terça-feira, julho 19, 2011

The Land of Opportunity: Siniestro Total + T.A.C. 15-xullo-2011

Até o de agora, asociabamos o festival Via Stellae principalmente a propostas de música clásica e antiga espalladas polo país a través de concertos en conventos, igrexas, monasteiros e outros lugares históricos. Mais este ano as cousas cambiaron no programa e boa proba foi o concerto do venres 15 no Auditorio de Galicia. A banda de rock galega Siniestro Total uníase ao Taller Atlántico Contemporáneo no espectáculo "Land of Opportunity", unha suite sinfónica suicida baseada nas composicións dos roqueiros, dividida en 3 actos e con desmadre final (este último fóra do programa).

Disque hai uns meses o TAC propuxo a Siniestro Total (re)crear unha selección das súas cancións nunha fusión de rock, música clásica e experimentación para o Vía Stellae 2011. Este tipo de achegamento non é unha novidade dentro do mundo do rock, pero tampouco é algo moi frecuente. O mesmo Julián Hernández mencionou na súa primeira intervención falada desde o atril que Frank Zappa (ben sabemos que un dos seus admirados) ou Can xa colaboraran, respectivamente, con Pierre Boulez e o Ensemble Modern o primeiro e con Stockhausen os xermanos. Dentro do pop xa poderiamos mencionar moitos máis exemplos de colaboración con orquestras de cámara, dado que as melodías son máis adaptables e teñen lugar máis decote. Aínda que se falamos de experimentación e reinterpretación no noso país, non podemos esquecer a notable colaboración de Germán Coppini (ex-Golpes Bajos) con O.M.E.G.A. (Orquestra de música espontánea de Galicia) nunha edición da "Semana da poesía salvaxe" ferrolá.

A proposta do director do Taller Diego García Rodríguez, o encargado de traballar nesta adaptación do repertorio da banda viguesa aos pentagramas foi Javier López de Guereña, coñecido para moitos polo seu traballo de moitos anos con ese soberbio letrista que é Javier Krahe. Mais a meirande parte do repertorio de Siniestro Total non é tan acomodable a unha formación orquestral e, de seguro, a banda tampouco querería precisamente edulcorado. Evidentemente, hai pezas como o "Himno do Lagares",
"Tumbado a la bartola", "Que les corten los huevos", "Balada de Cachamuíña e Pita" ou incluso "Quen me dera na casiña" que si podiamos albiscar con cordas e ventos, pero a maior curiosidade estaba en escoitarmos outras máis contundentes e tan fortemente gravadas nas nosas mentes como "Bailaré sobre tu tumba", "Ayatollah" ou "España se droga". As primeiras entraron ben, con facilidade e foron agradecidas. Nas segundas houbo de todo menos a seriedade que podería pedir o recinto.

Como ocorrería ao comezo de cada parte, unha pequena introdución-speech nesa liña sarcástico-irónica-irreverente-retranqueira de Hernández (de traxe, como todos os músicos) daba entrada á música dos dos 14 músicos da orquestra coa banda de rock situada detrás. Abriu "Himno do Lagares" a pouco máis dunha hora de música dividida en tres bloques de continium musical, onde arranxos "clásicos" unían varias pezas dos Siniestro. "¿Quiénes somos?, ¿De dónde venimos?, "A dónde vamos?" xa desconcertaba, pero deseguido "Tumbado a la bartola" funcionaba sen sobresaltos. Aquí xa empazabamos a notar que a parte vocal de Julián ía ser a parte frouxa da actuación. O único membro orixinario da banda segue a amosar nos concertos certa desidia ao comunicar inxeniosas letras como "Todo por la napia" ou "Amarrado al duro banco". Por certo, dalgunhas letras apenas se cantaba só algunha estrofa ou frase "Que les corten los huevos" (como na orixinal) ou "Miña Terra galega".

Entre os momentos máis salientables, as cordas e ventos a todo trapo en "Oye, nena, yo soy un artista", un "Ayatollah" repousado e acompañado de violíns, e a recuperación das súas escasas pezas en galego, como "Así a todo aínda menos mal", a máis recente "Quen me dera na casiña" e aquel himno galego alternativo "Galicia, gran carallo de sal" asinado por Os Cantores do Sil e que soou ante un auditorio en pé e coreándoo. Como sorpresa final, e fóra do programa, introdúcese a archicoñecida "Sinfonía nº 5 en do menor" de Beethoven e Julián Hernández quítalle a batuta ao director para que o grupo perpetre o "Roll over Beethoven" de Chuck Berry. A formación do TAC deixa o escenario con "aparente" desaire pero vai recoller unha pancarta coa que saír a felicitar aos roqueiros no seu 30 aniversario. O público, tan variado en idade como corresponde a un cancioneiro prolongado durante tres décadas, estaba tan entregado como desde o principio e aplaudía en pé. Como fixeran con aquel espectáculo “Cultura popular”, a banda necesita de cando en vez saír desa rutina de gravación de temas novos, xira de presentación do novo álbum e o repaso deses himnos populares que foron entregando co paso dos álbumes.

Como corresponde a unha cita especial, case ineludible e probablemente única, moi poucos sairían defraudados, porque alí iamos escoitar algo diferente, aínda que algunhas pezas foran "das de sempre" e custase vestidas con outras peles menos eléctricas e recoñecibles. Xa que logo, o resultado duns días de ensaio da banda de rock e o TAC na Illa de San Simón resultou satisfactorio para o público que dun xeito diferente quixemos festexar que unha das nosas bandas cumpre os seus 30 anos
.

As seguintes citas compostelás con este anovador Via Stellae serán o martes 19 co swing de The Ray Gelato Giants na Sala Capitol, o mércores 20 na Praza de Abastos co tributo ao "Kind of Blue" de Miles Davis a cargo do Xacobe Martínez Antelo Sexteto e o venres, de novo na Capitol, coa inusitada experiencia chamada Disco Barroco 2011: a mezzosoprano Magdalena Kozena, o contratenor Xavi Sabata, a Orq. Barroca de Venecia e o DJ Ln Riley.

Pepe Cunha, 19-xullo-2011

Etiquetas: , , ,

quinta-feira, julho 07, 2011

Vigo Tr4nsforma 2011, sábado 2 de xullo

A xornada do sábado xa comezaba ás 12 do mediodía no escenario gratuito Radio3-Mondosonoro con dúas propostas de corte clásico e efectivas: o rockabilliy de Dr. Gringo e o rock ao MC5 ou The Stooges de Foggy Mental Breakdown.
Deseguido, La Familia defenderon o pop intimista e por momentos naïve sobre experiencias cotiás do seu bo debut "Esto es normal". Por mor de problemas dun dos seus membros na viaxe, os Holywater perderon case dez minutos do tempo que lles correspondía, pero uns a priori escasos 25 foron abondos para amosaren as súas credenciais para tocar no escenario grande: enerxía a eito, indiscutible calidade interpretativa e unhas pezas intensas que non só enganchan aos afeccionados ao rock dos 90.

Por mor do necesario parón para un tranquilo xantar, que non por chauvinismo, perdimos as 2 bandas nos galegas e de cuxos directos nos falaron positivamente: Marcus Doo & The Secret Family e Odio París. A continuación, unha máis ca convincente actuación dos Igloo e uns Disco Las Palmeras! defendendo malia os fallos técnicos o seu potente debut noise "Nihil Obstat", que aínda vai dar que falar. Até daquela, pasadas as 6 da tarde, apenas lembrabamos o escenario grande, o que amosa que estivéramos ben entretidos no gratuito. A cancelación da xira dos Toro y Moi levou aos Colectivo Oruga a pasar a súa actuación ao feche do escenario pequeno, o que nos deixou tempo para unha pequena soneca antes de desprazarnos á explanada do peirao de trasantlánticos.

O día non fóra moi de praia, polo que a xente non tardou en chegar e Hola a todo el mundo xa contaron con bastante público. Malia teren que ter que abrir o escenario principal, conseguiron ser unha das bandas salientables do festival. Coa súa posta en escea (capas e caras pintadas) e o seu toque popfolk con retrousos tarareables e pingas de psicodelia logo engancharon ao público, que pareceu sofrer menos ca eles os fallos técnicos. “A Movement” foi clara comuñón banda-público. Son unha banda que acaen ben nun festival de distintas propostas musicais, convencendo a fans e neófitos.

Soe ser recomendable non crearse demasiadas expectativas nin positivas nin negativas e iso é o que fixemos algúns con Russian Red. A suma do éxito do seu primeiro disco e a consecuente atención mediática en torno a ela, o balbordo pola súas declaracións "políticas" a certo xornal, o seu paso a unha multinacional ou a gravación con xente da contorna dos Belle and Sebastian xeran moito ruído, pero neste caso houbo noces. Non imos dicir que moitas, pero si abondas para falarmos dun concerto correcto. As cancións soan ben con esta banda liderada polo omnipresente e sempre solvente Charlie Bautista (Amigos Imaginarios, Christina Rosenvinge, Nacho Vegas ...) e na que estaba tamén Manuel Cabezalí (Havalina). Mimbres interpretativos había e as cancións do novo "Fuerteventura" soaron ben, especialmente apoiadas nos coros. Ela falou pouco pero abonda unha frase para o escarnio: algo así como “Da gusto tocar aquí al lado de la playa". Seica as gafas coas que a relacionabamos (e tan presentes entre a audiencia) eran graduadas e o sábado non levaba lentes de contacto.


A potente banda do bretón Yann Tiersen soou máis achegada ao rock, como corresponde ao seu álbum deste ano desde "Amy" a "Fuck Me", pasando por "Palestine" ou "Dark Stuff". Este "Dust Lane" reflicte boa parte da amálgama de estilos que abrangue a súa proposta: avant-garde, jazz, música folk, minimalismo ou krut -rock (a súa camisola de Neu non deixa lugar a dúbidas). Para completar unha actuación que tivese momentos para cubrir diferentes expectativas tamén caeron clásicos como "La Terrasse" ou "Le Train". Ademais, e tal vez para eses despistados que seguen coa leria de “o da banda sonora de ‘Amélie’ e o violín”, tocou el só "Sur Le Fil".

The Pains of Being Pure at Heart con só dous álbumes son xa asiduos nos últimos anos na Península, incluída Galiza. De feito víramolos en Paredes de Coura e queriamos comprobar se creceran ao vivo, pois aquel bolo nos deixara un chisco fríos. Desta vez atopámolos motivadísimos, en especial ao cantante e guitarrista Kip Berman, que terminou baixando a saudar as primeiras filas e paseando a súa ledicia polo recinto. Desde o comezo, repasaron pezas potentes do seu repertorio como "This Love Is Fucking Right!" ou "Belong" e os máis fans non deixaron de bailar. Soaron impecables e moi bailables; outra cousa é a monotonía da súa proposta.

The Gift foron, como os Vetusta Morla a noite anterior, os grandes triunfadores da xornada. O seu directo foi impresionante, con Sónia Tavares dándolle ao público mostras sobradas da súa calidade coma cantante e frontwoman que non dá respiro ao público. A mágoa é o seu abuso do portuñol. Presentaban o recente álbum "Explode" con pezas que no directo funcionaron ben: "Let It Be By Me", "Made For You", "My Son" e mesmo se atreven con "The Singles", que no álbum pasa dos 12 minutos. Entre as antigas, "Driving You Slow" foi do mellor dun concerto que pola súa fastuosidade podería entrar na categoría de rock de estadio. Sen dúbida este Nuno Gonçalves ten un feixe de notables composicións que non se alonxan do gran público e menos aínda cando a súa banda as interpreta con esta contundencia.

Os belgas dEUS saíron tras a desbandada post-The Gift e diante dun recinto medio baleiro soaron como se esperaba e amosaron moi boa actitude. Que seguen en forma, por resumir. Xa presentaron temas do seu vindeiro álbum, pero foron pezas as contundentes "Suds & Soda" ou "The Architect" as que gañaron máis aplausos. A esa hora a maioría agradece contundencia.

A Colectivo Oruga tocoulles a lotaría coa cancelación da xira de Toro y Moi, pois foron elixidos pola organización para suplilos no feche do festival ben entrada a noite. Eran condicións máis acorde coa súa posta en escea e unha proposta musical de pop electrónico que as do escenario pequeno coa luz do día. Os galegos resultaron unha grata sorpresa para moitos coas pezas do seu único álbum “Too Many Knobs”, polo que podemos dicir que aproveitaron a súa oportunidade. Cousas do destino: de abrir o Sónar Galicia a pechar un par de semanas despois o Vigo Tr4nsforma. Veremos se seguen o seu crecemento.

O balance xeral do sábado foi superior ao do venres que, polo contrario, si contou con máis público. Como mencionabamos na primeira parte desta crónica sobre o festival, a resposta de público semella asegurar unha terceira edición. Veremos agora o cartel que se consegue formar e cales son esas bandas necesarias para acadar unha importante afluencia de público que garante a continuidade. Artistas de calidade hai abondos, pero xa sabemos cómo é o público e canta é a competencia festivaleira.

máis fotos no facebook de Ábrete de orellas


Pepe Cunha, a 8 de xullo de 2011

Etiquetas: , , , ,

Vigo Tr4nsforma 2011, venres 1 de xullo

No 2010 o Vigo Tr4nsforma entrou con forza no circuito de festivais de verán. Agora na segunda edición, e coa tan manida crise en mente, tocaba polo menos manter o conseguido e asegurar a continuación. Coa perspectiva duns días e á vista do número de asistentes e a repercusión mediática, pola organización seguramente non vai faltar unha terceira edición. Todo isto falando no que respecta ao prato forte do festival, é dicir, os concertos concentrados en tres días, porque desde o día 23 tiveron lugar máis actividades. Unha dificultade organizativa podería ser confeccionar outro cartel no que figuren bandas con tirón sen saír dunha proposta musical encadrable nuns parámetros indie. Mais hai alguén que os poda ou queira delimitar? Desde a nosa óptica, cantos menos prexuízos mellor.

As bandas galegas, e incluso algunha das cabezas de cartel con relación galaica (Vetusta Morla e The Gift traballan coa produtora viguesa Esmerarte), ocupaban a maior parte do cartel. De feito, xa na máis curta xornada do xoves eran as formacións viguesas The Blows e Elodio y los seres queridos quen precedían a un nos dos grandes nomes: Moby. Por motivos laborais non puidemos achegarnos o xoves, así que falaremos desde o venres.

As actuacións comezaron xa na sobremesa no escenario gratuito patrocinado por Radio3 e Mondosonoro. Alí sucederíanse actuacións breves (30' aprox) e maioritariamente de bandas galegas que chegaron a contar cun público que foi subindo dunhas ducias até un par de centos no mediodía do sábado. Tras Dixie Town, Glassonion e uns animosos e bailables Martynez, cómpre salientar as actuacións de Jane Joyd e Maryland. O proxecto da fisterrá Elba (co seu escudeiro Xulio á batería) segue a xustificar bolo tras bolo que a súa vitoria no Proyecto Demo non pode quedar en anécdota. A continuación, a banda viguesa defendeu con enerxía nas guitarras e melodías pop o seu segundo disco "Get Cold Feet".

O escenario grande abriuse coa puntualidade do festival ás 7:30 cos brasileiros Do amor, unha formación ben nova que entretivo pero non como para xustificar toda unha viaxe europea que, por certo, tamén os inclúe no Cultura Quente. O seu é un pop-rock sen grandes complicacións pero coa súa pinga de tropicalismo, psicodelia ou noise. Temos visto bandas con maior potencial e merecedoras de darse a coñecer por estes lares, pero se a promotora apostou por eles, as súas razóns terán. Que non nos pareceron para tanto, para resumilo.

A de Ron Sexsmith era unha das actuacións máis esperadas por un sector do público talvez minoritario nun gran festival pero que cae rendidos ante a escola pop de grandes mestres como McCartney, Costello ou Davies. O canadiano hai anos que foi recoñecido polos mencionados e o seu recente disco “Long Player Late Bloomer” antóllasenos unha colección de cancións producidas para acadar un público máis maioritario sen facer concesións ao peor mainstream. Só contaba con 45 minutos pero chegáronlle para ofrecer un recital tan delicioso que conectou co público que lle prestou un mínimo de atención e acabou por gañar o recoñecemento unánime. Unha pequena mágoa ese plus de forza que daría o guitarrista que a noite anterior deixou a xira; seica por outros compromisos contra os que Ron non podía competir económicamente. A banda interpretou desde pezas antigas como a marabillosa “Secret Heart” a recentes como “The Reason Why”, “Get In Line” ou “Love Shines”. Sinxelo e agradecido pola sangría que lle deu a organización e por un público que bailou brazos en alto algunha das súas pezas máis tranquilas, protagonizou unha das anécdotas do festival ao interpretar as primeiras estrofas do "Eres tú" de Mocedades (lembremos que no seu día en Norteamerica esta peza chegou moi moi alto nas listas de popularidade). Esperemos que volva pronto a un teatro ou unha boa sala para gozar das súas fermosas composicións.

Catpeople saíron moi motivados por volver á cidade de orixe de varios dos seus membros e defenderon con nota o crecemento da súa proposta. Porque tras dous correctos álbumes, dos que recuperaron a irresistible “Radio”, “Coohagen”, “In Silence’ ou “Mexican Life”, o seu terceiro disco “Love Battle” amosa un crecemento estilístico e resulta un bo repaso ao pop que desde a perspectiva indie triunfou nos últimos anos: Vampire Weekend, Animal Collective, The National ... O público respondeu á actitude entregada e a solvencia do sexteto para completar un dos concertos dos que mellor recordo gardaremos. Coma frase prescindible: unha malsoante, pero perdoable, “esta es nuestra puta casa”.


Xoel López atópase nun momento complicado de transición, pero a súa traxectoria e a súa pertenza á escudería Esmerarte segue a darlle visibilidade en directo (lembremos La Caravana Americana, por exemplo) mentres agardamos o disco post-Deluxe. Como é normal, boa parte do público espera aquelo do que el xa escapa nunha respectable loita por reinventarse ou crecer coma compositor. Xa que logo, preparou un repertorio no que interpretou -presentacións incluídas con frecuencia en galego- esas composicións resultantes da súa estancia máis anónima polas Américas como “Caballero”, “Joven poeta”, ou “De palabra y arena”, pero non tan inmediatas como as que rescatou da súa última etapa coma “Historia Universal”, “A un metro de distancia” ou “Pájaros Negros”. Sempre acompañado de solventes músicos e desta vez quixo sorprender ademais aos coros con tres das compoñenentes de Faltriqueira, unha xogada que lle saiu bastante mellor na segunda aparición delas, máis rebaixada no volumen desde a mesa de son e desde o escenario por elas mesmas. Seica non se probara o suficiente. Irregular.

A nutrida formación de Cardiff Los Campesinos! prometía ser unha das propostas máis interesantes pola instrumentación e o seu pop cheo de cor, pero a sensación tras o seu concerto foi a de espesura, algo tediosa tras un prometedor comezo coa canción que tamén abre o seu terceiro álbum: “In Medias Res”, que foi o mellor xunto coa parte final: “You! Me! Dancing!” e “Sweet Dreams, Sweet Cheeks”. Bo comezo, mellor final, pero non moi aló na parte central.

Vetusta Morla cumpriron con creces a súa condición de cabeza de cartel e gozaron da maior minutaxe das bandas participantes. Non foi difícil constatar que gran parte do público viña exclusivamente por eles porque durante a súa actuación non se prestou atención a outra cousa e os asistentes se concentraban masivamente fronte ao escenario e aos lados da mesa de son e luces. Poderiamos dicir que tiveron un rol semellante aos de Love of Lesbian na edición do ano pasado: atraer por si mesmos miles de asistentes (disque chegamos aos 7000 esa noite). Tanto o público fan como o escéptico -ou simplemente pouco interesado- rendímonos á súa profesionalidade: entrega total, interpretación intensa e son impecables. Coma proba do seu perfeccionismo, un técnico que cun portátil ecualizaba o son desde diferentes lugares da explanada. O seu tirón pode ser merecedor de análises sesudas ou frívolas pero, gustos e prexuízos musicais aparte, a plasmación do seu produto no directo non ten mácula. O seu recente “Mapas” foi repasado case ao completo e de “Un día en el mundo” soaron entre outras “Copenhague”, “Sálvese quien pueda” ou “Valiente”, coa inmediata resposta do público.

Tras a fuxida desa gran maioría que non aproveita a oportunidade para escoitar outras bandas, pecharon os canadianos Junior Boys cunha proposta electrónica, melódica e bailable. Así, segundo as forzas nos respectaban, quen alí quedamos entregámonos en maior ou menor medida ao pracer dun baile relaxado, porque o trío non é que nos provocase desenfreo. Case mellor, porque o programa do sábado anunciábase ben longo.

máis fotos no facebook de abretedeorellas

Pepe Cunha, 7 de xullo de 2011

Etiquetas: , , , , ,