terça-feira, fevereiro 16, 2010

Richard Hawley, primeiro éxito do Xacobeo Importa


Enténdano como “subirse ao carro”, “actuar con criterio” ou “agudizar o inxenio cando hai fame” (neste caso, crise), mais o nome do Xacobeo 2010 vén asociado a festivais ou programacións musicais máis ou menos consolidadas e argalladas por xente especializada. Se cadra, a austeridade que a Xunta predica -de palabra, sempre, e nos feitos, cando mellor lles acae- pódenos privar de grandes nomes para o público maioritario. Xa saben, eses nomes “de primeira división” que poden achegar deceas de milleiros de persoas que no resto do ano apenas pagan por entrar nalgún concerto. Porén, quen preferimos máis citas “con miga”, en troques dalgúns concertos de “relumbrón”, non teremos tanta queixa.

Neste 2010, o ciclo Importa que montaba a produtora viguesa Sweet Nocturna e que xa trouxo a Jello Biafra, Skye Edwards ou Tindersticks, mudou o nome polo de Xacobeo Importa. Deste xeito, conta co apoio promocional e pecuniario do Xacobeo e seguirá traendo artistas que un público máis melómano e habitual sabe apreciar. Non serán audiencias considerables, pero os cheos semellan asegurados en recintos que o merecen máis. Si, eses promotores e programadores meréceno porque son os que nos
alimentan coa súa oferta cando non tocan festas municipais ou anos santos.

Este pasado domingo gozamos do primeiro cheo no mencionado Xacobeo Importa. O Teatro Rosalía de Castro da Coruña recibía a un artista que fai bandeira da elegancia do seu clasicismo e o seu romanticismo à la Scott Walker ou Roy Orbison. Richard Hawley pasou de guitarrista dunha das bandas iconas do brit-pop -Pulp- a reinventarse coma un dos crooner pop máis respectados por crítica e público no que vai de século. Como amosa nos seus álbumes en solitario e refrendou aínda máis na súa actuación coruñesa, non perdeu nin un chisquiño do seu bo facer nas cordas, mais ben todo o contrario. O coidado son tanto das súas guitarras como as do seu colega de instrumento e a precisión do resto da banda -baixo, batería e teclado- apoderouse da atmosfera do Rosalía e envolveu un público rendido e atento. Unha iluminación tenue, unha voz grave e uns músicos traxeados e contidos nos seus movementos non deixaban lugar a dúbidas: alí estabamos para deixarnos atrapar por unha proposta músical melancólica, romántica, case sempre intensa e algunha vez tirando a repetitiva, chá. É o que ter cinguirse tanto ao son das gravacións nos seus álbumes.



Hawley veu presentar o seu último disco, ben salientable pero non tan inmediato como os anteriores. Non obstante, co público atrapado o ambiente era ben propicio para repasar “Truelove's Gutter” case na súa totalidade. Deste xeito, abriu con “As the Dawn Breaks” e “Ashes on the Fire” e, se non lembro mal, “Open Up Your Door”. Non tardou en soar “Valentine”, por se quedaba dúbida do atinado da data. Nese momento, co público no peto, aproveitou para
declararse romántico e, bromeando, saber se coincidía cos asistentes. Seguindo co musical, “Soldier On” soou con gran contundencia comparado co resto das recientes, que seguía alternando (“For Your Lover Give Some Time”) con pezas dos anteriores álbumes ("Lady Solitude”). A destacar, esa segunda parte de “Oh My Love” que soou coma unha tormenta sonora e, xunto con “Remorse Code” foi dos momentos álxidos do concerto. Achegándose ao final, outras clásicas do seu repertorio foron “Coles Corner” ou “Hotel Room” (clásica entre as clásicas), entre as que tamén brillou “Don´t You Cry” e, como cabía esperar, “The Ocean” pechando a velada.

Con este bo sabor de boca, logo chegarán as vindeiras citas co Xacobeo Importa: o venres 5 estará Joan Baez en Vigo e o martes 16 Yo la Tengo na sala Nasa de Compostela, coas entradas esgotadas desde hai semanas.
Pepe Cunha 16-febreiro-10

Etiquetas: , , , , , ,

segunda-feira, janeiro 12, 2009

discos galegos favoritos do 2008

Os colegas d'A Regueifa están a preparar a listaxe cos mellores discos galegos do pasado 2008 e pedíronme os meus 5 favoritos.
Sen entrar na validez, utilidade ou senso destas votacións, eu enténdoas como botar unha ollada atrás para recuperar cousas esquecidas ou (re)coñecer outras.
Ante todo, que conste que non escoitei toda a produción do país, mais entre os que si, elixin os 5 + 1 seguintes:


MAGÍN BLANCO & BURGAS BEAT "Clic"
Magín Blanco e Carlos Rego funden influencias comúns, talento e asinan dez variadas pezas de pop rock clásico co son compacto da Burgas Beat. A conexión ourensá destes veteranos buscadores da canción redonda fai xustiza ao título do álbum. E coma guinda unha versión de “Anduriña” en galego. Atemporal, sentido, maduro.

BONOVO "Bonovo"
Aínda que din que os experimentos con gasosa, engadamos que tamén con bos musicos e senso do ritmo e a melodía. Tres músicos de diversas traxectorias achegan as posibilidades da electrónica ás súas batería, zanfona e acordeón para ofreceren unha cocteleira de jotas, muiñeiras ou improvisicións modernas, enfeitizantes, bailables e adictivas.

ATAQUE ESCAMPE "Galicia es una mierda"
Apañando a bandeira do rock acústico “de serie B”, combaten a precariedade con imaxinación, ironía, provocación, autoprodución e derrubo de prexuízos. Cheiran a Violent Femmes, Neil Young, Los Panchos ou Andrés Do Barro e nos textos van camiño de se converter en herdeiros d’Os Resentidos ou Siniestro Total.

DELUXE "Reconstrucción"
Xoel López fai o que ten que facer: crer en si mesmo e expresalo como máis lle presta, por riba de envexas, críticas e prexuízos. Afianzarse nesa terra entre o público alternativo e o mainstream non é algo controlable, mais o que importa é este álbum magníficamente producido e ben variado no musical: canción de autor, rock, baladas, chisco de flamenco, spaghetti western, soul…

XOÁN CURIEL “Nai”
Diversidade de ritmos afrobrasileiros, galegos, pop, subsaharianos ou árabes para un disco construído sobre vivencias do noso tempo, unha reflexión sobre a inmigración, a falla de respecto á terra, os abusos do home cara ela e cara a muller. Sensibilidade en acústico.

NOUVELLE CUISINE "De memoria"
O destes coruñeses é o traballo coidado, case artesanal, tanto na composición do seu elaborado pop de autor como na presentación física do produto. E así cómpre escoitar “De memoria” para aprecialo: con atención, sen présas. Con máis temas como “Seremos cajeras” ou "Comunicación no verbal" serían máis accesibles, pero dubido que iso lles quite o sono.

Etiquetas: