén trasladada ao country e a mítica "Peace, Love and Understanding" coma guinda que puido ser e no intento quedou, pois contou de novo coa Krall perdida no escenario.

A personalidade musical de Costello impídelle ficar ríxido nun patrón estilístico, aínda que os seus grandes logros viñeran do pop-rock. A súa continua aprendizaxe e falta de acougo achegouno con máis ou menos éxito a estilos lonxanos como o jazz ou a clásica, pero desta vez fomos testemuñas de que a súa calidade coma compositor e intérprete está fóra de dúbidas e que o seu amor polas músicas estadounidenses de raíz está ben asimilado.


máis fotos no facebook de Ábrete de orellas

P.S. crítica coa organización do Xacobeo (non do concerto en si)

Cómpre criticar o excesivo número de invitacións de asento que se decidiu para este concerto. Dou fé que para medios non eran estas invitacións, pois fomos invitados á zona de pé.
Ao parecer, ocupaban as 12 primeiras filas e deixaron fóra verdadeiros seareiros que non deixaron de estar pendentes das entradas desde o mesmo momento en que se anunciou o evento. Non senta nada ben ver como algunhas persoas marchan desinteresadas antes de que remate o espectáculo, mentres quen de verdade devecía por estar aí non tivo nin a oportunidade de mercar entrada na zona máis achegada ao escenario.

Etiquetas: , , ,

segunda-feira, março 29, 2010

Quique González co piloto automático no Teatro Colón, 26-marzo-2010.

Hai ocasións nas que un gran protagonista eclipsa unha competente banda de acompañamento. Non obstante, tamén pode darse o caso de que os músicos acompañantes salven unha mala ou frouxa noite do líder. Pois isto último é o que aconteceu o pasado venres na actuación coruñesa da xira "Daiquiri blues" de Quique González.

Desde o mesmo comezo, advertimos que aínda que a calidade do son era notable -como adoita acontecer no Teatro Colón-, a presencia da voz era maior da necesaria. Engadamos a iso que xa non se distingue por ser un gran cantante e que este venres non semellaba estar moi atinado. Así, coas carencias amplificadas, o concerto non pintaba todo o ben que cabería esperar.

Porén, Quique González conta cun feixe de boas cancións e se acompaña duns estupendos músicos. Desta vez, aos habituais e cumpridores Jacob no baixo e Toni Jurado na batería, sumou o plus nas guitarrasa cargo de Javi Pedreira e no órgano e piano con Julián Maeso (ex Sunday Drivers e na actualidade liderando os Speaklow). Como o seu querido Real Madrid de fútbol, Quique pode gañar un partido que non pinta ben grazas aos puntuais toques de calidade.

Abriron con "Daiquiri blues" e "Cuando estés en vena" do último disco, que soaron algo frías, como unha máquina sen acabar de engraxar. "Avería y redención" e "Me agarraste" foron animando a un público máis entregado que esixente. "Hasta que todo encaje" quedou en correcta e Julián Maeso fixo brillar "Pájaros mojados" e "Kamikazes enamorados". "Un arma precisa" foi a seguinte pinga do recente álbum e para "Pequeño rock and roll", outra das celebradas, Quique tamén se uniu ás teclas. "Deslumbrado" foi das que saíron mellor paradas entre as últimas e "Suave es la noche" arrasou con Javi Pedreira tirando da banda.


Volveu o momento relaxado coa versión de "Algo me aleja de ti" do gran José Ignacio Lapido interpretada por Quique ao piano. Entrou Jacob no contrabaixo e coas guitarras acústicas para tras certas dúbidas volver recuperar con "Anoche estuvo aquí" e especialmente unha entregada "Polvo en el aire". "Nadie podrá con nosotros" xa se confirma coma outro dos seus himnos, así como a versión de Diego Vasallo "La vida te lleva por caminos raros" que o público corea. Sóltanse en plano "western" con "Te lo dije" e rematan con "Restos de stock" e unha potente de seu "Hay partida" que careceu da intensidade da xira anterior.

Nos bises, e a petición de parte da audiencia, comezaron con "De haberlo sabido" só acompañado por Jacob. Para a magnífica "Riesgo y altura" xa estaba a banda completa e até o final soaron "Manhattan", "Su día libre", "La luna debajo del brazo" e dúas das infalibles: "Salitre" e "Miss camiseta mojada".

Ante a gran insistencia do público, volveron para interpretar esa canción que ben podemos considerar punto de inflexión da súa carreira.
Coa audiencia xa en pé, "Vidas cruzadas" resultou o momento de comuñón entre fans antig@s e máis recentes. Seguramente, @s primeir@s esperabamos máis, pero a currantes coma este se lles perdoa unha mala noite.


Pepe Cunha 2-marzo-2010

Etiquetas: , , , ,

Carmen París no Música con Raíces, Teatro Rosalía de Castro, A Coruña, 25-marzo-2010

Tras as 7 sereas que abriran o ciclo, o segundo concerto desta edición do Música con Raíces traía coma protagonista a aragonesa Carmen París.
Unha frouxa entrada non animaba a que fose unha gran noite, pero a aragonesa non tardou en meternos no seu peto grazas á súa simpatía e magnífica interpretación.
Saltou ao escenario atacando en solitario primeiro o caixón e despois o piano para interpretar os temas homónimos dos seus primeiros álbumes: "Pa mi genio" e "Jotera lo serás tú", auténticas declaracións de principios.
A continuación, entrou a formación necesaria para tamén interpretar os temas do seu terceiro e máis cubano "Incubando".

Durante case dúas horas de actuación puidemos gozar non só da música senón tamén das divertidas presentacións que a París ía facendo de cada un dos temas. A súa naturalidade sobre as táboas iguala a facilidade coa que convirte a súa proposta en auténtica viaxe por ritmos africanos, magrebíes, mediterráneos, sudamericanos ou tropicais, sempre desde a súa base de jota. No seu caso, a formación no tradicional non é un corsé senón un trampolín desde o que saltar a outros ritmos que chegan á súa mente a traverso duns ouvidos ben abertos.
En canto ao repertorio, interpretaron un xeneroso repaso aos seus tres discos. De "Pa mi genio" recrearon tamén "El mundo que te rodea", "Brindis", "No me vas a embolicar", "Savia nueva" (do mellor do concerto), "Porque quiero". "O segundo "Jotera lo serás tú" estivo representado ademais por "Chavalica" (adicada á presente Mercedes Peón), "Guaraní", "Cuerpo triste". O máis acorde coa formación era o terceiro, "Incubando", polo que ocupou a maioría da listaxe: "Cositas in-solitas", "De muy buen ver" (cun rapeo "sui generis), "Chufla, dragón", "Picadillo-mix", "25 años", "Agua que no ha de correr", "Distancia espeluznante". Se están familiarizad@s, xa vén que non faltaron o rap, o cha cha cha, o bolero, ou o son.


Xa que logo, non lles estrañará que a velada pasase voando, grazas ao eclecticismo e o moito talento desta completa artista: compositora, vocalista, música e auténtico imán fronte á audiencia.

Pepe Cunha, 29-marzo-2010

Eis o ciclo completo do Música con Raíces de Caixanova e o Concello da Coruña:
  • 7 de marzo SEREAS - 7 SEREAS, 7 ONDAS, 7 MARES (Con Uxía, Mercedes Peón, Rosa Cedrón, Ugia Pedreira, Guadi Galego, Silvia Penide e Sonia Lebedynski ) Teatro Rosalía Castro 19h
  • 25 de marzo CARMEN PARIS Teatro Rosalía Castro 21 h
  • 9 de abril LUAR NA LUBRE Coliseum 21 h
  • 18 de abril BERROGÜETTO - KOSMOGONÍAS Teatro Rosalía Castroás 20 h
  • 6 de maio MARTIRIO – EL AROMA DE LO DESNUDO Teatro Rosalía Castro ás 21 h
  • 27 de maio SIMPHIWE DANA Teatro Rosalía Castro ás 21 h
  • CARLOS NÚÑEZ – ALBORADA DO BRASIL Pazo da Ópera (data por determinar)

Etiquetas: , , , ,

terça-feira, fevereiro 23, 2010

Bill Callahan, sen pena nin gloria, Teatro Jofre, Ferrol, 18-feb-2010

O ciclo SinSal aterraba por segunda vez en Ferrol, mais nesta ocasión facíao no fermoso Teatro Jofre e cun artista máis recoñecible ou consagrado. Situando esta consideración sempre dentro da escea indie, minoritaria, gafapástica, alternativa ou como queiran denominala. Na interior visita do ciclo, a aínda máis sorprendente Tender Forever actuara para só un par de ducias de persoas na antiga capela do Torrente Ballester.

Tras o anuncio das dúas citas galegas de Bill Callahan esparabamos, polo menos os máis optimistas, unha boa resposta de público. O compositor tras o nome de Smog chegaba en boa forma, cun recente e fermoso álbum recoñecido pola crítica -“Sometimes I Wish We Were An Eagle”-, mais non chegabamos a 200 persoas entre o público ferrolán e un previsto target na zona de influencia da Coruña. Unha mágoa, mais non a única.

Polo menos, iso pensamos moitos ao ver que as cancións serían só interpretadas por guitarra e batería. Así, a música soou máis minimalista, espida do colchón sonoro das cordas e co previsible empobrecemento do seu brillo no álbum. Deste xeito, a voz profunda de Callahan sería aínda máis protagonista, mais o acompañante Neil Morgan tirou da súa batería infinidade de sons e matices para evitar que a case hora e media quedase nun concerto só para gozo dos entregados. Non obstante, e nunha consideración global do concerto, o meritorio esforzo resultou insuficiente.

Comezaron dubitativos, pouco convincentes e tirando do ultimo disco (“Jim Cain”, “All Thoughts Are Pretty to Some Beasts”, “Rococo Zephyr”…) para subir con “Bathysphere” e un guitarreo á mellor honra da Velvet Underground. As pezas enfeitizantes no estudio (“Too Many Birds”, “My Friend”, “Eid Ma Clack Shaw”, “Faith/Void”…) facíanse algo longas e repetitivas para quen non seguise a narrativa dun Callahan moito máis contido na súa execución que o batería, ao final case tan protagonista.

Porén, o final do concerto mellorou a impresión de todo o anterior, con “Sycamore”, “Teenage Spaceship”, unha contundente “Say Valley Maker” que foi do máis celebrado, e “Rock Bottom Riser”. Tras isto os bises foron case que un trámite prescindible a pesar da recreación do clásico "In the Pines".

En liñas xerais, os fans rendéronse ante Callahan, os neófitos aburríronse e o resto gozamos dalgúns bos momentos. Facendo unha comparación de “todo a 1 €” co baloncesto que nesa mesma data iniciaba a fase final da Copa do Rei: 1 punto (notable artista) + 1 (un disco recente máis ca notable) + 1 (recinto de luxo) sumarán 3, mais non sempre teñen a forza dunha tripla.

Pepe Cunha 23-febreiro-2010

Etiquetas: , , , ,

terça-feira, outubro 06, 2009

Mélissa Laveaux confortounos no Jofre. Sábado 3 de outubro de 2009

A proposta de Melissa Laveaux é un reflexo dela mesma. Esta canadiana de orixe haitiano e 24 anos é unha mente aberta e curiosa, maduramente inxenua ou inxenuamente madura. As súas cancións cheiran a inquedanzas vitais mesturadas con diversas influencias culturais. Disque aprendeu a tocar e compoñer case autodidactamente mentres escoitaba moitas músicas: folk independente canadiano (Joni Mitchell, Feist), trip-hop británico (Massive Attack, Portishead), música brasileña alternativa (Adriana Calcanhotto, Os Mutantes), hip-hop e nu-soul (Erikah Badu, The Roots…), grandes voces da tradición afro-americana (Billie Holiday, Nina Simone, Aretha Franklin) e artistas doutros continentes (Oumou Sangare). Se a iso engadimos un xeito percusivo de tocar a guitarra e o selo persoal dunha voz intimista, confidencial, lixeiramente áspera e profunda, seductora e atractiva, temos ante nós unha prometedora cantautora de corte universal.



Para deleite de quen amamos as linguas e a comunicación, exprésase en francés, inglés e creoulo, ademais de chapurrear con éxito o castelán, como amosou en Ferrol. A ver se aprenden moitos que falan de liberdade cando en verdade agochan incultura ou falla de sensibilidade ante outras realidades moito menos alonxadas.

máis fotos no facebook



O Jofre rendiuse aos seus encantos nun concerto que gardar na memoria, coma ese par de versiones fantásticas incluídas no seu álbum debut Camphor & Copper (“Needle In The Hay” de Elliott Smith e “I Wanna Be Evil” de Eartha Kitt), a canción de berce … Os arranxos e a formación minimalista de trío, baixo e guitarra completaron unha hora e media de música chea de enerxía e impacto.


Sen dúbida, un agasallo e unha recompensa para uns centos de persoas que apostamos por achegármonos a ver e escoitar o que nos cantaría unha marabillosa descoñecida. Polo momento.


máis fotos no facebook


Pepe Cunha 6-outubro-09

Etiquetas: , , ,