segunda-feira, março 29, 2010

Quique González co piloto automático no Teatro Colón, 26-marzo-2010.

Hai ocasións nas que un gran protagonista eclipsa unha competente banda de acompañamento. Non obstante, tamén pode darse o caso de que os músicos acompañantes salven unha mala ou frouxa noite do líder. Pois isto último é o que aconteceu o pasado venres na actuación coruñesa da xira "Daiquiri blues" de Quique González.

Desde o mesmo comezo, advertimos que aínda que a calidade do son era notable -como adoita acontecer no Teatro Colón-, a presencia da voz era maior da necesaria. Engadamos a iso que xa non se distingue por ser un gran cantante e que este venres non semellaba estar moi atinado. Así, coas carencias amplificadas, o concerto non pintaba todo o ben que cabería esperar.

Porén, Quique González conta cun feixe de boas cancións e se acompaña duns estupendos músicos. Desta vez, aos habituais e cumpridores Jacob no baixo e Toni Jurado na batería, sumou o plus nas guitarrasa cargo de Javi Pedreira e no órgano e piano con Julián Maeso (ex Sunday Drivers e na actualidade liderando os Speaklow). Como o seu querido Real Madrid de fútbol, Quique pode gañar un partido que non pinta ben grazas aos puntuais toques de calidade.

Abriron con "Daiquiri blues" e "Cuando estés en vena" do último disco, que soaron algo frías, como unha máquina sen acabar de engraxar. "Avería y redención" e "Me agarraste" foron animando a un público máis entregado que esixente. "Hasta que todo encaje" quedou en correcta e Julián Maeso fixo brillar "Pájaros mojados" e "Kamikazes enamorados". "Un arma precisa" foi a seguinte pinga do recente álbum e para "Pequeño rock and roll", outra das celebradas, Quique tamén se uniu ás teclas. "Deslumbrado" foi das que saíron mellor paradas entre as últimas e "Suave es la noche" arrasou con Javi Pedreira tirando da banda.


Volveu o momento relaxado coa versión de "Algo me aleja de ti" do gran José Ignacio Lapido interpretada por Quique ao piano. Entrou Jacob no contrabaixo e coas guitarras acústicas para tras certas dúbidas volver recuperar con "Anoche estuvo aquí" e especialmente unha entregada "Polvo en el aire". "Nadie podrá con nosotros" xa se confirma coma outro dos seus himnos, así como a versión de Diego Vasallo "La vida te lleva por caminos raros" que o público corea. Sóltanse en plano "western" con "Te lo dije" e rematan con "Restos de stock" e unha potente de seu "Hay partida" que careceu da intensidade da xira anterior.

Nos bises, e a petición de parte da audiencia, comezaron con "De haberlo sabido" só acompañado por Jacob. Para a magnífica "Riesgo y altura" xa estaba a banda completa e até o final soaron "Manhattan", "Su día libre", "La luna debajo del brazo" e dúas das infalibles: "Salitre" e "Miss camiseta mojada".

Ante a gran insistencia do público, volveron para interpretar esa canción que ben podemos considerar punto de inflexión da súa carreira.
Coa audiencia xa en pé, "Vidas cruzadas" resultou o momento de comuñón entre fans antig@s e máis recentes. Seguramente, @s primeir@s esperabamos máis, pero a currantes coma este se lles perdoa unha mala noite.


Pepe Cunha 2-marzo-2010

Etiquetas: , , , ,