segunda-feira, novembro 24, 2008

Stereolab: referentes do indie. Pontevedra. 21-nov-08


Á terceira foi a vencida e por fin puiden achegarme a un concerto de PECADOS, o meritorio ciclo de músicas prohibidas argallado pola xente de SinSalaudio. Tras o DÚO DUTHYRAMBE e TOUMANI DIBATÉ, chegaban os británicos STEREOLAB.
Mais a velada abriu con media hora de actuación de THE WEEK THAT WAS, quen non chegaron a quentar o ambiente a pesar da súa interesante proposta. Nunha tensión constante entre a percusión e os elementos melódicos, Peter Brevis (líder da formación ao piano e a guitarra e membro da banda Field Music) constrúe cancións de precisa arquitectura e ar nostálxico.



Porén, é de sobra sabido que non é labor doado acadar un chisco da predisposición que o público ten reservada para a banda protagonista e menos con esas primeiras ringleiras baleiras. Seica estarían reservadas pola concellería de cultura, co-organizadora do evento, porque as entradas estaban case que todas vendidas. Para quen tamén íamos coma fotógrafos, estupendo pola comodidade, mais algunha xente podería terse achegado ao escenario aínda que o son chegara perfectamente a todo o recinto.

Ás 10 en punto saíron a escena os STEREOLAB cunha formación de batería, 2 teclados (un deles tamén con xilófono ou vibráfono), baixo, Tim Gane á guitarra deixando protagonismo á outra cabeza da banda, Laetitia Sadier, na voz, un pequeno teclado e efectos. Na case hora e media de concerto houbo varios momentos dunha intensidade especial, crecente con respecto das gravacións de estudio. Non precisan de, e seguramente nin queren, trucos ou artificios para engaiolar ao público. Aparte duns contidos bailes da frontwoman e poñer o volumen razoablemente alto, o deles é concentrarse en interpretararen a súa proposta musical e que esta chegue a quen estean dispostos a escoitala. Pensen en feedback, certo eco nas voces, o corpo que aportan os dous teclados, unha base rítmica e unha guitarra contundentes e ben marcadas, o son de The Velvet Underground, My Bloody Valentine ou Sonic Youth e poden facerse unha idea do que alí soou.
Con estes ingredientes, cociñados sobre as cancións que repasaron da súa prolífica discografía, amosaron que tamén ao vivo poden ser unha das bandas de referencia. Si, referentes da escena indie na dúas últimas épocas, sobrados de calidade mais alonxados das grandes vendas ou a repercusión mediática. Así, STEREOLAB encaixa no ciclo Pecados: propostas que precisan da complicidade do ouvinte para que se compartan e se vivan; se non, non se aprecian. Isto non é ruído de fondo, músicas de consumo fácil. Xa que logo, son “músicas prohibidas” por ou para as masas.

THE RESIDENTS será a cita derradeira e obrigada, especialmente para os ouvidos, os ollos e, en xeral, as mentes máis inquedas. Tomen nota: o martes 9 de decembro e tamén ás 21 h. e no Pazo da Cultura de Pontevedra.

Un sáudo aos compañeiros de viaxe Fátima e Suso
e os agradecementos a Aurelio e, por extensión, á xente de SinSal.


PEPE CUNHA 24-nov-08

Etiquetas: , , ,

segunda-feira, novembro 03, 2008

Lapido, un deus da poesía eléctrica


Xa tiña un servidor ganas de reencontrarse con Lapido tras aquela actuación na última etapa dos 091 na sala Número K. Alá polo 95 a mítica banda granadina presentaba o seu derradeiro album en estudio para un ano despois fechar a súa carreira. Pouco despois, e coincidindo coa fin de século, o compositor e guitarra dos Cero iniciaría esa carreira en solitario que por fin o achegou a Santiago este sábado. Sen dúbida non había mellor excusa que un ciclo coma o VerBo Rock para incluír este poeta do rock en castelán que é José Ignacio Lapido.

Había arredor de media entrada na estupenda sala Capitol para escoitar non só as cancións do seu cuarto longa duración en solitario, senón tamén un repaso pola súa discografía e algunha lembranza dos 091. Finalmente as expectativas cumpríronse dabondo porque ademais dese completo setlist, Lapido está en forma e acompáñase da mesma banda que gravou o magnífico “Cartografía”. Catro músicos máis da escea granadina (a base rítmica sólida de Paco Solana no baixo e Popi González á batería e tamén acompañando efectivamente ás voces, Víctor González pasándoo magnificamente coa guitarra e Raúl Bernal aportando textura desde os teclados) arrouparon tan atinadamente ao protagonista que sonaron coma unha banda ben compacta, malia non estaren inmersos nunha xira ao uso.

Ademais de repasar practicamente enteiro "Cartografía", Lapido recuperou en case dúas horas, sen pausa nin distraccións, anteriores momentos da súa discografía como "Demasiado tarde", "Me voy", “La antesala del dolor”, "No queda nadie en la ciudad", "Luz de ciudades en llamas", "Roto", “No digas que no te avisé”, “De espaldas a la realidad” ou “Más difícil todavía”. Dos 091 recuperou e adaptou á súa etapa actual "Zapatos de piel de caimán" e, xa nas dúas tandas de bises, "Sigue estando Dios de nuestro lado", "La noche que la luna salió tarde", "Esta noche" e "¿Qué fue del siglo XX?”. Poucos poden ofrecer máis.

A quen non foron ou queiran lembrar os moitos bos momentos, recoméndolles o especial de Lapido en http://www.indyrock.es/, con imaxes do concerto na sala granadina El tren o pasado día 18.

Nestes tempos de tanta mediocridade ensalzada, Lapido é máis necesario ca nunca, porque se do que se trata é de ter boas cancións e defendelas no directo, o granadino amosouse coma un referente no panorama rock español. Sobriedade, profesionalidade, complicidade e entrega sen máis fogos de artificio ca unhas magníficas letras envoltas por un son clásico e alleo a modas.

PEPE CUNHA 3-outubro-08


Etiquetas: