segunda-feira, setembro 04, 2006

deluxe pechou a xira en Ferrol

Xoel e a súa banda volveron ofrecer un convincente concerto. Desta vez por fin en Ferrol e coa motivación engadida de ser o último bolo con banda ata que regrese ás táboas para defender o que será cuarto longa duración.

Ademais de momentos magníficos como a versión
"crooner" de "No Money To Spend" rematada con "Bring It On Home To Me" de Sam Cooke, a versión con percusión e teclado de "Caetano Veloso", a fiereza coas guitarras de "Extraña habitación", "Bienvenido al final", "Que no"... a banda soou ben compacta, a voz tan ben coma sempre e boas cancións...
En definitiva, un concerto axeitado para neófitos e fans que ademais contou con invitados de luxo: os seus amigos de Amaral. Así, Juan Aguirre acompañou á guitarra practicamente en tódolos temas do concerto e, xa ben entrado o mesmo, Eva Amaral tocou harmónica e cantou con Xoel nunha máis que correcta versión da mítica "Perlas ensangrentadas" de Alaska y Dinarama.

Eu xa o levo vendo varios anos en concerto e non me canso. De feito sempre aproveito para recomendarllo a quen non acaban de quedar convencid@s polas gravacións do coruñés.
As fotos son do estupendo fotógrafo ferrolán Jorge Meis. Obrigado, monstro