quinta-feira, junho 04, 2009

Xurxo Souto, seguiremos na loita contra a repugnancia

Máis tarde ou máis cedo, tiña pensado falar do tema, talvez agardando a razóns de peso para lanzar unha crítica que non pecase de premeditada ou prexuizosa. O fotolog do meu prezado /quant adianta as miñas modestas reflexións de hoxe. Quen coñece Ábrete de orellas, sabe que sempre tentei de prestar atención e apoiar as propostas galegas que me parecesen meritorias, así como as que visitan o noso país en xiras ou festivais. Con estas premisas, naceu e viviu varios anos da época Fraga, así como os case 4 anos do chamado bipartito, co que teño certa perspectiva para comentar o panorama que se nos presenta.

Independentemente de que o estilo de Xurxo Souto me poda parecer excesivo, é un salientable comunicador e o seu labor está aí. El adicou o seu programa “Aberto por reformas” a presentar a música que se está a expresar na lingua PROPIA de Galicia e a fornada actual de artistas do país. Como director de programación asumía un traballo difícil e saiu ben parado, conxugando diversas inquedanzas. Axudou, e moito, a quentar o forno. Con “Aberto por reformas”, “Extrarradio”, “Máis berberechos”..., as bandas galegas tiñan unha canle, uns altofalantes PÚBLICOS desde o que soar. Porque unha das función primordias destes medios PÚBLICOS é a de informar da realidade emerxente, do que se coce no país.
http://www.vieiros.com/nova/74534/a-musica-galega-pechada-por-reformas

Como menciono no fotolog de /quant, as primeiras decisións "culturais" do novo goberno chéiranme a que podemos voltar a tempos anteriores de tristes lembranzas, cando a radio e a televisión PÚBLICAS de Galicia ignoraban certas franxas de idades ou de pensamento “non populista” que nos caracterizabamos principalmente por NON VOTARMOS ao partido no goberno. O bipartito tivo os seus fallos, iso é obvio, pero no tema da pluralidade, diversidade e atención ao maior espectro posible de público, procuraban non caer no mesmo erro. Os fieis radioouvintes e televidentes non desapareceron, senón que incrementaron o seu número. Foron uns anos de melloras nos contidos: Extrarradio, Cazador de palabras, Padre Casares, documentais, Banda Curta, Air Galicia, Historias de Galicia, O país dos pequenos, Doa a Doa, Imos aló?, Cifras e letras, Alalá ... Os salientables Lume na palleira ou o Diario Cultural seguiron aí.

O señor Feijóo prometera un director da CRTVG (Compañía de Radio e Televisión de Galicia) escollido por consenso. Polo menos falara de propoñer unha serie de candidatos e chegar a un acordo cos outros 2 partidos con representación parlamentaria. Seica o BNG non recibiu ningunha invitación ou proposta e ao PSdG foille directamente comunicado o nome escollido. Ambos os grupos marcharon da mesa de reunión para amosar o seu desacordo con este incumplimento da promesa electoral. Porén, o noso Alberto (como di Antón Losada) comenta que ao PSdG lle parecera ben a elección. Alguén mente. Seica algunha das novas directoras da Radio Galega e a Televisión de Galicia ocupaban cargos na CRTVG nos tempos do Prestige, vergoñento exemplo de manipulación informativa. Volven episodios de censura?
- “Retirada do documento sobre as vacas tolas. Traballadores da TVG ven un episodio de "censura" O sindicato Xóvenes Agricultores (XXAA) nega ter pedido a retirada do programa, xustificación exposta polo presidente da Xunta.” http://www.vieiros.com/nova/74539/traballadores-da-tvg-ven-un-episodio-de-censura
- Nova política cultural da Xunta: Primeiras actividades canceladas do CDG. Os novos xestores suprimiron dous eventos previstos para as vindeiras semanas: Acción ST e a 'Noite Branca' que celebraría o 25 aniversario do centro. http://www.vieiros.com/nova/74529/e-agora-o-teatro-primeiras-actividades-canceladas-do-cdg

Por resumir moito, o que máis me preocupa é esta obsesión no rexeitamento ou actitude defensiva contra todo o que poida cheirar a divulgación dos nosos valores (máis aló das comelladas e as orquestras). Noto nos (ir)responsables do PP, e non poucos do PSdG, unha autodefensa ante calquera agromo de identidade, orgullo ou cohesión coma pobo.

Teño algún exemplo moi cercano de persoa da chamada mediana idade, criada en contorna urbana, capada ou aillada do sentimento galeguista e castelán falante, que se enganchou nestes anos aos contidos da TVG. Podo decir, sen esaxerar, que descubriu outro mundo, unha Galicia diversa e rica que algúns combaten. Esta persoa dubido moito que vaia votar a quen se opoñen ou non defenden esta riqueza. Nisto, non debemos dar nin un paso atrás.

Agora volvemos necesitar apoiármonos e transmitírmonos información e pulos sen os medios PÚBLICOS. Por aportaren nesta loita que se fai día a día, quero mencionar A Regueifa, Komunikando, Clubtura, A Retranca, Foro Social Galego, Galicia non se vende, os editores galegos, A Nosa Terra, Vieiros, Ghastas pista, Kalandraka, Falcatruada, Xornal, o Colectivo Opaíí!! …e os que me esquezo neste momento e que saberán desculparme.

Agora máis ca nunca, todos sumamos.

Etiquetas: