Ariel Rot, un "Juan Palomo" que segue a voar ben alto, Le Club, 7-maio-2011

A ocasión o merecía e a coruñesa sala LeClub encheuse de moitos afeccionados que non quixemos deixar pasar a oportunidade de ter a un grande tocando a só uns metros. Nun principio falábase dunha xira con cancións menos populares do habitual, pero finalmente Rot repasa gran parte dos seus clásicos, supoñemos que para deleite dunha maioría menos receptiva ás sorpresas. Algúns preferiamos que recuperase pezas máis agochadas, pero ante tal cancioneiro e interpretado con esa calidez e naturalidade, pouco podemos obxectar: "Vals de los recuerdos", "Adiós, mundo cruel"; xa coa eléctrica "Felicidad", "Te busqué", "Sin saber qué decir", "Los tipos duros no bailan" (con chisco final aos Burning de "¿Qué hace una chica como tú ...?) e, cambiando de eléctrica, "Lo siento, Frank", unha das grandes ovacións da noite.


Manter o nivel durante case dúas horas de concerto, sempre cun sorriso, con soltura a eito e moita clase interpretativa está á altura de moi poucos. E para máis mérito, nunha actuación totalmente en solitario: guisando e comendo el mesmo, como un auténtico Juan Palomo que segue a voar moi alto.

Pdt: Non podemos deixar de felicitar ao programador da sala, por moverse ben e mollarse para incluír a bo prezo na súa programación propostas tanto potentes coma atractivas e diversas. Entre as seguintes citas apunten: Kafu Banton & Daddy Banton o sábado 14, Josele Santiago & Pablo Novoa o xoves 19 e xa en xuño The Godfathers o sábado 11. Quedades avisados.
Etiquetas: abretedeorellas, ariel rot, le club, pepe cunha