sábado, agosto 19, 2006

Faltriqueira no Festivrán: que toquen máis polo país!!


Aínda non vira nunha actuación con banda ás miñas queridas e case veciñas Faltriqueira. Semella mentira. Ou non, pois case non tocan por Galicia. Alomenos non todo o que onte amosaron que merecen.
Un xa tiña ganas de escoitar
en directo o contido dos seus dous discos e ver como se desenvolven sobre as táboas. E a situación era algo estrana, pois tocaban "na casa" con familiares e veciños maioría entre o público. Unha mistura de nerviosismo, familiaridade, responsabilidade e gañas de agradar que solventaron con éxito. A noite estava chuviosa pero a xente non marchou.
A pesar dos problemas que tiñan co son e os pequenos paróns motivados polos convidados (coro de nen@s e membros da formación folc local Iriadona), o concerto tivo ritmo e agradecuese o toque visual do mesmo coas catro vocalistas bailando e aportando percusión. Ir alternando os temas máis directos ("Corpiño xeitoso", "Fatuo yo", "Sum sum"...) con outros de máis sosegado disfrute ou apreciación (como "A herba de namorar") é chave para completaren un concerto ameno. E elas sábeno e coidano. Que incluso disfrutando do repertorio @s asistentes queden con gañas doutros xa é sinal de que teñen onde escoller.
Nesta ocasión
tivo que ser o colectivo local Treme a Terra quen fixera un pouco de xustiza e propiciara a oportunidade de disfrutar do xogo de voces e a cercanía das Faltri na primeira edición do Festivrán (Festicultores Troupe, Iriadona e Dios que te crew completaban un bo cartel para unha primeira edición que, tras o éxito, confiamos teña continuidade).
Cómpre facer algo para que con máis concertos saibamos o que temos: tradición e renovación.

Felipop 2006: Señor Mostaza triunfan e Paul Collins cumpre coas expectativas

No aperitivo do xoves en Casa Ardá, Niño y Pistola gañáronse público novo e confirmaron con creces as expectativas espertadas polo seu debú, pero a proposta máis melancólica dos Burgas Beat non superou a conversación do público que se reencontra nesta cita estival.
No atractivo venres, Annie Hall tiveron a difícil tarefa de abrir e resultaron "nin fú nin fá", mais apuntaron maneiras que intúo hanse plasmar en boas cancións. Señor Mostaza sinxelamante arrasaron, co pianista, vocalista e compositor Luis Prado á fronte. As magníficas cancións que xa disfrutaramos no disco víronse correspondidas dun magnífico e impecable son. O proprio Luis comentoume que levan poucos concertos "grandes" e querían asegurar levando técnico proprio, neste caso un habitual dos M Clan, banda que en directo soa magnífica. Por resumir vínculos, mencionar que Luis participara na gravación do estupendo "Sin enchufe" da mencionada banda e que o productor de "Mundo interior" é Carlos Raya, o ex-Sangre Azul que desde hai uns anos é guitarra nesa banda e fai destacables traballos de producción, como para Quique González.). Que traca final coa versión de "Waterloo" !
A anécdota desta edición foi, sen dúbida, Litto Nebbia. Nun principio partía coma esa delicatessen, unha desas oportunidades únicas que adoita programar o Felipop, pero quedouse en espantada. Só con acústica fronte ao máis que murmullo do público, tras catro cancións marchou (sen que a maioría se enterara de que aparecera e encomezara a tocar) agradecendo o tratamento da organización. Xustificouse brevemente dicindo que nin se escoitaba ben nin era o sitio máis axeitado para a súa proposta. Ectoplasma o venres e Rumor !!! o sábado merecían mellor son, pero amosaron formacións solventes e curtidas e o máis importante: cancións realmente boas que gañaban a atención do público.
Bang 74 cumpriron abrindo un sábado máis cañeiro e amosaron que cada concerto van a máis.

Paul Collins Band era o outro gran atractivo da xornada e cumpriu con creces. Entrega, son magnífico, grandes cancións de power pop e algún medio tempo deses "de escola"...Con dicir que el quere repetir resúmese case todo. O público encantado.
Por mor do seu bo concerto do pasado verán, Fortune Tellers repetían como estupenda banda de directo, partindo da súa proposta mod que desta vez resultoume aínda máis bailable. Airbag pecharon o sábado facendo un correcto concerto de punk rock para os seus fans. Tamén o que se agardaba: non defraudaron mais tampouco gañaron novos adeptos. Ante unha proposta musical tan repetitiva, bótase en falla escoitar mellor as letras, bastante divertidas, polo que din.
Mención aparte merece a sesión vermú do sábado ao mediodía. Este ano apostouse por traer unha orquestra recentemente
recuperada da zona. Los Zares, coa súa magnífica selección de grandes éxitos 60s-70s (Lone Star, Los Bravos, Los Brincos, Andrés do Barro, Beatles, Stones...todo en castelán, como cumpría na época!! ) convenceron a tódolos públicos e de seguro fan máis agradables moitas festas e romarías invadidas por formacións que interpretan cancións de tan dubidosa calidade como a esixencia do público en xeral. A miña nai non podía achegarse ao Felipop nun momento máis axeitado.
Sen dúbida non fallaremos o ano que vén. Habrá mellores ou peores concertos, mais a verdadeira esencia do festival estará aí, allgo que non se pode comprar. Iso é o bonito e a melodía o importante.
Máis xente opinou no fotoblog do felipop

quarta-feira, agosto 16, 2006

Las Malas Lenguas en Sada: triunfar a pesar do morao

Na praza do paseo marítimo de Sada o luns véspera de festivo estiveron, e convenceron, Los Hermanos Auserón coa súa xira "Las malas lenguas". A banda soou compacta, magnífica (destacando especialmente Diego García na guitarra e Javier Mora nas teclas) e Santiago demostrou estar en forma na voz, no bailoteo e na interrelación co público, a pesar de que o alcol ía quentándoo cara o final do concerto.
Completaron d
úas horas de homenaxe aos clásicos interpretando, ademais de tódalas versións editadas no álbum, o instrumental "SoulFinger" dos Bar Kays, "Street Fighting Men" (Stones), "Come Together" (Beatles), "By This River" (de Brian Eno, do mellor da noite), "Fire" (Hendrix), "Heart of Gold" (Neil Young), "Roadhouse Blues" (The Doors) e "Heart Full of Soul" (The Yardbirds, via Lone Star). Con respecto ao seu concerto do verán pasado en Riazor, non soou o "Search and Destroy" de Iggy Pop & The Stooges.
Los bises tiñan que ser cancións de Radio Futura: as magníficas "Annabel Lee", "El canto del gallo" e o gran broche con "Escuela de Calor". Nesta recta final a estupenda voz de Santiago Auserón xa non ía acompañada por unha boa dicción das letras (que chegou a estragar) e si de bailoteos e acenos por momentos bastante calentorros (amosounos o seu traseiro un par de veces, aínda que sen quitar o gaiumbo) e unha caida. Previsible esta en vista do morado que levaba e o bailoteo presente durante todo o concerto.
Recomendo ler os comentarios sobre as versións-recreacións para a revista EfeEme.

domingo, agosto 06, 2006

chega o Felipop, un dos meus festivais imprescindibles

Desde que o descubrín na edición do 2000, a cita co festival pop de Felicia fíxoseme gratamente ineludible, pois os alicerces que daquela me convenceron manténse edición tras edición: un bo gusto á hora de traer bandas e artistas a (re)coñecer, un ambiente do máis acolledor e agradable e prezos razoablemente asequibles...alguén dá máis?
A personalidade e
luxo deste ano é nada máis e nada menos que Litto Nebbia, un imprescindible da historia da música popular arxentina. E logo súmámoslle outro veterán, un Paul Collins que estivo magnífico no seu último paso por Galiza (PlayaClub), os Señor Mostaza que sacaron un dos meus álbumes nacionais favoritos dos últimos anos "Mundo interior", veremos un dos primeiros concertos de Ectoplasma (a nova banda do vigués Nicolás Pastoriza) e nun sábado máis cañeiro repiten un dos triunfadores do ano pasado Fortune Tellers, os Airbag traerán a diversión e agardamos que o combo levantino Rumor amosen as táboas que teñen os seus compoñentes (Juan Antonio Ross, Joaquín Talismán, Jose Filemón, Tony García y José Esteban Octubre)... E aínda por riba ata 4 bandas do país este ano: Burgas Beat e Niño y Pistola na festa do xoves en Casa Ardá e Annie Hall e Bang 74 abrindo venres e sábado respectivamente.
Vémonos en Felicia !!!

sábado, agosto 05, 2006

Noroeste Pop-Rock 2006 en Riazor

O xoves The Sunday Drivers triunfaron coma banda "teloneira" e voltaron amosar que están tremendamente curtidos en directos, non só pola Península senón por Europa adiante, a pesar de contaren só con dous álbumes. Iso si, moi aproveitables. Os que non os coñecían a estes toledanos decatáronse de que se estiveran a perder unha estupenda formación de pop rock clásico, e os que xa disfrutaramos deles anteriormente puidemos, por fin, escoitar novas cancións, no seu estilo clásico de composicións moi ben traballadas. O seu bo traballo merecería moito máis recoñecemento, pero o panorama está como está. O nome principal do cartaz desta edición era Paul Weller (para os despistados ex-The Jam, ex-The Style Council e xa cunha máis que consolidada e respetable carreira en solitario), que estivo tremendamente enerxético, entusiasta, magnífico de voz. Soou case perfectamente (a súa guitarra e a de Steve Cradock non escatimaron en entrega e forza, o que en ocasións linda cos acoples) e, por ende, convenceu a fieis e familiarizados (aquí inclúome). Mais non foi un concerto para gañar a público pouco esixente ou totalmente descoñecedor deste artista xa clásico do pop-rock británico. Temas do seu recente "As Is Now" coma "Fly Little Bird", "Come On Let´s Go" ou "I Wanna Make It Alright" confirmaron que está en boa forma e segue a asinar boas cancións que non desentoan entre clásicos da súa carreira como "You Do Something To Me", "Broken Stones", "Wild Wood", "Above The Clouds", "Peacock Suit"... ou o único bis (tras maís de hora e media) "Town Called Malice", única peza dos Jam xunto cunha boa recreación do "In The Crowd". Estupenda banda, profesionalidade e enerxía en moi poucas ocasións mal aproveitada (nalgún momento perdeuse nas variacións sobre algún tema, aínda que a fusión de "The Changing Man" e "The Whirlpool´s End", se non lembro mal, atinou con creces).
O venres, aínda que bastante xente se preguntaba por qué non cumpría ese labor La Cabra Mecánica, abriu atinadamente Ariel Rot. E digo atinadamente porque dubido que, aínda coa luz do día e pouca xente preto do cenario, a nova banda do Lichis fora quen de atrapar desde a primeira canción. O señor Rot estivo, unha vez máis, magnífico. É todo un seguro: son exquisito, carisma e o que é principal: un repertorio que engancha o público xa sexa un rocanrol, unha balada ou un swing, "Hoja de ruta", "Milonga del marinero y el capitán", "Lo siento, Frank", "Dulce condena", "Ahora piden tu cabeza", "Vicios caros", "Hace calor", "Confesiones de un comedor de pizza", "Quiero besarte"..irresistible; e é que ata puidemos ollar como o mesmo Lichis
disfrutaba da actuación nun lado do escenario agardando o seu turno.
Quedaba o llstón moi alto
tras esa hora e cuarto e só os máis atrevidos envexarían afrontar a tarefa de actuar tras a exhibición de Ariel Rot. Así, a La cabra mecánica costoulle, a pesar do desparpaxo de Lichis e do álbum que viña presentar: "Hotel Lichis". Deste recomendable e variado disco interpretou 8 cancións con tanto gancho como "Ay, poetas", "El malo de la película", "Gracias por nada" ou "La uña de la rumba", pero trátase dunha colección que non goza do beneplácito das radiofórmulas (xa sabemos do declarado malestar de Lichis tras "No me llames iluso" con eses Los... que están de aniversario ). E se lle engadimos 2 guitarras algo altas que non deixaban apreciar as sempre destacables letras de Lichis, a cousa tiña que empezar frouxa. Pero a segunda metade do concerto, cun Lichis máis solto (tocar o baixo córtalle de exercer máis de frontman), algún que outro divertido comentario e a aparición das irresistibles xoias de "Vestidos de Domingo": "Todo a cien", "La lista de la compra", "Felicidad", "Todo a cien" ou "La maceta" conseguiu que ao final remataramos cantando, bailando e desexando que Lichis teña a oportunidade de consolidar unha banda de acompañamento que plasme en directo o seu destacable talento compositivo. Ah, todo un detalle abrir e pechar co "Always Look On The Bright Side Of Life" dos Monty Python.
Los Ronaldos exerceron de estrelas da noite.
Racharon coa ata entón puntualidade do programa e tardaron en sair, xusto tras picar o significativo "Tumbling Dice" dos Stones polos altofalantes, pero desplegaron con forza e entrega as súas irresistibles "Sabor salado", "Me gustan las cerezas", "Adiós, papá", "Por las noches", "Árboles cruzados", "Guárdalo", "Si, si", "Qué vamos a hacer", etc.etc. En definitiva, calquera do álbum debut é un acerto e, progresivamente cada vez menos dos seguintes, pero non é momento de analizar a súa discografía. Moito rocanrol: Coque luciuse de frontman, Luis Martín exhibiuse á guitarra e o público rendido, faltaba máis, aínda que a un servidor convencérono máis hai ano e medio aproximadamente na súa actuación no PlayaClub, dentro da súa mini xira de regreso. Un apuntamento: o tema novo "El león" lembroume demasiado, pero demasiado, ao "Live With Me" dos Stones.
O emprazamento estupendo, un cartaz ben destacable (a pesar de que o mércores a presencia de El Koala e Mojinos Escozíos afastoume de voltar ver aos Burning de Johnny), os horarios cumpríndose correctamente e un son correcto pois o volume chega
ata ben lonxe sen saturar ás primeiras ringleiras de xente.
Entre público, en xeral educado, sempre hai @s típic@s borrach@s impertinentes e @s despistad@s que molestan coa súa incontinencia verbal, pero que necesitan achegarse onde hai xente aínda que non lles interese o concerto de turno. Moito botellón e descontrolada euforia, pero así che son os festivais gratuitos.