segunda-feira, abril 18, 2011

Pilocha, unha xoia agochada

Un dos principais intereses de asistir a concertos dos que non acumulaches expectativas previas é a recompensa que se pode obter. Xa se sabe, aquilo de "pouco que perder e moito que gañar". Pois desta vez, a recompensa emocional chegou grazas ás xornadas "Ferrol recuperando a memoria" por incluíen un recital a cargo de Pilocha, un nome algo agochado da música popular galega. Desde que comezara moi noviña nisto da canción, estivera vencellada ao colectivo Voces Ceibes, mais agás colaboracións e contadas participacións nalgún acto, non conta cunha produción discográfica ampla nin a ten ao alcance do gran público.

Xa que logo, esta actuación no Teatro Jofre servíanos para escoitar ao vivo a súa voz nun recital que resultou breve pero intenso. En só unha hora de actuación, Pilocha confirmou que é a nosa gran voz agochada, cunha técnica e unha tesitura limpas, sen recursos nin trucos innecesarios e desde o comezo pensamos que isto non pode seguir así, que ela merece ser máis escoitada e máis cando a nosa música non anda sobrada de intérpretes desta calidade.


Moi ben acompañada por Xavier Constenla ao piano e Xurxo Varela ás cordas, a viguesa ofreceu un recital de poemas comprometidos de poetas ferroláns e do resto do país. Tamén caeu algunha copla republicana, pero sen dúbida quedaremos con pezas tan emocionantes como o agardable "Alecrín"( iso si, a 3 voces) , a "Cantiga do amor fundido" que Antón Seoane escribira para Moncho Reboiras, e os versos de Celso Emilio Ferreiro en "Nenos Orfos" e ese "Aí vén o maio" que Luis Emilio Batallán convertiu en imprescindible no noso cancioneiro recente.

Por se fose pouco, as ferrolás María Manuela e Paloma Suances cantaron nalgunhas pezas. Agora a agardar esa gravación en DVD a cargo do Concello de Ferrol como lembranza de que estivemos alí, nese momento especial, e como testemuño de que esta voz vale moitísimo e debemos gozar máis dela.

máis cutre-fotos no Faceook: http://www.facebook.com/abretedeorellas

Pepe Cunha 11-abril-2011

Etiquetas: , , , , ,

terça-feira, outubro 06, 2009

Mélissa Laveaux confortounos no Jofre. Sábado 3 de outubro de 2009

A proposta de Melissa Laveaux é un reflexo dela mesma. Esta canadiana de orixe haitiano e 24 anos é unha mente aberta e curiosa, maduramente inxenua ou inxenuamente madura. As súas cancións cheiran a inquedanzas vitais mesturadas con diversas influencias culturais. Disque aprendeu a tocar e compoñer case autodidactamente mentres escoitaba moitas músicas: folk independente canadiano (Joni Mitchell, Feist), trip-hop británico (Massive Attack, Portishead), música brasileña alternativa (Adriana Calcanhotto, Os Mutantes), hip-hop e nu-soul (Erikah Badu, The Roots…), grandes voces da tradición afro-americana (Billie Holiday, Nina Simone, Aretha Franklin) e artistas doutros continentes (Oumou Sangare). Se a iso engadimos un xeito percusivo de tocar a guitarra e o selo persoal dunha voz intimista, confidencial, lixeiramente áspera e profunda, seductora e atractiva, temos ante nós unha prometedora cantautora de corte universal.



Para deleite de quen amamos as linguas e a comunicación, exprésase en francés, inglés e creoulo, ademais de chapurrear con éxito o castelán, como amosou en Ferrol. A ver se aprenden moitos que falan de liberdade cando en verdade agochan incultura ou falla de sensibilidade ante outras realidades moito menos alonxadas.

máis fotos no facebook



O Jofre rendiuse aos seus encantos nun concerto que gardar na memoria, coma ese par de versiones fantásticas incluídas no seu álbum debut Camphor & Copper (“Needle In The Hay” de Elliott Smith e “I Wanna Be Evil” de Eartha Kitt), a canción de berce … Os arranxos e a formación minimalista de trío, baixo e guitarra completaron unha hora e media de música chea de enerxía e impacto.


Sen dúbida, un agasallo e unha recompensa para uns centos de persoas que apostamos por achegármonos a ver e escoitar o que nos cantaría unha marabillosa descoñecida. Polo momento.


máis fotos no facebook


Pepe Cunha 6-outubro-09

Etiquetas: , , ,