segunda-feira, novembro 22, 2010

Bye, gran Ríos! no Coliseum da Coruña, 20-nov-2010

A xira "Bye bye Ríos" tiña data galega no Coliseum da Coruña que, como a ocasión merecía, rozou o cheo cunhas 6000 persoas. Non todos os días se despide dos escenarios un referente da historia do rock, e por ende da música popular, en España. Non importou o temporal de vento e chuvia para collermos o coche e viaxar, e mesmo semellou que o roqueiro granadino quixo agradecer a nosa resposta aínda con máis entrega. Eramos de lonxe e de preto; as nosas idades ían desde a recente maioría até a xubilación; uns querían rendirlle pleitesía na súa despedida e outros constatar o famoso directo. E vaia se pagou a pena!

Pasan 10 minutos da hora prevista, soa de fondo o "Bye Bye Ríos" composto para esta xira e o público xa amosa as súas ganas coreando a canción. Deseguido aparece a nutrida banda que xuntou o solvente guitarrista e produtor José Nortes: batería, baixo, dúas guitarras, saxo, trompeta e teclados. Tras un pequeno instrumental, entra a voz protagonista para comezar con "Memorias de la carretera". Segue sen pausa ese primeiro bloque que remite aos tempos daquel álbum en directo que tanto nos marcou a moitos -"Rock 'n' Ríos"-: "Bienvenidos", "Generación límite", "Antinuclear" e "Nueva ola". A banda soa potente e apenas realiza uns pequenos cambios nesas cancións que en maior ou menor medida o público ten gravadas na memoria.
O granadino canta tan ben coma sempre pero xa vai tocando un primeiro respiro para saudar e agradecer a nosa presencia a pesar dun día horrible de vento e chuvia.


Aínda que predominen as súas cancións roqueiras dos primeiros 80, haberá momentos para darlle máis variedade estilística ao concerto, como a súa versión bluseira de "En el ángulo muerto" -do seu paisano José Ignacio Lapido-, a composición propia "Raquel es un burdel" e a mítica "Vuelvo a Granada". A balada chega con "No estás sola" e a súa repulsa a eses cabrones que maltratan as mulleres. "El río" soa tremenda e acada un dos maiores grados de complicidade co público. A nuevaolera "El ruído de fondo" que lle regalaran os irmáns Auserón soa con todo o corpo que dá a banda apoiada nos dous ventos e os teclados de Luis Prado (Señor Mostaza). Sen baixar a intensidade, "Yo sólo soy un hombre" pon o toque soul antes de chegar a unha segunda pausa na que presentar con cariño a magnífica banda.
Recuperan unha peza menos popular como "La reina del keroseno", a oitenteira (polo son sintetizador) "Niños eléctricos", rock máis duro con "Un caballo llamado muerte" e "Nos siguen pegando abajo" do arxentino Charly García. É neste momento que reivindica unha mellor actitude cara ao que vén de fóra e tamén sinala o labor
de Médicos sen fronteiras. De feito pediunos esa mostra de lavado de conciencia que sería mercar o triple disco benéfico con versións dos Beatles no que tantas bandas galegas participan.
Completan a hora e e media de rigor retomando os primeiros oitenta de encher estadios e prazas de touros con "Sueño espacial", "Año 2000" e "El rock de una noche de verano"

O primeiro bloque de bises é incontestable, demoledor, emocionante. Coa única compaña de Prado ás teclas márcanse un "Todo a pulmón" sentido, entregado e sincero. Sen pausa, dúas cargas de profundidade: o himno dos músicos de estrada "Blues del autobús" e a fermosa balada "Santa Lucía". Persoalmente, uns minutos inesquecibles.

Coma contraste, na segunda tanda de bises toca bailar:
"Rocanrol Bumerang", "Sábado a la noche" de Moris, "Mueve tus caderas" dos Burning e unha incompleta "Maneras de vivir" dos Leño. Miguel Ríos é todo carisma, canta cun público que desde o principio ten no peto e fai que os que optaron polas gradas se levanten para faceren a onda dun lado a outro do Coliseum.

Volve presentar a banda un por un e entonan o final co "Bye Bye Ríos" que Luis Prado compuxo para esta despedida, unha peza con moito gancho e talvez a mellor letra posible.
Despídense coa merecida ovación e cando a banda marcha o protagonista chama a Jose (Nortes) para poñer a guinda: "Himno a la alegría". Que mellor guinda para case dúas horas e e media?


Agradecido, emocionando os fans e convencendo aos máis escépticos, aos seus 66 anos e con case 50 anos de carreira, Miguel Ríos colle a xubilación en bo estado de forma e de voz, amosando unha vez máis a súa dignidade, compromiso e respecto para co público. Esta non é unha xira de vella gloria que pasa por caixa e pasea sobre as táboas coas maneiras de quen xa non ten nada que demostrar. Este é un final á altura dunha carreira imprescindible para entender o rock en España.

Pepe Cunha 22-novembro-2010

Etiquetas: , , ,

segunda-feira, outubro 25, 2010

concerto 20 aniversario de Os Diplomáticos de Monte Alto

Un pouco de historia
Hai xa vinte anos que en Monte Alto colleron os instrumentos uns rapaces orgullosos do seu carácter galego, proletario e de rúa. Querían facer cancións que amosasen eses seus sinais de identidade, coa inspiración de propostas como Os Carayos, The Clash, The Pogues, Mano Negra o punk ou o heavy e os pés na terra dos cantos populares. Os Diplomáticos de Monte Alto foron construíndo pequenos himnos para a banda sonora da súa particular loita contra a "repunancia" e o postureo que agromaba nunha emerxente cidade que crecía en habitantes, negocios, señoritismo e certo aire de novo rico. Desde un dos barrios duros da Coruña, rico en anécdotas, carácter de seu e cheiro a salitre, falaban de historias do pobo, de persoaxes de tasca, de xente arroutada e unha sabiduría popular que serviría para emparentalos con outras bandas galegas baixo o chamado "rock bravú".
Na década dos 90 foron editando"Arroutada pangalaica"('91), "Parrús"('93), "Avante toda!"('95) e"Capetón"('99) para poñer fin á súa traxectoria tras xirar cun último e meritorio álbum, "Komunikando"(BOA, 2003), no que acurtaban o seu nome a Diplomáticos e amosaban trocos demasiado significativos na banda (da formación orixinal só quedaban Guni na guitarra e Rómulo no acordeón). Daqueles días xa pasaron 7 anos, ou 10 se pensamos na baixa do carismático letrista e vocalista Xurxo Souto.
Porén, os Diplomáticos sobreviviron con forza na memoria de quen vivimos aqueles momentos de rock bravú ou Xabarín Club e sumaron, co tempo, un público novo e ávido de manifestacións na súa lingua e que as procuraba nas súas gravacións. A este feito contribuiu sen dúbida que o rock galego segue escaso de referentes (Os Resentidos, Os Diplomáticos de Monte Alto e talvez agora Lamatumbá) e que o seu carismático líder seguiu a apoiar as novas bandas galegas desde as ondas (aínda non recoñecemos o labor que fixo a Radio Galega nos anos do bipartito, precisamente con Souto coma director de programación?).
O regreso
Tendo isto en conta, non é de estrañar a espectación que causou a nova de que o festival Reperkusión (Allariz, mediados de setembro) xuntaba a formación orixinal de Os Diplomáticos de Monte Alto. Mais a cousa non quedou nun bo concerto e un reencontro entrañable e nostálxico. Disque para estar á altura e con dignidade traballaron abondo nos ensaios, ademais de acompañarse doutra banda desaparecida e coa que, ademais doutras afeccións, comparten membro: Pulpiño Viascón á batería.
O éxito desta cita e a lóxica débeda coa cidade natal presaxiaba unha nova actuación na Coruña. E tiña que achegar aínda máis: proxección do documental "A Coruña Rabuña!" e unha Ruta da Tralla pola Coruña. (sobre isto vexan o vídeo dos compañeiros de Galiza Contrainfo)
Coa colaboración do Concello e o IMCE, o concerto das dúas bandas tivo lugar o pasado venres 22 en instalacións municipais, concretamente na sala O Túnel, habilitada para concertos de aforo medio dentro do Coliseum e que quedou curta para a demanda. Quedou xente fóra e escoitáronse protestas, mais a utilización do grande espazo do Coliseum resultaría inviable, ao necesitar dunha previsión mínima duns miles de persoas que xustifique o seu uso.

Festa en O Túnel
Nunha sala ateigada pero cómoda, e entre un público nos que predominabamos quen pasabamos dos 30 e abondos músicos afíns (xente da Banda Potemkin, Ultraqäns, Papaqueixos, Zënzar, A Compañía do Ruído...), saíron O Jarbanzo Negro para comenzaren a festa entre o público a golpe de pasarrúas tecno-folk acústico e despois completaren logo unha hora de concerto puramente enfocado á festa e o baile, sen grandes pretensións musicais e con colaboración de amigos como Xurxo Souto ou algún dos GalegoZ e Papaqueixo (se non lembro mal) nos ventos.
Daquela un pequeno descanso e as verbas do humorista, monologuista e actor Carlos Blanco para presentar o agardado reencontro dos Diplomáticos coa súa Coruña. Concerto e festa durante dúas horas que comezou coa banda respondendo á entrega do público e descargando himnos con maior ou menor fortuna no son.

A pesar dese son irregular, o éxito da celebración foi total, coa recuperación das emblemáticas cancións e a comuñón co público ("Ghaiteiro", "Esta noite hei d'ir aló", "Fura futbolín", "Atún" e "Non chas quero" foron as máis aclamadas). Como merece un último concerto, non reservaron forzas e os músicos, con vinte anos e algúns kilos máis, acabaron enchoupados en suor e baleirando completamente as súas enerxías, especialmente un tremendo Pulpiño Viascón con case tres horas á batería!

Colaboracións
Iso si, apoiáronse en pequenos descansos para recibir amigos no escenario, como ocorreu con Miguelón Ladrón de Guevara que cantou ese acedo himno underground que di "Coruña Coruña, al cine o a cenar, aquí lo que importa es aparentar. Ademais regalounos unha magnífica versión dese himno dos músicos que é a rumba "Se fuerza la máquina" de Gato Pérez magnificamente apoiado aos ventos e un "O sole mío" apoiado no enfeitizante serrucho de Pulpiño. Sen dúbida, unha das sorpresas mellores recibidas da noite.
Tamén sobre guitarras máis arroutadas e punkies cantou o xornalista Xosé Manuel Pereiro para un entregado público dúas pezas da súa época cos Radio Océano: "Coma o vento" -versión de Rodrigo Leao que tamén recuperaron os Diplomáticos no seu álbum "Avante toda!"- e "Terra Cha".
E como cumpría entre tan bo ambiente, case que todos os integrantes da que fora última formación da banda (Manolo Maseda na voz e acordeón, Toni Simoes no baixo e Lola de Ribeira na voz e pandeireta) estiveron presentes para lembrar o himno "Nordés" e dúas pezas do "Komunikando": "Perikinha" e"Cabo Verde Sabi". De aí ao final arroutada total con "Vivir na Coruña", "Estrume", "Terra brava" ou un "Ai vai" tras outro.
Coma fin de festa, as gaitas de Coruña Treboenta axudaron encher fisicamente o escenario co acompañamento dos Jarbanzo Negro e a despedida doo público cun obrigado coro de "Eeeooo eeeeh, carballeira, carballeira".
Maís cutrefotos no facebook de abretedeorellas

Pepe Cunha 25-outubro-2010

Etiquetas: , , , , , ,