quarta-feira, janeiro 27, 2010

lembramos a Emilio Cañil, fundador de Discoplay

Que persoa de máis de 25 anos e medianamente interesada na música non lembra o Discoplay?
Para moita xente en España, recibir na casa o BID (Boletín Informativo DiscoplaY) era todo un acontecemento. Nese momento, comezaba todo un proceso: deseguido botarlle un ollo, despois repasalo unha e outra vez, ir comentando cos amigos, argallar pedidos comúns, aproveitar os descontos progresivos, compartir gastos de envío, recortar as portadas dos discos para decorar as carpetas, agardar pola chegada do paquete precintado e comezar a gozar dos produtos mercados, xa fosen vinilos, K7s, camisetas ou algún póster.

Se cadra, quen chegastes a este vicio da música cando xa estaba internet -coas webs tipo Amazon ou e-Bay e as descargas gratuitas- non o entenderedes, mais quen non tiñamos acceso a moitas tendas especializadas, dependiamos en boa medida do Discoplay, cun bo catálogo ou prezos máis asequibles.

Agora que voltei das vacacións atopei a triste nova da morte de Emilio Cañil, o fundador desta tenda, e debo recoñecer que case cae algunha bágoa coas lembranzas de episodios da adolescencia.

Coma merecida homenaxe, recoméndovos un interesante texto de Adrian Vogel e os comentarios de "Otros como yo" (si, tamén merquei material dos 091 en Discoplay).

A nova e o artigo en EfeEme.

Grazas, señor Cañil, polo moito que fixo pola música en este país

Etiquetas:

quarta-feira, janeiro 20, 2010

Xoves 21 de xaneiro de 2010, “Paremos o decretazo contra o galego”


Desde Ábrete de orellas, apoio a manifestación de mañá xoves día 21 contra o Borrador do Decreto para o Trilingüismo no ensino:

- porque non me cabe na cabeza que se poda ser tan ousado como para rexeitar tan á lixeira a Lei de Normalización Lingüística, un exemplo de acordo entre as 3 forzas políticas con representación parlamentaria cando o actual Presidente da Xunta era Vicepresidente. O goberno anterior sacou un decreto para cumprir esa lei, cousa que non se estaba a facer. Se iso é crear un conflicto…

- porque me parece unha mostra total de irresponsabilidade trasladar aos pais e a comunidade educativa esa pataca quente. Esa confrontación que cociñou o PP durante a campaña electoral coa colaboración de canles de información de carácter nacionalista español. Canles non só de fóra de Galiza, pois aquí hainas ben acomplexadas e/ou interesadas. Sen dúbida, esa é a idea de España que rexeito: a imperialista, a mentirosa, falsamente unificadora, insensible ou irrespectuosa cara ao que non entende ou non quere entender. Seica recuperamos complexos que algúns, ilusos, pensabamos reducidos.

- porque (e isto vai adicado ao sumo opinador de La Coz a Galicia que tan perseguido está polo nacionalismo, periférico, claro está) aínda que talvez o xeito “formal” de tratar o galego que emprega o actual goberno non sexa exterminar directamente a lingua, hai moitos xeitos de librarse deste problema. Léase, arrinconando, prexuizando ou desprestixando. Recoñezo que me dá bastante noxo o neopijismo urbano que denosta o que vén do rural, que curiosamente sempre foi o núcleo principal de resistencia do galego. E falo de resistencia ante a abafante presenza do castelán na nosa vida cotiá.

- porque unha maioría escasa (+1) de parlamentarios non ten o dereito moral para equipararse a unha maior oposición (cómpre poñerse á altura e decir que os partidos que puxeron en práctica o decreto en vigor acadaron máis votos?).

- porque non me podo fiar dun goberno que actuou covardemente ao presentar esta trapallada do trilingüismo ás 19h do 30 de decembro. Máis aínda, un goberno que ten coma portavoz e altos cargos a políticos que se manifestaron canda ese grupúsculo falsamente bilingüe e que nunca merecería nin 2 minutos nuns medios de comunicación normais. Fóse por sentir o que alí se pedía ou por obter unha puñada de votos, compartiron espazo con xente da Falanxe e buses vidos doutras partes de España. Por que?



Por pedir que non quede:

- que escoiten (non chega con ouvir) a quen saben,

- que rectifiquen a pesar de non ser sabios,

- que cumpran coa lei e o estatuto de autonomía,

- que asuman as súas funcións en troques de trasladar o problema que eles crearon, e a responsabilidade de solventalo, a centros educativos e proxenitores.

- que deixen de mentir sobre os moitos colectivos defensores do galego, pois non son só "nacionalistas" ou "extremistas",

- que promovan a normalización no uso do galego e practiquen o exemplo, pois hai conselleiros que cobran do pobo e son analfabetos en galego.

- que manteñan o galego coma requisito para traballar nas institucións públicas do país,

- que non usen o inglés como bote de fume e si fagan o esforzo de reducir o número de alumnos nas aulas desa materia,

- que inclúan portugués no ensino secundario (non é un absurdo que estea máis fomentado en Estremadura?)



Un mínimo sobre o que comezar a mellorar o noso sistema educativo sería conseguir a verdadera competencia nas dúas linguas. Xa que logo, non podemos baixar dun mínimo de 50 % en castelán -50 % en galego, pois son as dúas linguas oficiais. Si, mais falemos de “mínimo”, porque está ben claro cal está en clara necesidade de ser potenciada: o galego é a nosa lingua propia e non vive nunha situación normalizada. Por normalidade entendo que o emprego dunha lingua non estea condicionado por contextos ou eidos, senón pola mera escolla do individuo. Porén, para escoller hai que saber. Que liberdade hai sen coñecemento?

Pepe Cunha,

responsable de Ábrete de orellas.com,

licenciado en Filoloxía Inglesa,

galego de contexto urbano,

educado en castelán,

neofalante desde hai moitos anos e

estudante doutras linguas.

terça-feira, janeiro 19, 2010

Dominique A, enérxica delicadeza. Teatro Colón, A Coruña. 16 xaneiro 2010


A cuarta edición do ciclo Vangardas Sonoras abriuse o pasado sábado “comme il faut”. Dominique A encheu o Teatro Colón da Coruña e cumpriu coas expectativas ofrecendo un concerto magnífico.
Como é previsible nun artista que xa visita a Península con regularidade, traía un novo disco coma eixo do seu tracklist. Aínda que hai casos no que unha maioría de pezas novas pode baixar a intensidade do concerto, nesta xira iso non semella acontecer. Aparte do xa notorio cancioneiro do señor Ané, “La musique”(2009) é un dos seus mellores álbumes e permitiuse interpretalo prácticamente na súa totalidade. Pezas como “Hasta que el cuerpo aguante” ou “Immortels” conservaron nun son menos pulido a súa forza emocional. Porén, non quedou no recente nin nas pezas máis celebradas, senón que coidou aos máis eruditos na súa obra ao colocar con naturalidade pezas do máis experimental “La matière”(2009) -"Valparaiso", "Bel animal", “Il ne dansera qu’avec elle”, "L'entretemps" e "Dans l'air"- e dúas das versións incluídas no EP “Kick Peplum”: “Manset” e “Gisor”. Obviamente, non faltaron clásicos do repertorio como “Revenir au monde”, “Le commerce de l’eau”, “En secret” e o clímax nos bises con “Antonia”, “Le 22 bar”, “La peau” e “Le courage des oisseaux.”


Cunha instrumentación de 2 guitarras, batería, sintetizadores, bases, efectos e unha voz que ía gañando forza, o cuarteto ofreceu 100 minutos dun son compacto, potente, no que todo estaba no seu sitio unha vez que baixaron un chisco o volumen dos sintetizadores. A execución foi impecable e o Colón rendeuse a un rock de corte escuro, de electrónica directa, pouco sofisticada, de guitarras cortantes e ritmos moi marcados, por momentos obsesivos na procura progresiva desa intensidade à la Joy Division. Si, revivimos eses 80 ásperos do post punk, pero non faltaron achegamentos á electrónica dura, ao trip hop, a chançon francesa (porque “también podemos ser menos brutos”, como dixo da súa banda) e un final apoteósico de discoteca after-punk ao ritmo de “Le courage des oiseaux”. A conexión foi total entre os músicos e un público (“damas y caballos”) entregado cuxos aplausos sempre agardaban a fin da última nota para agromar. Iso si, nas últimas pezas as butacas xa estaban de máis.

Talvez quedou un chisco por baixo da súa visita anterior a outro salientable ciclo coma o compostelán “Sons da Diversidade”, pero xa saben que a memoria tende a esaxerar os bos recordos. Nesta xira, se Dominique A quería ofrecer un concerto acaído para fans da súa obra e afeccionados en xeral, conseguiuno. E iso non está á altura de moitos.
Pepe Cunha 19-xaneiro-2010

Setlist completo grazas ao colega Xavier Valiño:
Le sens, Il ne dansera qu’avec elle, Les garçons perdus, Revenir au monde, Qui est-tu?, Manset, Hasta que el cuerpo aguante, Le commerce de l’eau, La musique, Sous la neige, Le bruit blanc de l’été, En secret, Bel animal, Je suis parti avec toi, La fin d'un monde, Valparaiso, Immortels, Nanortalik, L’entretemps
, Gisor, Antonia, Le 22 Bar, Dans l’air, La peau, Le courage des oisseaux.

Programa completo ciclo VANGARDAS SONORAS de Caixa Galicia:
sábado 16 xaneiro. A Coruña. Teatro Colón.20:30h. 15 €
DOMINIQUE A

sábado 23 xaneiro. Vigo. Teatro Salesianos. 20:30h. 10 €
GIANT SAND

sábado 20 febreiro. Ferrol. Fundación Caixa Galicia. 21:00h. 10 €
THE DUKE AND THE KING

xoves 11 marzo. A Coruña. Auditorio Fundación Caixa Galicia. 21:00h. 10 €
THESE NEW PURITANS

sábado 13 marzo. Ourense. Teatro Principal. 20:30h.
ANNI B. SWEET

sábado 17 abril. Pontevedra. Auditorio Fundación Caixa Galicia. 21:00h. 10 €
ALONDRA BENTLEY

xoves 20 maio. Santiago de Compostela. Aula Sociocultural Caixa Galicia. 21:00h. 10 €
CASTANETS + Artista invitado
entradas á venda na billeteira de Caixa Galicia e no teléfono 902434443.