segunda-feira, fevereiro 16, 2009

Exquisitez pop. TINDERSTICKS na Sala Capitol, 11-feb-09


Noite de mércores en Compostela para unha desas citas que congregan aos amantes da música pop máis elegante. Esa descoñecida para os que non entenden que nos acheguemos desde diversos puntos do país no medio da semana laboral. Mais o cansazo do día seguinte vai acompañado dun sorriso de satisfacción.


Abría o irlandés David Kitt foi puntual e aproveitou a boa entrada da sala para presentarse coa súa guitarra e as súas bases lembrando convincentemente a unha sorte de Jorge Drexler anglosaxón. Mais como era normal, estabamos máis pendentes da cita coa banda protagonista, a que si conseguiría manternos nun silencio case completo.


Tivemos que agardar até as dez menos cuarto para comprobarmos que a banda británica segue a estar en forma. Sen dúbida, os trocos na banda non afectaron á filosofía da mesma: os sutís arranxos, a distintiva voz de Stuart Staples e esa atmosfera tan envolventemente cinematográfica que crean. David Boulter no teclados, Neil Fraser na guitarra e Staples son a base dunha formación que se acompaña de baixo, batería e ventos e cordas para, tras 5 anos sen material de estudio, regresar cun “The Hungry Saw” que recuperou o nivel das súas mellores entregas nos 90. Deste sétimo álbum fixeron un bo repaso (“Yesterdays Tomorrows”, “The Hungry Saw”, “The Turns We Took”, The Flicker of a Little Girl”, “Boobar Come Back To Me”…) e, como non podía ser menos, regalaron varios clásicos da banda, como o recitado “My Sister” nos primeiros bises ou o “Tiny Tears co que pecharían tras seren aclamados polo público e saíren por segunda vez.


Durante máis de hora e media, o carismático Stuart Staples non deixa de cantar cada sílaba, entregándose totalmente na súa interpretación e cunha seriedade allea ao resto da banda, que si comparte sorrisos cómplices. Se cadra sabiamos o que nos íamos atopar: “só” unha densa e engaiolante música e uns “thank you” e “thanks” entre os sentidos aplausos premiando a interpretación. As gravacións dos temas dos Tindersticks non son doadas de plasmar no directo, e menos nunha sala, por moi bo son que ten a Capitol, mais saíron airosos con bastante solvencia e a axuda dun competente par de músicos aos ventos, o violonchelo e tamén ás teclas.


Si, entre a audiencia houbo algún despistado falando de cando en vez a máis volume do comprensible, pero foron case anecdóticos eses que ían por figurar nunha cita desas obrigadas para moverse entre os “in”. A maioría gozamos case absortos dun luxo musical nunha sala que estivo á altura.


Pepe Cunha 15-feb-09

Cubrir o expediente. THE WAILERS no Multiusos do Sar, Compostela, 14-feb-09

THE WAILERS no Multiusos do Sar, Compostela, 14-feb-09

O Multiusos do Sar encheuse nunha noite de sábado para ver a The Wailers. A metade de semana, falábase de 2000 entradas vendidas, mais seica o bo tempo e o razoable prezo das entradas contribuiu a cubrir toda a pista e a pequena bancada frontal habilitada para o concerto.

Tras uns teloneiros infumables (e miren que alí o fume estaba asumido) que se resistían a marchar, The Wailers presentáronse nas táboas preto das 11 menos cuarto, ante un público variopinto e entregado. Alí había desde xente xa ben madura ata unha maioría ben noviña pois a proposta que internacionalizou Marley non pasa de moda. Sumen o contaxioso ritmo do reggae, certas características do movemento rastafari (léase marihuana e “buenrollismo”) e o nome máis recoñible para o gran público e teñen unha resposta tan ampla como a desta ocasión que nos ocupa.

Todo apuntaba un éxito e máis confirmando que hai tempo que quedaron superadas as críticas ao son do Multiusos.


Porén, e centrándonos xa no estrictamente musical, para os seguidores da traxectoria do Marley e a súa banda, o concerto resultou simplemente correcto. Non foi debido a un demérito musical da banda, nin moito menos, pois abondaba a competencia desde o salientable Elan na voz principal até as dúas mulleres aos coros, pasando polo baixo, batería, guitarra e dous ventos. Se cadra, o teclado foi a nota discordante, cun son por momentos chiante e abusivo. Como era de agardar, unha banda máis competente e case á altura do mito, polo que a parte da interpretación non coxearía. Outro tema era a escolla do setlist, porque aínda que un servidor é dos que prefiren escoitar o que á banda lle apeteza tocar, tamén critica calquera aceno de deixadez.



Do rico cancioneiro de Bob Marley, aproveitaron o 30 aniversario do álbum “Exodus” para interpretalo case que integramente (coido que só faltou “Guiltiness”). Ninguén pode cuestionar a valía de temas como “Jamming”, “Three Little Birds”, “So Much Things to Say”, “One Love”, “Exodus”, “Natural Mystic”,”The Heathen”, “Waiting in Vain” ou “Turn Your Lights Down Low”, mais “Exodus” non é o mellor disco de Bob Marley and the Wailers. Si será o álbum máis comercial e asequible, ese que reflicte o lado amable do mito do reggae, mais faltou a variedade que puideron aportar as cancións máis combativas. Álbumes tan grandes como “Catch a Fire”, “Burnin’” ou “Uprising”, merecían presenza. Porque non soaron “Get Up, Stand Up”, “I Shot the Sheriff”, “Them Belly Full” ou “Rat Race”, mais si “Redemption Song”, “Punky Reggae Party” ou “Is This Love?”, quedando o concerto do sábado na corrección.


Porque moitos non entendimos que quedasen nunha escasa hora e media e non atacasen unha segunda quenda de bises cun “Could You Be Loved?” que deixase mellor sabor de boca.


Pepe Cunha 16-feb-09

Etiquetas:

segunda-feira, fevereiro 09, 2009

Steve Wynn and the Dragon Bridge Orchestra na sala Mondo, Vigo. 5-febr-09

Tratábase dunha ocasión excepcional. Se xa o seu último disco espertara unánimes opinións positivas, nesta xira por cinco cidades españolas Steve Wynn acompañouse dunha formación especial para a ocasión: a Dragon Bridge Orchestra. É de xustiza repasar a formación que ía plasmar no directo as brillantes novas composicións e algún clásico da súa ampla carreira: o violinista Josh Hillman, Erik Van Loo no baixo e contrabaixo, Linda Pitmon na batería, e o ex-Green On Red Chris Cacavas nas teclas e nunha segunda guitarra.


A noite era tremendamente
desapacible e a ida e volta a Vigo en semana laboral animaba a ficar na casa, mais deseguido sentimos que o esforzo pagaría a pena. Ás 11, unha hora por riba do horario previsto, e ante unhas 200 persoas nunha cómoda sala Mondo, abriron coa “Slovenian Rhapsody” e seguiron repasando as intensas pezas do rico “Crossing Dragon Bridge”. A cotío, as novas cancións son unha excusa para saír de xira e vanse inxertando entre temas máis recoñecibles. Mais neste caso, a variedade estilística e a alta calidade do novo disco case converte nunha anécdota, nun plus, os clásicos de Dream Syndicate.

Non era necesario ser un seguidor desa banda, que os había, senón deixarse levar pola profesionalidade e honestidade dun deses songwriters que creceron desde a escena underground. Steve Wynn non vive de rendas, non necesita tirar de pezas da banda que o deu a coñecer, e mesmo o público recibe cancións como “Medicine Show” ou “That´s What You Always Say” sen présa, como a guinda dunha saborosa tarta cuxos ingredientes principais son os temas recentes. “God Doesn’t Like It”, “Manhattan Fault Line”, “Love Me Anyway”, “Punching Holes in the Sky”, "Bring The Magic" brillan de seu. Iso si, no apartado bises endureceu o son con moita enerxía e clase para completar 100 minutos de concerto: "Amphetamine", "Carolyn", "Annie and Me" e o "Human Fly" dos Cramps e un “Viva Lux Interior!” coma derradeira frase desde o escenario.


Un gran tipo o Steve Wynn, todo un poeta do rock. Accesible, agradecido, educado, sorrinte, elegante, atento con tódos os membros da súa banda, que baixa a tocar entre o público sen recorrer a poses. Formidable concerto, vibrante, intenso, coa única mágoa de que o violín non tivese máis presenza. Recomendo visitar o seu diario na web. Non é un estadounidense ao uso.
http://www.stevewynn.net.

Pepe Cunha 8-feb-09

Etiquetas: