terça-feira, dezembro 30, 2008

recomendacións para este Nadal

Un agasallo melómano e auténtico

"Classic Blues Artworks from 1920's" é un calendario con cedé de blues rural ideal para agasallar a melómanos neste comezo de ano. O volumen 6 desta especial iniciativa inclúe, de maneira exclusiva e xunto a fotografías inéditas, un cedé coas lendarias gravacións descritas nas ilustracións. Recompílanse dezaoito placas de blues rural gravadas entre 1927 e 1932 acompañadas dun calendario desplegable para 2009 que reproduce doce dos marabillosos deseños que se utilizaron entón coma publicidade dos lanzamentos. O disco inclúe dúas cancións inéditas de Blind Blake e Ben Curry respectivamente, ademais de novas tomas do clásico "Home Town Skiffle", e seis temas extras (sen a portada do disco correspondiente). Con Blind Lemon Jefferson, Charley Patton, Skip James, Ida Cox, Rev. Emmett Dickenson, Kokomo Arnold, Kansas Joe and Memphis Minnie, Buddy Boy Hawkins, Rev. A. W. Nix ea Elgar´s Creole Orchestra no resto de cancións. Todo un magnífico material promocional para a música e os cantantes que cambiaron a música do século XX e inspiraron o posterior Rock & Roll.

Disponible na distribuidora Resistencia: www.resistencia.es


Álbumes exclusivos e de balde

Neste cambio de ano a revista musical dixital EFE EME celebra o seu décimo aniversario dun xeito ben especial e meritorio. Artistas españois e arxentinos de primeiro nivel dentro da escena pop-rock cederon á revista unha serie de álbumes confeccionados con material inédito. Neste cambio de ano, os responsables da revista, hai anos adaptada ao novo medio, colga cada xoves un deses álbumes na Internet.

Sexan nomes máis ou menos coñecidos polo gran público, a valía destas gravacións é incuestionable. Até o momento de redactar estas liñas, están xa dispoñibles un directo que serviu de ensaio pre-xira para Loquillo y Trogloditas; directos acústicos de Ariel Rot; rarezas e versións dos Doctor Divago; doce temas inéditos do arquivo personal de Guzmán; e un directo recente do mito do pop arxentino Litto Nebbia. Nos vindeiros xoves os protagonistas serán Manolo Tarancón, Andrés Calamaro, Señor Mostaza ou Amaral. Unha iniciativa de carácter exclusivo, de calidade e de balde a disposición de fans ou curiosos.

Porén, deixan claro que queren lembrarlle aos lectores que "esto es una acción especial y conmemorativa pero, por favor, seguid comprando discos, que es una obligación ineludible de los buenos aficionados a la música." Máis información en www.efeeme.com


sexta-feira, dezembro 26, 2008

Peneirando a Rede

Nos últimos anos estamos a vivir unha eclosión de artistas e propostas galegas dentro do que entendemos por música popular, en contraposición ao concepto de culta ou clásica. Consciente do risco de caer na simplificación, mencionarei algúns factores chave para entendermos este momento de ebullición. Os festivais agromaron coma cogumelos pola xeografía galega e neles foise incrementando a presenza de bandas locais. A isto hai que sumarlle desde hai case 4 anos un cambio de actitude por parte da consellería correspondente, con outro xeito de apoio institucional, non só a eses festivais senón tamén a unha rede de locáis de concertos. Cómpre dicir que moitas cousas poden e deben ser melloradas nestas políticas, mais para equivocarse hai que apostar.

En relación tamén co cambio de goberno, deuse un novo enfoque na televisión e a radio públicas galegas, onde nun aceno por ofrecer un medio máis aberto e achegarse tamén á xente nova apareceron programas como “Extrarradio” e “Aberto por reformas”. Aquí, os diferentes artistas galegos atopan por fin unha canle máis atenta á difusión das súas propostas.

Mais a revolución que supera todas estas realidades é a das ferramentas dixitais, que fan máis accesibles a creación e gravación de música e a súa divulgación vía Internet. Hoxe navego pola Rede co fin de achegar unha visión introdutoria dos portáis galegos máis musicais. Neste repaso, como adoitamos dicir, non están todos os que son, mais son todos os que están. Sirvan estas liñas tamén coma recoñecemento ao traballo e empeño dos que adican parte do seu tempo a apoiar e comunicaren unha realidade emerxente, esa que se desfai de complexos e prexuízos, amosando unha actitude máis aberta e comunicativa.

As webs institucionais constitúen un inventario de información

Neste mesmo 2008, o IGAEM (Instituto Galego das Artes Escénicas e Música) deixou o seu lugar o pasado xuño á Asociación Galega das Industrias Culturais. Desde o portal de AGADIC temos acceso a outros sitios de orixe institucional como a axenda da Rede Galega de Música ao Vivo, un portal no que sabermos das citas coas bandas e das salas que os acollen. Ademais das seccións de axenda, ligazóns e listaxe daquelas, inclúe un buscador por localidade, sala e grupo. Mesmo é posible puntuar os grupos entrando na súa mini-páxina. www.agadic.info ; www.musicaaovivo.info.

Destinada a programadores, compañías, grupos de música e outros axentes relacionados coas programacións vencelladas ás institucións, existe unha ferramenta en forma de completa e funcional intraweb. En Galescena.info xestiónanse as redes de programación, os trámites de inscrición de compañías e grupos; o proceso de contratación; a recollida de datos de asistencia; etc. Como o seu resultado visible poderiamos definir Culturavai.info. Neste portal atopamos unha axenda virtual de todas as funcións e concertos que se dean no marco das distintas programacións de artes escénicas e musicais da Consellaría de Cultura e Deporte. A destacar a posibilidade de asociarse e así recibir información personalizada no correo electrónico. www.culturavai.info. Tamén promovida pola Consellería atopamos a Rede galega de locais de Ensaio. Os grupos e músicos en particular poden apuntarse, anunciarse no taboleiro, ver como vai incrementándose o número de locais e mesmo subir as súas cancións. www.nsaio.org.

Concebida con proxección máis internacional e dispoñible en galego, español e inglés, GalicianTunes é a marca institucional creada para promocionar a música galega na escena internacional. Dado o seu carácter de completo inventario, resulta un portal de obrigada referencia: aparecen listaxes completas de recursos: estudos de gravación, selos, empresas de servizos técnicos, circuitos musicais e culturais, festivais, axencias de representación e organización, asociacións de músicos e axudas e bolsas. Non deixen de botar unha ollada á sección de historia. www.galiciantunes.com.

Recoñecida pola Consellería, a iniciativa Clubtura defínese como “a asociación dos locais e salas de Galicia onde coordinadamente ofrecemos a maior e máis variada oferta alternativa de música e cultura”. Na súa web, axenda dos seus concertos, relación de salas e un foro onde debater e opinar. www.clubtura.org

A opinión e a crítica habemos procuralas noutros portais

Antes da mencionada ampliación e mellora da oferta divulgativa dos portais institucionais, existían na rede unhas iniciativas máis precarias en medios pero que, en certo modo, abriron un camiño ao que o tempo veu dar a razón. En Galicia estaba a cocerse algo ao que os nosos medios e institucións non prestaban a atención que merecía.

En Komunikando son claros desde a súa aparición, anterior ás mudanzas nas políticas institucionais: “un punto de encontro na música galega non subvencionada. Tenta ser foro de debate para cuestionar o panorama vixente, recoñecer carencias, crear unha base estructura…” O seu momento de máis recoñecemento chegou coa publicación de A Per Loca, compilatorio pioneiro á hora de ofrecer unha panorámica da escena galega actual. Na actualidade atoparedes neste portal de “música da Galiza” a relación de grupos “afiliados” a Komunikando, un chat onde opinar, ligazóns a vídeos dos nosos artistas e até a KomunikandoTV. www.komunikando.net

A Regueifa Plataforma constitúe xa un referente salientable na súa iniciativa de promover e distribuír o traballo dos artistas galegos. O que comezou sendo un blog acadou maior relevancia en 2007 co nacemento de A Regueifa discos. Nestes tempos de mudanza no xeito de entendermos a industria discográfica, onde perde relevancia na venda de discos físicos en favor dos concertos, as novas bandas están cada vez máis interesadas en ser coñecidas ofrecendo a súa música de balde. Así, cunha oferta de descargas gratuitas baseada na licenza Creative Commons, a invitación desta plataforma é clara: “Non importa o que fagas (música, videocreación, fotografía, poesía, pintura, banda deseñada...) nen como o fagas, se é dixitalizábel e queres difundilo na rede”. Centrándonos só no musical, atopamos propostas recentes, vellos discos recuperados e tamén un chisco de arqueoloxía. www.aregueifa.net

Tamén baixo licenza Creative Commons existe na rede “a revista galega de música” Sono-Tone. Con especial atención á creación galega, podemos mergullar nunha ampla oferta de seccións: novas, entrevistas, comentarios de discos novos e clásicos, concertos, retrospectiva e outras artes como BD, libros e cinema non tan desenvolvidas. Non dubiden en visitala sen prexuízos, pois sempre atoparán algo do seu interese. www.sono-tone.net

Ábrete de Orellas é unha primixenia proposta radiofónica en radios independentes que foi achegándose á prensa escrita e rematou na Rede. O foco de atención está posto nas propostas que van destacando na agora efervescente escena galega e os artistas que nos visitan nas súas xiras. Cun oído no local e outro no resto do mundo, coméntanse festivais e concertos que teñen lugar en Galiza, discos de aquí ou doutras latitudes enviados por discográficas e promotoras, habitualmente independentes, e ofrécese unha listaxe de artistas e webs galegas. www.abretedeorellas.com

Unha web veterá e con nome achegado á fraseoloxía máis divertida da terra é sen dúbida Ghastas Pista. Con comentarios a eito sobre álbumes galegos, principalmente enfoca o seu labor cara á musica folk e tradicional de Galicia. Como acontece coas anteriormente mencionadas, a precariedade estética ou de medios vén suplida pola ilusión, ganas e adicación de parte do tempo libre dos seus responsables. www.ghastaspista.org. Finalmente, para procurar máis concertos está Desconcierto, tamén feito no país. Porén, os seus contidos están en castelán e non se restrinxen ás nosas fronteiras, mais a súa axenda de concertos céntrase na nosa xeografía. www.desconcierto.com

Como ben canta Juan Perro, “Déjate llevar por las pasiones / en la red se encuentran todo tipo de opciones”. Non deixen de visitalas.

colaboración para o suplemento cultural do Xornal de Galicia

decembro-08

discos recomendados decembro

Xoan Curiel “Nai”
Este fonsagradino cantautor, actor e músico residente en Compostela presenta a música resultante duns anos de vivencias, moitas delas rodeado de cantantes, poetas e outros artistas galegos cos que colabora. Nun disco do seu tempo, reflexiona sobre a inmigración (“O teu sangue”), amosa sensibilidade para coa natureza (“Orixe” ou “Fonte sagrada”), denuncia a falla de respecto que esta sofre (“Canción do ar”) e adica varias cancións á muller como “Nai”, "A chía" ou “Nacer” ou. No musical, “Nai” é un álbum de corte básicamente acústica, con coidados detalles a cargo dos compañeiros músicos e das voces femeninas, cun chisco de experimentación sobre ritmos afrobrasileiros, galegos, pop, subsaharianos ou árabes. Xoan Curiel expresa aprezo pola convivencia coa diversidade, unha enriquecedora naturalidade cara á mesma e sensibilidade para co máis cercano. Fagan por achegarse a "Nai", unha proposta necesaria e merecedora de atención nestes momentos fructíferos da música feita no país, con momentos como “Bágoa de pataca”, onde musica un texto de Antía Otero con utensilios e sons da vida cotiá, o pop brasileiro de “Sos” a dúo con Uxía Senlle ou "Os mares de Marte" coa trompeta de Guille Lancelotti.
http://www.myspace.com/xoancuriel ; http://www.xoancuriel.com


Varios Artistas. Just Like Heaven: A Tribute to the Cure

Eis unha pequena frivolidade, pois este disco que verá a luz nos EUA en xaneiro probablemente nin chegue ás nosas tendas. Mais como estamos en tempos de incremento das compras por internet e sabemos que The Cure conta con moitos afeccionados, aquí vai unha humilde recomendación: unha salientable relectura dun cancioneiro imprescindible no pop das últimas décadas.
Un aspecto que adoita caracterizar os álbumes tributo é a irregularidade no resultado das versións, seguramente pola dificultade de acadar ese punto xusto de respecto e aportación ás orixinais. No disco que aquí tratamos acádase un gran nivel, probablemente grazas ao carácter independente na creatividade dos intérpretes e á falla dun interese mercantil na iniciativa. Repasemos entre as 16 cancións (+ bonus track) escollidas dos de Robert Smith: Joy Zipper achegan “Just Like Heaven” ao power pop; Tanya Donnelly & Dylan in the Movies retocan con gusto a atmosfera de “The Lovecats”; “Lovesong” é feita máis latexante por The Brunettes; Kitty Karlyle leva “In Between Days” ao punk pop; “Friday I´m In Love”, “Jumping Someone Else's Train”, “Boys Don´t Cry” e “Close To Me” revístense de densidade con Dean & Britta, Luff, The Submarines e Elk City respectivamente; “Let´s Go To Bed” vólvese máis electrónica e bailable con Cassettes Won´t Listen”. A discográfica que o lanza, e con bo prezo e servizo, é American Laundromat Records: http://www.alr-music.com. Para escoitar algúns temas: http://www.myspace.com/atributetothecure ; http://www.myspace.com/americanlaundromat.

textos enviados a Xornal de Galicia en decembro 2008

Etiquetas: , , , ,

terça-feira, dezembro 16, 2008

xira 10º aniversario de Quique González na Capitol

Como está a acontecer por case todas as prazas que visita nesta xira, Quique González tamén encheu a sala Capitol. Con traballo de corredor de fondo -perdón polo tópico, mais faille xustiza-, ao longo destes 10 anos que celebra foi afianzando e crecendo en número de seguidores. Todo sen perder o máis mínimo recoñecemento da crítica musical, pois, a estas alturas, quen o fomos seguindo non podemos sorprendernos do seu éxito actual, por riba de crises na industria e xeneralizada incultura musical.

Este madrileño é coherente, ten os pés no chan, non esquece os comezos e traballa sempre cun ollo posto nos grandes referentes; non só conserva ese toque de humildade e agradece sentidamente os milleiros de votacións recibidas (coas que confeccionou a selección de temas desta xira), senón que tamén invita a compañeiros artistas a abriren os seus concertos e mesmo acompañáreno no escenario. Nas datas galegas, ese rol cumpriuno Lisandro Aristimuño, cuxo álbum “39 grados” amosa un discurso propio e cancións merecedoras de varias escoitas. A súa breve actuación acústica agradou aos máis atentos, que eran os menos.

O protagonista da noite comezou xa sen agachar cartas, coas tremendas “Vidas cruzadas” e “Kamikazes enamorados”, algo luxadas por un son aínda un pouco deficiente. Mais como xa sabiamos de citas anteriores, La Aristocracia del Barrio soa moi compacta e a Capitol é un seguro de bo son.

Alternándose ora máis roqueiros, ora máis acústicos,responderon ao guión agardado e repasaron con equilibrio os 6 álbumes de estudio (“Pájaros mojados” gañou con 5 temas). Foron bordando “Caminando en círculos” (do álbum en directo),“Pájaros mojados”, “Se nos iba la vida”, “Crece la hierba”, “Suave es la noche”, “Hay partida”, “El campeón”, “Me agarraste”, “Avería y redención”, “Nos invaden los rusos”, “En el backstage”,“Hotel Los Ángeles” ou “Pequeño rock and roll”. Co concerto xa avanzado soou a “Paloma” de Andrés Calamaro como a versión escollida polos seus seguidores internautas, mais entrando nos bises a orpresa chegou con outra boa: “Frío” dos Alarma! de Manolo Tena. “Miss camiseta mojada” foi unha das máis celebradas e,xa nos bises, Quique e Lisandro sos coas acústicas compartiron a dúo un tema de cada un: “Me hice cargo de tu luz” e “Reloj de plata”respectivamente. Deseguido, coa banda no seu sitio, regalaron unha impresionante “Los conserjes de noche” e tamén “Personal”, “Calles de Madrid”, Completáronse as 2 horas coa predecible apoteose que provocan as xoias “Salitre” e “La ciudad del viento”.


Quique González vive un momento moi doce, cunha excelente banda de apoio, un cancioneiro por riba da media e unha manchea de seguidores. Artistas coma el son necesarios nestes momentos de dominación case absoluta da mediocridade e a imposición comercial. A súa é unha proposta personal, coas ideas claras, asequible para a xente cun mínimo de criterio ou interese e arredada de esnobismos supostamente independentes.

Pepe Cunha 16-dec-08


Etiquetas:

segunda-feira, dezembro 15, 2008

cantos na maré, sons da nosa fala

O Pazo da Cultura de Pontevedra acolleu un ano máis, e xa van seis, o Festival Internacional da Lusofonía Cantos na Maré. Inmediatamente, este nome tráenos á mente a idea dun concerto no que participan músicos e intérpretes chegados de diversos puntos da lusofonía, mais esta definición resultaría ben escasa. De feito, a organización denomina este concerto como o Espectáculo, unha proposta singular, algo máis ca unha habitual sucesión de actuacións individuais de varios artistas, e culminación duns encontros que nos días anteriores abranguen as actividades Documental, Encontro e Rede.


A nómina de artistas participantes xa sería abondo interesante se simplemente viñesen interpretar composicións de cadanseu repertorio, mais o concepto deste espectáculo defínese pola mestura, o traballo conxunto e a interrelación entre os artistas para ofreceren un resultado particular, reflexo dun momento concreto. Así, nos tres-catro días do encontro Cantos na Maré, o azoriano Paulo Borges coordinou unha banda base para a ocasión: Jon Luz de Cabo Verde, voz e cavaquinho; Quiné de Portugal, batería e percusión; Joâo Ferreira de Portugal, percusión; Norton Daiello de Brasil, baixo; Ruben Santos de Portugal, trombón; Paulo Temeroso de Portugal, clarinete, saxo e frauta e Guillerme Fernández de Galiza, guitarra. Con esta formación, o angolano Waldemar Bastos, os galegos Xabier Díaz e Uxía Senlle, a caboverdiana Sara Tavares, o luso Sérgio Godinho e o brasileiro Paulinho Moska cantaron e mesmo se acompañaron en composicións escollidas de cadanseu repertorio, o que xa se presenta coma un alicerce para os artistas: a pequena gran maxia de compartir, reinterpretar e presentaren as súas cancións con outros músicos e arranxos.


Cun chisco de retraso provocado polo cheo absoluto, Uxía e Bastos abriron co himno homónimo do festival, que case dúas horas despois pecharía con todos os artistas sobre o escenario. A pesar dos primeiros momentos do concerto, comprensiblemente dubitativos e un pouco fríos, o motor da banda foi engraxando e a comunicación gañando forza grazas á presenza escénica duns artistas implicados na causa. O resultado foi a conquista da complicidade dun público en cuxo arquivo memorístico gañarían sitio imaxes e sons: a forza comunicativa das letras e a voz de Waldemar Bastos; a intelixente naturalidade dese observador da sociedade que é Sérgio Godinho; o carisma e a vitalidade desbordante de Sara Tavares e Paulinho Moska; o dúo deste último co seu fervente admirador Xabier Díaz en “Lágrimas de diamante”; o estreo do tema “Fame” por un Xabier Díaz en pleno proceso de formación da súa impronta coma intérprete; a complicidade de Tavares e Senlle en “As nosas cores”, tema que compartiron no último álbum da galega; o “One Love” da caboverdiana e a súa irresistible “Balancé” poñendo fin ao concerto ... En definitiva, acadouse ese fin de provocar unha química de complicidade dentro e fóra do escenario, coa humanidade dunha iniciativa que seguir coidando e transmitindo co apoio das entidades públicas e privadas. Por certo, a Televisión de Galicia gravaba o evento e esperemos lle dea o tratamento que merece cultural e artísticamente, con atención á promoción e un horario de emisión que no momento de escribir estas liñas descoñezo.

Detalles a mellorar aparte, que sempre os hai aínda que non cheguen a luxar o espectáculo, é de obrigado recoñecemento o tremendo traballo de Uxía, alma máter do proxecto. Galiza, como realidade cultural de seu, está no mundo e unha das formas de manifestar esa presenza é mediante a reivindicación dos nexos culturais que nos unen con outros puntos do planeta. Neste contexto, Cantos na Maré parte do idioma e sitúa o noso país coma integrante de seu na comunidade lusófona pois, como lembrou un agradecido Paulinho Moska, de aquí saiu o idioma no que eles se expresan. Algo obvio, aínda que moita xente non sexa consciente, queira arredarse ou incluso menosprece esa parte esencial da nosa cultura. No musical seguimos a aprender e a crecer sen prexuízos, como amosaron Guillerme, Uxía e Xabier.
Pepe Cunha 15-dec-08

Etiquetas:

terça-feira, dezembro 09, 2008

John Cale: veu … apenas viu … e convenceu


A visita de John Cale a Galiza era unha desas citas case obrigadas para os curiosos nesto da música popular das últimas décadas. Na súa proposta, este galés de 60 e pico anos, membro dos influíntes The Velvet Underground e produtor de prestixio, sempre amosou unha actitude caracterizada no musical en manter un oído no mercado e outro na experimentación; e no escénico, pola súa sobriedade. Xa que logo, iso foi o que ofreceu no seu concerto na Sala Capitol, onde actuou acompañado de catro músicos novos e moi competentes, como é de esperar cando actúa un dos grandes.

Repasaron temas dos seus discos dos 70, dos álbumes máis recentes e presentaron algunha novidade. O resultado foi un concerto tan estilisticamente variado como a súa discografía, con pezas que abranguen dende un pop naive ao piano a un rock tan directo como o de "Perfect”, ou máis denso e alongado, pasando por experimentacións “avant-garde”, como esa incrible versión do "Heartbreak Hotel". Lembrando o setlist, “Hello, There”, “Amsterdam”, Paris 1919”, “Fear Is a Man's Best Friend” cun, corríxanme se cómpre, interludio do “Claro de Lúa” de Debussy polo medio, “Dirty Ass Rock and Roll”, “Pablo Picasso”, “Big White Cloud”…
Unha hora e media de actuación na que todo foi, se cadra, excesivamente correcto a pesar dalgúns problemiñas técnicos. Iso si, houbo varios grandes momentos, sempre musicais, pois Cale é todo o contrario ao prototipo dun frontman con concesións ao público. Cercano e natural desde a súa apariencia, foxe de calquera aceno de divismo ou lucimento alén do musical; non pretende enganar ou distraer a ninguén. Non obstante, achégase á sequedade e o borderío: apenas se dirixe ao público, non permite fotos, non concede bises a un público que os pedía contento e non presenta os músicos. Sobre o escenario, formaron un cuarteto que regalou un son potente e roqueiro. El coa acústica, o piano e a eléctrica, ademais dun aparello para facer efectos na voz; un guitarrista; un batería e un baixo.
No musical quedamos contentos, mais quen esperase o espectáculo extra-musical dunha estrela do rock agardará unha ocasión máis propicia.

Pepe Cunha 9-dec-08

Etiquetas: , , ,